Como xa fixera hai tres meses cos parques Campelo e Bustelo, o tribunal di que iniciar as obras do Monte Toural pode ser negativo para unha zona húmida alí existente se finalmente constata que a empresa fragmentou ilegalmente o proxecto para facilitar a súa autorización
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) vén de paralizar cautelarmente a construción do parque eólico Monte Toural que Greenalia impulsa en Santa Comba e Coristanco. Como xa fixera hai tres meses cos parques Campelo e Bustelo, o tribunal di que iniciar as obras do Monte Toural pode ser negativo para unha zona húmida alí existente se finalmente constata que a empresa fragmentou ilegalmente o proxecto para facilitar a súa autorización.
Á espera de resolver sobre o fondo da cuestión, denunciado por Adega e a Plataforma para a Defensa da Cordilleira Cantábrica, o TSXG sinala no seu auto de paralización cautelar que “concorren as circunstancias que xustifican a adopción da medida precautoria solicitada”.
Á espera de resolver sobre o fondo da cuestión, denunciado por Adega e a Plataforma para a Defensa da Cordilleira Cantábrica, o TSXG sinala no seu auto de paralización cautelar que “concorren as circunstancias que xustifican a adopción da medida precautoria solicitada”. Así, destaca que é “clara” a existencia dun hábitat ecolóxico que “con certeza” se vai ver afectado polas obras. Ademais, salienta que ese hábitat está recoñecido no Inventario de Zonas Húmidas de Galicia e no Catálogo de Paisaxes de Galicia, así como que habería catalogadas especies ameazadas ou en perigo de extinción.
A sala di que na ponderación de intereses en conflito debe prevalecer a protección do medio ambiente
“Ningún destes extremos relativos á singularidade e catalogación de espazos e especies foi discutido”, indican os maxistrados, que recalcan que se acreditou “un risco de dano irreparable derivado da execución das obras que permite a autorización”.
A Sala entende que, na ponderación de intereses en conflito, a protección do medio ambiente debe, neste caso, prevalecer. Canto á alegación de Greenalia de que a medida lle produciría efectos prexudiciais, pois afirma que previu un investimento de máis de 12 millóns de euros, o TSXG destaca que no caso de que a autorización recorrida resulte conforme a dereito “non se van perder, e desde logo a interesada ningunha alegación fai nese sentido, nin de perda de oportunidade pola suspensión cautelar, porque o único que lle deparará como perda, ao sumo, será un comezo retardado das obras”.
Autos similares a este foron emitidos polo mesmo tribunal hai tres meses para os parques eólicos Campelo e Bustelo por considerar que realmente Greenalia fragmentara un único proxecto para así facilitar a súa autorización por parte da Xunta, cuestión de fondo que aínda debe ser analizada polo TSXG.
Por outra banda, o auto agora emitido polo TSXG, asinado por tres maxistrados dunha sala presidida por Francisco Javier Cambón García, tivo como relator o ex-portavoz de En Marea Luís Villares Naveira. No seu momento o TSXG rexeitou o intento de Greenalia, coa ex-conselleira de Medio Ambiente Beatriz Mato como directiva no seu consello de administración, de recusar a Villares polo seu pasado en política.