Greenalia, pola que Mato fichou ano e medio despois de deixar a consellería de Medio Ambiente, que decide sobre parques eólicos, non quería que Villares, que deixou a política hai dous anos, se pronuncie sobre unha desas instalacións
Greenalia, a enerxética na que a ex-conselleira de Medio Ambiente Beatriz Mato é directiva e forma parte do seu consello de administración, solicitou o pasado ano a recusación de Luís Villares, ex-líder de En Marea, como xuíz encargado de resolver un recurso sobre a autorización que a Xunta deu ao parque eólico Monte Tourado, que a empresa impulsou en Vimianzo. A firma acusaba a Villares de ter un “interese persoal na causa” pola súa “inimizade manifesta” co presidente Feijóo e polos seus pronunciamentos públicos contra a política eólica do Goberno galego. Pero Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), nun auto con data deste xoves 28 de abril, rexéitao.
O auto do tribunal que rexeita a recusación de Greenalia recolle como contra a mesma tamén se pronunciou a Fiscalía. E centra os seus argumentos en que Villares non se pronunciou nunca de xeito concreto durante a súa traxectoria política sobre o parque eólico agora en análise senón sobre a política xeral da Xunta sobre o sector.
Beatriz Mato foi conselleira de Medio Ambiente entre 2015 e finais de setembro de 2018, cando deixou o cargo para ser candidata do PP na Coruña. En febreiro de 2020, menos de ano e medio despois de deixar a Xunta, fichou como directora de desenvolvemento corporativo e responsabilidade social de Greenalia e desde maio do ano pasado tamén forma parte do seu consello de administración. Pola súa banda, Luís Villares era maxistrado da sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) ata que en 2016 entrou en política como candidato e líder de En Marea. En 2020 deixou a política e retornou ao seu posto no TSXG.
Como o propio recurso da empresa lembraba, o parque eólico Monte Tourado foi declarado de especial interese para Galicia, o que facilitou a súa tramitación posterior, por acordo do Consello da Xunta do 6 de setembro de 2018, tres semanas antes de que Mato deixase de formar parte do Goberno galego. O parque obtivo a súa autorización final polo Consello da Xunta en decembro de 2020, e contra esa decisión formulou recurso contencioso-administrativo a Asociación Ambiental e Cultural Petón do Lobo polo seu impacto natural e patrimonial.
A empresa argumentou a “significación política e persoal do recusado fronte á autorización e construción de parques eólicos" cando era político, pero sen citar declaracións directas súas contra o parque en cuestión obxecto de debate na causa na que é maxistrado
Tras pedir a asociación recorrente unha medida cautelar, o tribunal comunicoulla a Greenalia nunha providencia que permitiu á empresa coñecer que entre os catro maxistrados que están a analizar o caso e que decidirán finalmente sobre el está Luís Villares. Foi nese momento no que a empresa formulou o escrito de recusación que agora vén de ser rexeitado polo TSXG.
Nos seus argumentos a empresa invocou a Lei orgánica do Poder Xudicial, que no seu artigo 219 identifica como “causas de abstención e, no seu caso, de recusación” que un xuíz teña “amizade íntima ou inimizade manifesta con calquera das partes”, “ter interese directo no preito ou causa” ou “nos procesos en que sexa parte a Administración pública, atoparse o xuíz ou maxistrado coa autoridade ou funcionario que ditase o acto ou informado respecto do mesmo”.
Para defender a súa postura, a empresa argumentou a actuación política de Villares como líder de En Marea e a “significación política e persoal do recusado fronte á autorización e construción de parques eólicos como o que é obxecto da autorización recorrida neste procedemento”. Segundo dicía, Villares desenvolveu unha “intensa e constante actividade de oposición á política enerxética e medioambiental desenvolvida pola Xunta de Galicia, especialmente significativa no relacionado co denominado sector eólico”. Entre outras cuestións, sinalaba que En Marea pronunciouse contra a normativa impulsada polo Goberno galego en 2017 que permitiu posteriormente que o Consello da Xunta declarase en 2018 o parque de Monte Tourado como de “especial interese”.
Porén, o escrito de recusación non citou declaracións directas de Villares contra o parque de Monte Tourado senón sobre outros parques eólicos. No caso do de Monte Tourado que dá orixe á petición de recusación a empresa só cita declaracións doutros compañeiros de partido e limítase a dicir que “non consta a esta parte que o recusado, daquela líder e portavoz da organización política En Marea, desautorizase publicamente ou discutise as palabras dos seus compañeiros de partido”.
Greenalia tamén argumentou a suposta “inimizade pública, notoria e manifesta do ilustrísimo maxistrado recusado" co presidente Feijóo
O escrito de recusación tamén reprochaba que cando Villares estivo en política activa empregase os seus coñecementos xurídicos previos para facer oposición á Xunta con argumentos xurídicos similares aos que emprega a asociación Petón do Lobo contra o parque de Monte Tourado. Tamén salientaba que antes de entrar en política foi un dos membros dun tribunal do TSXG que emitiu por unanimidade unha sentenza contraria á Xunta nun caso tamén sobre un parque eólico que posteriormente foi corrixida polo Tribunal Supremo, algo que malia acontecer habitualmente con todo tipo de pronunciamentos xudiciais foille reprochado posteriormente a Villares no Parlamento polo presidente Feijóo.
O escrito da empresa tamén apelaba á suposta “inimizade pública, notoria e manifesta do ilustrísimo maxistrado recusado co presidente do Consello da Xunta que dita o acto recorrido”. E concluía aseverando o seu “evidente interese persoal na causa” e que “a ausencia de imparcialidade do recusado é manifesta”.
O auto do TSXG emitido con data deste xoves recolle como tamén a Fiscalía rexeitou a recusación, co argumento principal de que Villares non se pronunciou como político sobre o parque concreto agora a análise xudicial senón sobre a política eólica da Xunta
Porén, o TSXG, no auto emitido con data deste xoves e contra o que non cabe recurso, rexeita todos os argumentos da empresa reiterando os empregados noutro trámite previo desta mesma causa, en particular que o que facía Villares durante a súa etapa na política era unha “crítica xeral, política e xurídica, da lexislación eólica, o que non supón un propósito de inaplicala ou incumprila, sen que se constate obxectivamente unha toma de partido sobre a aprobación do proxecto do presente parque eólico”.
Antes de que chegase a decisión do TSXG de rexeitar a recusación de Villares no caso do parque de Monte Tourado, Greenalia xa presentara outras varias recusacións do mesmo maxistrado noutras causas que tamén a petición de Petón do Lobo analizan permisos similares da Xunta para outros parques eólicos nos que en varios casos as declaracións de "interese especial" que facilitaron as súas tramitacións se produciron cando Beatriz Mato aínda era conselleira de Medio Ambiente.