A fichaxe da ex-conselleira de Medio Ambiente Beatriz Mato pola enerxética Greenalia segue a dar que falar. Menos de dous meses despois de abandonar todos os seus cargos políticos e deixar a súa acta de concelleira, a ex-líder do PP coruñés incorpórase a Greenalia como directora de Desenvolvemento Corporativo e RSC, tal e como anunciou unha compañía que impulsou varios dos seus principais proxectos na época na que Mato formou parte do Consello da Xunta.
"A fichaxe exemplifica os fortes vencellos entre as enerxéticas e determinada clase política; non son portas xiratorias, son verdadeiros arcos do trunfo!", di Adega
A que tamén será futura directora da nova Fundación Greenalia incorpórase á compañía que inaugurará en poucas semanas unha gran planta de biomasa en Curtis, que recibiu o visto e prace ambiental e a posibilidade de ampliar a súa potencia durante a etapa --de 2015 a 2018-- na que Beatriz Mato foi conselleira de Medio Ambiente.
Logo da denuncia e da petición de explicacións do BNG, a través do seu portavoz na Coruña, Francisco Jorquera, e tras algunha alusión nas redes sociais desde as filas dos outros partidos da oposición, é Adega quen pon o foco nunha fichaxe que, segundo di, "exemplifica os fortes vencellos entre as enerxéticas e determinada clase política". "Non son portas xiratorias, son verdadeiros arcos do trunfo!", asegura a organización ecoloxista.
Adega fai un repaso pola evolución o gran proxecto de Greenalia e lembra que xa en xaneiro de 2016 a compañía, daquela Renova Generación, fora adxudicataria de 50 megavatios en biomasa na poxa anual de renovábeis. En outubro, presentou na Xunta un proxecto para a planta de Curtis malia que que "nesa altura o límite de potencia destas plantas eran 10MW, establecido no Decreto 149/2008 aprobado polo bipartito".
"A administración lexislou a favor dos intereses empresariais; foi unha modificación da lei á carta", di Adega sobre a planta de biomasa de Greenalia
"O proxecto sobrepasaba, pois, o máximo legalmente permitido, malia ao cal Industria e Medio Ambiente comezaron a tramitalo", explica Adega, que recorda que "apenas dous meses despois", o PP derrogou esta norma através da Lei de acompañamento dos orzamentos de 2017, liberalizando a potencia das plantas de biomasa. "A principios de 2017 apareceu un proxecto similar coas mesmas características (50MW) e localización (Curtis) da man de Greenalia S.L., nova denominación de Renova Generación S.L.", engade a entidade, que cre que este caso "foi un dos exemplos máis claros de como unha administración lexislou a favor dos intereses empresariais". "Se unha instalación non é legal, pois múdase a norma e listo! Foi unha modificación legal á carta", engade.
Como lembra Adega, finalmente, en agosto dese mesmo ano o departamento da daquela conselleira de Medio Ambiente, Beatriz Mato, autorizou a planta. "Da ilegalidade á autorización en menos de 8 meses!", denuncia.
Ademais, a organización ecoloxista recorda que durante a etapa de Mato como conselleira de Medio Ambiente e ata 2019, a Xunta autorizou tamén 5 parques eólicos ás distintas filiais de Greenalia, e concedeu 795.000 euros en subvencións e 1 millón en préstamos ás empresas do grupo.
"Algúns dos parques autorizados, como o parque eólico Campelo, a carón da lagoa de Alcaián en Coristanco e Santa Comba, amosan graves afeccións ambientais a hábitats prioritarios e mesmo a especies endémicas en perigo de extinción, únicas no mundo", di, aínda que "seguen adiante, deixando claras as prioridades da Xunta á hora de escoller entre os intereses empresariais e a protección do ambiente". "A teor dos outros precedentes citados, estas decisións veñen de ter agora a súa merecida recompensa", conclúe Adega, que lembra que non é a primeira vez que ex-cargos do Goberno galego acaban ocupando postos directivos en empresas coas que tiveron vencellos na súa etapa como responsables políticos.
"As decisións tomadas pola Consellería de Medio Ambiente teñen agora a súa merecida recompensa", di sobre a fichaxe de Mato por Greenalia
Citan así a Carlos del Álamo, conselleiro de Medio Ambiente con Fraga que entrou en ENCE logo de que o PP perdera a Xunta. No consello de administración da pasteira, lembran, comparte cadeira con Isabel Tocino, ministra de Medio Ambiente con Aznar, e Pascual Fernández, secretario de estado de Augas e Costas tamén con Aznar, entre outros. "As decisións tomadas por estes responsábeis públicos no exercicio dos seus cargos foron determinantes para o mantemento de ENCE en Lourizán", rematan.