O sistema de financiamento autonómico son as regras nas que se basean as achegas de cartos do Goberno de España aos Executivos das comunidades autónomas para exerceren as súas competencias. Está rexido por unha lei segundo a cal estas normas teñen unha vixencia de cinco anos que expirou en 2014, polo que leva dez anos caducado. Unha década tras a que a realidade política, económica e social pouco ten que ver coa de 2009, cando foron asinadas.
Esa caducidade das regras marca calquera debate político sobre as achegas do Estado ás autonomías. Tamén o que esta semana tivo lugar no Consello de Política Fiscal e Financeira (CPFF), o órgano que reúne os gobernos autónomos de réxime común (todos agás Euskadi e Navarra) co Ministerio de Facenda. Sobre o CPFF sobrevoou unha eventual reforma que non acaba de concretarse. O que si está a piques de ter concreción é a cifra dos fondos que asignará o Estado a Galicia para 2025. Pero, mesmo antes de chegar, xa permiten ao Goberno galego preparar uns orzamentos de récord.
Alén do tirapuxa político sobre a posible reforma, marcada por factores como as reivindicacións catalás dun trato "singular" e pola estratexia conxunta dos gobernos do PP para denunciar trato de favor á Generalitat de Catalunya en detrimento do resto, o Ministerio ofreceu os primeiros datos sobre as "entregas a conta" para 2025, que experimentarán unha alza do 9,5% ata un total de 147.412 millóns. Esas entregas son os fondos que Facenda anticipa ás autonomías baseándose no que prevé recadar vía impostos; se finalmente recada máis do previsto, inxecta máis fondos e se non, as comunidades teñen que devolver a diferenza.
Entre as críticas ao Goberno de España, o conselleiro de Facenda admite que a Xunta agarda recibir entre un 2% e un 3% por riba dos 10.576 que o sistema de financiamento autonómico asignou a Galicia para este ano
Ao contrario do sucedido durante os anos da crise económica global, nos últimos exercicios esas entregas veñen quedando curtas e o Estado acaba achegando máis do inicialmente previsto. A maior actividade económica tras a pandemia da COVID, as subas de prezos e tamén as alzas dalgúns tributos están propiciando récords de recadación e, polo tanto, máximos históricos de fondos dispoñibles para transferir ás comunidades autónomas.
Así, por exemplo, para este 2024 o Goberno de España asignou a Galicia 9.374 millóns de entregas a conta e a ese montante engadiu 1.287 millóns provenientes do ano 2022, cando se deu o caso de que as entregas quedaron curtas porque a recadación foi máis da estimada. En total, 10.576 millóns de euros.
E, canto chegará en 2025? O Ministerio aínda non o especifica, alén da devandita alza xeral para o conxunto do sistema e o conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, exprésase en termos de "decepción" pola "falta de certeza". Pero el mesmo admite que calcula que eses 10.576 millóns de euros de 2024 aumentarán "entre un 2% e un 3%". Daquela, cabe agardar que o gabinete que preside Alfonso Rueda poida traballar nunhas contas para o ano vindeiro contando con entre 10.787 e 10.893 millóns de euros de financiamento estatal.
O límite de gasto da Xunta para 2025 superará os 13.257 millóns de 2024 mesmo coas renuncias do Goberno galego a ingresar máis vía impostos
A eses importes engádense outras fontes de ingresos, coma os fondos europeos, evidencia o conselleiro. E tamén a débeda, xa que o Estado permitirá que as autonomías asuman un déficit equivalente ao 0,1% do seu produto interior bruto e a cubran con cartos prestados. Isto último, non obstante, sucederá se o PP non bloquea a senda de déficit no Senado na liña do feito este ano, cando a decisión dos de Alberto Núñez Feijóo implicou privar a Galicia duns 75 millóns de euros.
En calquera caso, o que si é posible afirmar xa é que o teito de gasto -máximo de fondos que a Xunta pode gastar, excluída a débeda- para 2025 estará xa por riba dos 13.257 millóns de euros fixados para este 2024. Continúa así unha senda de subas orzamentarias que a Xunta apoia no incremento de fondos estatais e europeos e que non é maior por mor das súas decisións en materia de impostos. Non en van, en 2023 deixou de ingresar uns 270 millóns de euros por mor de diversos recortes de tributos, segundo datos da Axencia Tributaria de Galicia, e en 2022 o custo real destas políticas disparouse a 600 millóns, segundo o Consello de Contas.