O Imposto de Patrimonio atinxe a unhas 8.500 persoas en Galicia que manexan unha riqueza media de 6,7 millóns. A Xunta aplicoulles un desconto do 25% que despois duplicou ao 50%
O Imposto sobre o Patrimonio (IP) atinxe só ás rendas máis altas. Concretamente, a quen ten un patrimonio superior a 700.000 euros -excluída a vivenda habitual ata 300.000- ou, en total, de máis de 2 millóns. Chegou a ser suprimido polo Goberno de España nos tempos de Zapatero (2008), que o recuperou en en 2011 como parte das súas medidas para afrontar a crise económica global.
En Galicia, segundo os datos máis recentes dispoñibles ao respecto (correspondentes a 2021) este tributo atinxe a pouco máis de 8.500 persoas cun patrimonio medio de 6,7 millóns de euros. Nese exercicio saíulles a pagar o imposto á maioría, algo máis de 7.900 persoas cuxa riqueza estaba composta, sobre todo, de accións en empresas, depósitos bancarios e bens inmobles.
Este tributo é un cabalo de batalla política para o PP dende hai anos. Tamén en Galicia, onde o goberno de Alberto Núñez Feijóo decidiu aplicar a este imposto un desconto do do 25% para o ano 2022 e o seu sucesor, Alfonso Rueda, deu en duplicar esa bonificación ata o 50% para 2023. O custo para as arcas públicas da primeira destas decisións xa ten cifras: case 12 millóns de euros, segundo datos oficiais da Axencia Tributaria de Galicia (Atriga).
A Axencia Tributaria de Galicia admite que pasou de ingresar máis de 87 millóns polo imposto que só atinxe aos ricos a 75,7 como "consecuencia da aplicación da bonificación" decidida pola Xunta
A pasada semana a directora da Atriga, Sonia Lafont, acudiu ao Parlamento para expoñer os informes que dan conta da actividade do organismo no ano 2023. O documento evidencia que a recadación tributaria total caeu un 6% a respecto de 2022, de 672,7 a 632,3 millóns de euros. Unha perda de 40 millóns de euros para as arcas públicas que en boa medida ten a súa explicación en decisións políticas do Goberno galego entre as que destaca a devandita bonificación ao imposto que só pagan as rendas altas.
Nun contexto no que o gabinete de Rueda mesmo litigou e manobrou con este imposto para protexer as rendas altas obrigadas a pagalo do imposto estatal ás grandes fortunas, a Atriga acredita que o pasado 2023 acabou ingresando 75,7 millóns por esta vía. Trátase dunha redución interanual do 13,3% que, en cifras redondas, supón unha diminución de 12 millóns de euros. A documentación entregada pola Atriga ao Parlamento admite que esta caída é "consecuencia da aplicación da bonificación autonómica do 25%".
Efectos doutros descontos
A caída na recadación no imposto de patrimonio é a politicamente máis rechamante, pero non a única. Aínda que porcentualmente inferior, tamén é salientable a diminución nos ingresos do erario galego polo imposto de transmisións e actos xurídicos documentados (ITP-AXD), que pasou de algo máis de 354 millóns en 2022 a algo menos de 319 no exercicio 2023.
Sempre segundo o informe entregado pola Atriga ao Parlamento, cómpre atender aos "dous compoñentes" do imposto para explicar a caída: a redución do 10,6% en transmisións inter vivos (de 253 a 226 millóns) e a mingua do 8,4% en actos xurídicos documentados (92,6 millóns en 2023 ronte a 101,1 en 2022). "Esta minoración en ambas modalidades -di a Axencia- produciuse como consecuencia da retracción do mercado inmobiliario en 2023, que supuxo unha caída tanto no número de operacións como no seu importe".
Así e todo, a Atriga tamén admite que a caída "se veu reforzada nos dous últimos meses do ano polo efecto anuncio da diminución dos tipos de gravame nas operacións gravadas por este imposto". A Xunta vén aplicando diversos novos descontos neste tributo dende 2016 que politicamente vén incluíndo no mesmo paquete que os recortes no imposto sobre sucesións e doazóns, partida na que a recadación, así e todo, aumentou no ano 2023 en case 6 millóns de euros, ata 150,2 millóns de euros.
O Goberno galego eleva a 257 millóns o que deixou de ingresar nun só ano polos descontos nos impostos de sucesións e doazóns, transmisións patrimoniais e xogos de azar
O efecto global destes descontos, calcula a Axencia, supuxo que a Xunta perdese de ingresar durante o ano 2023 un total de 257,41 millóns de euros. Esa é a cifra total, indica o balance, do "impacto das medidas normativas" aplicadas pola Xunta no imposto de sucesións e doazóns, no de transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados e mais nos impostos que gravan o xogo de azar.
Segundo o Goberno galego, que non inclúe na suma os efectos do recorte no imposto de patrimonio, estes fondos "quedaron nas mans dos galegos e galegas co obxectivo de reactivar o consumo interno e a actividade económica". A vontade destes recortes de impostos, agrega o informe, é tamén "evitar o despoboamento nas zonas pouco poboadas e recuperar as terras agrarias", así como "manter íntegro o patrimonio das familias en caso de perda dun familiar directo".