A Xunta lamentou ante o Constitucional que o imposto do Estado ás grandes fortunas non deu tempo aos ricos a marchar

Argumentación da Xunta ante o Tribunal Constitucional lamentando que as persoas afectadas polo imposto estatal ás grandes fortunas "xa non podían deixar de ser residentes fiscais en España" cando se enteraron do novo tributo CC-BY-SA Imaxe: Tribunal Constitucional - Montaxe: Praza Pública

O Goberno galego argumentou no seu recurso fracasado que cando o tributo foi anunciado os afectados "xa non podían deixar de ser residentes fiscais en España", ao que o tribunal responde que non hai "dereito algún" á "conxelación" do ordenamento xurídico

"Do novo tributo non tiveron noticia nin poderían tela, como moi cedo, ata moi avanzado novembro de 2022, momento no que xa non podían deixar de ser residentes fiscais en España en dito exercicio, nin adoptar decisións transcendentes para a súa situación tributaria". Esa é unha das argumentacións defendidas pola Xunta ante o Tribunal Constitucional no seu recurso fracasado contra o imposto ás grandes fortunas creado hai un ano polo Goberno de España. 

O Goberno galego lamentou ante o alto tribunal que a rapidez coa que o Estado aprobou ese novo tributo "priva aos contribuíntes do tempo mínimo necesario para organizar o seu patrimonio en aras a optimizar a súa tributación". Entre elas da posibilidade de marchar do país para non pagar. Porén, o Constitucional rexeitou ese e outros argumentos e lembrou que non existe "dereito algún á inalterabilidade do réxime fiscal, nin, en xeral, á conxelación do ordenamento xurídico existente".

Sentenza do Tribunal Constitucional que reflicte os argumentos da Xunta contra o imposto ás grandes fortunas, entre eles o lamento de que a súa rapidez non permitiu aos afectados "deixar de ser residentes fiscais en España" CC-BY-SA Praza Pública

O imposto ás grandes fortunas foi implantado hai un ano polo Goberno de España ante a disparidade de rebaixas aprobadas por diversas comunidades autónomas no imposto do patrimonio, que xestionan elas. En Galicia o imposto do patrimonio afecta a unhas 8.000 persoas, as que contan con bens e dereitos por máis de 700.000 euros sen ter en conta a vivenda habitual ata os 300.000 euros e os que en conxunto superen os 2 millóns. A elas Feijóo rebaixoulles en 2022 nun 25% a cota final a pagar, bonificación que neste 2023 Rueda ampliou ao 50%.

Fronte a esas rebaixas, o imposto ás grandes fortunas introducido grava de xeito progresivo a quen ten máis de 3 millóns de euros e descontando xa "o abonado no imposto sobre o patrimonio". Así, se en 2021, último ano certificado pola Axencia Tributaria, as 8.000 persoas ás que afecta o imposto do patrimonio acumulaban 57.000 millóns de euros polos que abonaron 79 millóns, o imposto ás grandes fortunas só foi pagado este 2023 por unha moi pequena parte dos anteriores, 91 persoas que abonaron 9,8 millóns.

O imposto estatal ás grandes fortunas só afecta a quen resultase moi beneficiado polas rebaixas autonómicas no imposto do patrimonio, de xeito que só o pagaron en Galicia 91 persoas que abonaron 9,8 millóns de euros

Fronte a ese novo imposto estatal varias comunidades autónomas gobernada polo PP, entre elas Galicia e Madrid, recorreron ante o Tribunal Constitucional. A principios do pasado novembro o Constitucional rexeitou o recurso de Madrid, o primeiro que analizou, e avanzou que aplicaría a mesma doutrina ao resto de comunidades, entre elas Galicia. Dúas semanas máis tarde o Constitucional confirmaba tamén o rexeitamento do recurso galego. Pero é aínda agora cando o tribunal fai pública a sentenza que responde ás alegacións concretas da Xunta desbotándoas e que conta cos votos discrepantes de catro maxistrados.

Se a sentenza de Madrid tiña preto dun cento de páxinas, agora a galega non chega á vintena xa que o tribunal remítese á anterior para dar respostas ás alegacións que fosen semellantes. Entre elas a principal era a de que o novo tributo vulneraba a autonomía das comunidades para fixar a súa política fiscal. O Constitucional reitera novamente á Xunta que non é así xa que o imposto estatal "deixa intactas as competencias normativas autonómicas recoñecidas no réxime de cesión do imposto sobre o patrimonio", que "seguirán sendo, única e exclusivamente, as que ela decida".

A Xunta, segundo o Constitucional, reclamaba que as mudanzas de impostos sexan previsibles para que os afectados puidesen "adoptar as decisións que se teñan por pertinentes", entre elas "deixar de ser residentes fiscais en España"

Pero a Xunta tamén alegaba que o xeito en que foi aprobado o imposto estatal vulneraba a seguridade xurídica. A sentenza do Constitucional agora feita pública recolle as argumentacións do Goberno galego ao respecto e entre elas figura a de que entre o anuncio, a aprobación e a entrada en vigor do novo tributo pasou demasiado pouco tempo e as persoas afectadas por el non tiveron marxe para xestionar o seu patrimonio de xeito que puidesen pagar menos. O tribunal reflicte como a Xunta considera que as mudanzas de impostos deberan ser previsibles "coa fin de adoptar as decisións que se teñan por pertinentes", entre elas mesmo a de que os cidadáns afectados puidesen "deixar de ser residentes fiscais en España" para así evitar pagar o novo tributo. 

Rueda e o conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, hai uns días no Parlamento CC-BY-SA Xunta de Galicia

Porén, o Tribunal Constitucional rexeita esa suposta inseguridade xurídica. A sentenza di que "respecto de que [o imposto] se establecera de forma "imprevisible'", na súa resolución previa sobre o caso madrileño xa lembrara a súa "reiterada doutrina" segundo a cal "entre as esixencias da seguridade xurídica non se inclúe dereito algún á inalterabilidade do réxime fiscal, nin, en xeral, á conxelación do ordenamento xurídico existente".

Tras coñecerse a decisión do Constitucional, antes de que agora se coñeza o texto concreto da sentenza, a Xunta impulsou unha reforma legal para aumentar de xeito "temporal" o imposto de patrimonio galego e que así o estatal xa non teña efecto

Tras coñecerse o rexeitamento do Constitucional ao recurso de Madrid contra o imposto ás grandes fortunas, antes mesmo de que o tribunal fixese pública a súa decisión concreta similar a respecto do recurso de Galicia, Xunta e PP presentaron hai un mes unha reforma legal para un aumento "temporal" do imposto do patrimonio galego que permita dese xeito que non se aplique no país o imposto subsidiario estatal

Reverteu así o Goberno galego, á vista da resolucións inminente do Constitucional agora coñecida en detalle, a súa intención previa de perdoar máis imposto do patrimonio a 8.000 ricos galegos que todas as súas deducións polo Imposto da Renda das Persoas Físicas (IRPF).

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.