O Constitucional rexeita o recurso da Xunta contra o imposto ás grandes fortunas

Sede do Tribunal Constitucional e notificación do rexeitamento do recurso da Xunta contra o imposto estatal ás grandes fortunas CC-BY-SA Praza Pública

O tribunal xa resolvera en contra dun recurso similar da Comunidad de Madrid. O Goberno galego xa se vía perdedor e o venres lanzou un aumento "temporal" do imposto do patrimonio para que o das grandes fortunas non se aplique en Galicia.

O Tribunal Constitucional informou este xoves de que vén de desestimar o recurso que a Xunta presentou hai un ano contra o denominado imposto "de solidariedade ás grandes fortunas" implantado polo Goberno de España. O Constitucional xa avalara o imposto estatal hai dúas semanas ante un recurso similar da Comunidad de Madrid e agora estende a doutrina tamén aos recursos similares presentados pola Xunta e pola Junta de Andalucía.

No caso galego, tras a decisión sobre o recurso madrileño a Xunta xa se vía perdedora e o pasado venres anunciou un aumento "temporal" do imposto do patrimonio que recada Galicia para que así o imposto ás grandes fortunas estatal, que é complementario, non se aplique na práctica no país.

O imposto ás grandes fortunas foi implantado hai un ano polo Goberno de España ante a disparidade de rebaixas aprobadas por diversas comunidades autónomas no imposto do patrimonio. En Galicia o imposto do patrimonio afecta a unhas 8.000 persoas, as que contan con bens e dereitos por máis de 700.000 euros sen ter en conta a vivenda habitual ata os 300.000 euros e os que en conxunto superen os 2 millóns. A elas Feijóo rebaixoulles en 2022 nun 25% a cota final a pagar, bonificación que neste 2023 Rueda ampliou ao 50%.

O Constitucional di á Xunta que o imposto estatal é "complementario" do imposto de patrimonio que cobra ela e "non afecta nin interfire en ningunha das competencias autonómicas"

Fronte a esas rebaixas, o imposto ás grandes fortunas introducido hai un ano polo Estado grava de xeito progresivo e descontando xa "o abonado no imposto sobre o patrimonio". Así, se en 2021, último ano certificado pola Axencia Tributaria, o imposto do patrimonio foi pagado en Galicia por unhas 8.000 persoas que acumulan 57.000 millóns de euros polos que abonaron 79 millóns, o imposto ás grandes fortunas só foi pagado este 2023 por unha moi pequena parte dos anteriores, 91 persoas que abonaron 9,8 millóns.

Esa complementariedade dos impostos é o que vén de ratificar o Constitucional, que di o imposto estatal é "complementario" do imposto de patrimonio das comunidades autónomas e "non afecta nin interfire en ningunha das competencias autonómicas".

Comunicado do Tribunal Constitucional co que informa do rexeitamento do recurso da Xunta contra o imposto ás grandes fortunas CC-BY-SA Praza Pública

Tras coñecerse o aval do Constitucional ao imposto estatal en resposta ao recurso da Comunidad de Madrid, e presumindo que a resposta ao recurso galego sería similar, como agora vén de confirmarse, o pasado venres o PP e a Xunta anunciaron emenda aos Orzamentos galegos para 2024. Como o imposto estatal é complementario do autonómico e só se aplica ao que as comunidades deixen de ingresar, o Goberno galego decidiu aumentar novamente o seu imposto do patrimonio para que esa recadación quede en Galicia e non sexa ingresada polo Estado. Unha medida que os populares din adoptar mentres se manteña o imposto complementario estatal.

Prevendo esta sentenza contraria, o venres a Xunta anunciou unha rectificación das súas políticas fiscais, coas que prevía perdoar en 2024 á poboación máis rica uns 34,1 millóns de euros

Antes desta rectificación, se mantivese en 2024 a bonificación do 50% imposto do patrimonio vixente este ano a Xunta prevía perdoar á poboación máis rica uns 34,1 millóns de euros, máis que todas as súas deducións no imposto da renda que paga a maioría da poboación, segundo contou o pasado luns Praza.gal. Una cifra similar podería ser o que xa se perdoou este 2023, contía que aínda está pendente de cuantificar e certificar por parte da Axencia Tributaria.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.