O tribunal resolve en favor do Goberno de España, que creou o tributo hai un ano, e desbota un recurso da Comunidad de Madrid similar ao galego, que agora deberá analizar "aplicando a doutrina sentada"
Hai un ano o Goberno de España aprobou un imposto denominado "de solidariedade as grandes fortunas", un tributo temporal pero que agora quere ampliar e que vai dirixido a poboación que dispoña de máis de 3 millóns de euros. O tributo grava eses patrimonios ao 1,7% ata 5 millóns; ao 2,1% de 5 a 10 millóns e ao 3,5% o que exceda de 10 millóns de euros.
A Xunta, ao igual que outros gobernos do PP como o de Madrid, recorreu ese imposto ao Tribunal Constitucional para defender así as súas progresivas rebaixas de tributos ás rendas máis altas, pero agora o alto tribunal vén de avalar ao Goberno de España. Faino ao rexeitar un primeiro recurso interposto pola Comunidad de Madrid, pero xa avanza que agora o resto de recursos, como o da Xunta, "deberán resolverse aplicando a doutrina sentada" agora.
A Xunta argumentaba que o imposto estatal ás grandes fortunas implicaba deixar sen efecto as súas progresivas rebaixas do imposto de patrimonio que en Galicia só pagan as 8.000 persoas máis ricas, aínda que este se aplica a quen ten máis de 700.000 euros sen ter en conta a vivenda habitual ata 300.000 euros. Isto é, o imposto estatal só se aplica á parte máis rica dos ricos que teñen que pagar o imposto de patrimonio, os que que teñen máis de 3 millóns.
O Constitucional salienta que o imposto ás grandes fortunas é "complementario" do de patrimonio, que as comunidades poden seguir regulando como queiran
Segundo o Constitucional, o imposto ás grandes fortunas "é complementario" do imposto de patrimonio, do que lembra que é de titularidade estatal aínda que está cedido ás comunidades, de xeito que "o satisfeito por este descóntase para determinar a cota do novo imposto, o cal non interfire en ningunha das competencias autonómicas sobre o imposto de patrimonio". "O mínimo exento, a tarifa, as deducións e as bonificacións aplicables" por cada comunidade, di o tribunal, "seguirán sendo, única e exclusivamente, os que esta decida, sen que o imposto sobre grandes fortunas supoña cambio algún".
O Constitucional tamén lembra que no pasado xa recoñecera "que o Estado pode ocupar un espazo fiscal autonómico para armonizalo", co que "con maior razón poderá facelo no seu propio espazo fiscal, como é este".
Outras cuestións que alegaba a Xunta, como que o tributo estatal fose incorporado vía emendas ao proxecto polo que se crearon os novos impostos ás eléctricas e á banca, ou que vulneraba a "seguridade xurídica" xa que a súa entrada en vigor e o pagamento se producían practicamente no mesmo momento, tamén foron desbotadas polo Constitucional ao analizar o recurso de Madrid.
Así, o tribunal di que hai unha clara conexión entre unha lei destinada a crear novos impostos como o das eléctricas e a banca e a incorporación a ela precisamente dun novo imposto ao patrimonio. Tamén desbota os supostos problemas de prazos xa que di que o imposto "non se aplica en relación a un período impositivo, senón só por referencia a unha data concreta", o 31 de decembro de cada ano.
O tribunal lembra que ademais do recurso da Comunidad de Madrid sobre o que agora se pronuncia tamén presentaron recursos a Xunta e os gobernos de Andalucía e Murcia, todos eles do PP. E avanza que eses son "procesos que deberán resolverse aplicando a doutrina sentada en relación co recurso" de Madrid agora resolto.
Entre 2014 e 2021 a Xunta deixou de ingresar mil millóns de euros polas súas rebaixas do imposto de patrimonio, que xeneralizou e incrementou progresivamente nos dous últimos anos
Como amosan os datos da Axencia Tributaria, o imposto sobre o patrimonio afecta a unha minoría da poboación, que no caso galego son unhas 8.000 persoas. Entre 2014 e 2021 as rebaixas dirixidas a ese colectivo supuxeron que a Xunta deixase de ingresar algo máis de mil millóns de euros, ao tempo que esas persoas disparaban por exemplo en 2020 o seus investimentos en "bens suntuarios como coches, barcos, xoias ou peles. Pero as rebaixas foron a máis e nos Orzamentos de 2022 Feijóo incorporou unha bonificación xeral do 25% no que terían que pagar as persoas afectadas por ese imposto e nos de 2023 Rueda aumentouna ao 50%.