A proximidade das eleccións municipais de maio de 2023, que tamén son autonómicas en varias comunidades, combinada co argumentario xeral da dirección estatal do PP contra os impostos, está a situar a cuestión tributaria no centro do debate político. Máis aínda dende que o presidente andaluz, Juan Manuel Moreno (PP), anunciase a bonificación ao 100% -na práctica, supresión-, do imposto de patrimonio, o que grava as fortunas.
As algo máis de 8.000 persoas suxeitas ao imposto en Galicia acumulan un patrimonio de case 50.000 millóns de euros polo que pagan algo menos de 67 millóns
O debate político é recorrente en torno a este tributo, que chegara a ser suprimido polo Goberno de España en tempos de Zapatero (2008) e recuperado polo propio Executivo en 2011 para tentar facer fronte á crise económica global. Están suxeitos a el os patrimonios superiores a 700.000 euros -sen ter en conta a vivenda habitual ata 300.000- e os que, en conxunto, superen os 2 millóns. No caso galego, atendendo aos datos máis recentes da Axencia Tributaria, publicados este mes e correspondentes a 2020, atinxe a 8.242 declarantes cun patrimonio total de 49.463 millóns.
Deles, segundo a mesma fonte, tiveron que tributar 7.646 cun tipo medio do 0,64%. Isto supuxo 66,6 millóns de euros en ingresos para as arcas públicas, un 26,91% menos que en 2019, o maior descenso do Estado. Nese ano a Xunta aínda non tiña en vigor a bonificación do 25% do imposto aprobado polo Goberno que aínda presidía Alberto Núñez Feijóo nos Orzamentos de 2022. Así e todo, segundo datos da propia Xunta, outros "beneficios fiscais" derivados da normativa estatal supuxeron que o erario galego deixase de ingresar uns mil millóns de euros nos últimos oito anos. Concretamente, 1.040,86 millóns.
As exencións supoñen unha mingua de ingresos superior aos cen millóns anuais, segundo a Xunta, perda que aumentará na declaración de 2022 por entrar en xogo a bonificación do 25% aprobada aínda con Feijóo como presidente
Ese dato divulgouno o Executivo galego no Informe de impactos e beneficios fiscais vixentes no ámbito galego dende o ano 2009, entregado ao Parlamento o pasado ano, mentres se desenvolveu a comisión que estudou a posición galega ante unha posible reforma do sistema de financiamento autonómico, que está caducado dende 2014. O documento reflicte perdas de ingresos na contorna dos 100 millóns de euros por rebaixas no imposto de patrimonio dende 2014 e estimaba que en 2021 o impacto superaría os 183 millóns de euros.
Para ese 2021, ademais das exencións derivadas da normativa estatal, a Xunta tiña en vigor varias deducións sobre o imposto do patrimonio. Tal e como recolle a guía do imposto da Axencia Estatal Tributaria, o Goberno galego aprobou desgravacións para este tributo por crear novas empresas ou ampliar a actividade doutras de recente creación, por investimento en empresas agrarias ou por actividades económicas en inmobles en centros históricos, entre outras.
Por esas deducións a Xunta estimaba que deixaría de ingresar uns 600.000 euros. Esa perda sumábase a 4,3 millóns por exencións de vivenda habitual; 1,5 millóns por participacións en empresas que cotizan en bolsa; 1,6 millóns por "bens e dereitos afectos a actividades económicas e profesionais" e, sobre todo, 175 millóns derivados de participacións en empresas non cotizadas nos mercados. En total, unha mingua de 183,09 millóns que, remarcaba a Xunta no documento, "proveñen da normativa estatal", aínda que con marxe de manobra autonómica.
Ante a carreira de rebaixas dos seus compañeiros de partido, Rueda limítase a indicar que Galicia transita por unha "senda propia do imposto de patrimonio e vaise seguir"
Nesa marxe de manobra inclúese a devandita bonificación do 25% da cota incluída nos Orzamentos de 2022. Esas contas tamén trouxeran consigo outras rebaixas para as rendas altas no Imposto sobre a Renda.
Con todo este pano de fondo, o actual presidente da Xunta, Alfonso Rueda, evitaba o pasado martes aclarar se prevé sumarse aos seus compañeiros de partido e afondar nas bonificación do imposto que grava as fortunas. Galicia, dixo Rueda, transita por unha "senda propia do imposto de patrimonio e vaise seguir". Eventuais novas rebaixas, asegurou, serán aplicadas "sen desatender os servizos públicos básicos". De existiren, prevese que o titular da Xunta comece a bosquexalas a semana vindeira, nunha comparecencia solicitada no Parlamento para, formalmente, avanzar detalles do Orzamento de 2023.