As cifras do imposto de patrimonio, recuperado polo Goberno de España en 2011 (no remate do mandato do PSOE de Zapatero, que o suprimira en 2008) para procurar obter incrementar a recadación en plena crise financeira internacional, supoñen cada ano unha radiografía de parte das persoas adiñeiradas que residen en España e en cada comunidade autónoma. A Axencia Tributaria (AEAT) vén de divulgar os datos máis recentes deste tributo, os correspondentes a 2019, e amosan que apenas 8.000 ricos acumulaban daquela en Galicia un patrimonio de case 50.000 millóns de euros.
O groso do patrimonio das fortunas galegas suxeitas ao imposto de patrimonio procede de accións en empresas que non cotizan en mercados de valores
No exercicio previo á pandemia, segundo estes datos, as fortunas galegas suxeitas a este tributo -atinxe a patrimonios superiores a 700.000 euros, descontada a vivenda habitual ata 300.000 euros, ou a patrimonios totais superiores aos 2 millóns- eran unhas oito mil e sumaban 47.894,71 millóns de euros. Isto implicaba un crecemento superior aos 5.000 millóns nun só ano.
Os datos da AEAT tamén permiten tamén, aínda que con limitacións, obter un retrato robot da orixe destes patrimonios. O groso das fortunas galegas procede de accións en empresas que non cotizan en mercados de valores, con máis de 32.000 millóns de euros. Tamén destacan, aínda que a gran distancia, bens inmobles cun valor de case 4.300 millóns de euros.
Máis mulleres ricas, pero máis patrimonio de homes
Resulta tamén significativa a distribución destas grandes fortunas por xénero. En Galicia, un resumo podería ser que as mulleres ricas son máis que os homes ricos, pero os varóns acumulan moito máis patrimonio. Así, en 2019 eran 4.202 as declarantes do imposto de patrimonio e os homes eran uns 400 menos. No entanto, o patrimonio manexado por estes homes superaba os 31.200 millóns de euros mentres que o de titularidade feminina quedaba en 16.700.
Feijóo vén apostando por suprimir o imposto de patrimonio, recuperado polo Estado en 2011 para aumentar a recadación en plena crise financeira internacional
No total do Estado, o patrimonio suxeito a este imposto sumaba en 2019 un total superior aos 730.000 millóns de euros. O maior importe total situábase en Madrid, con case 200.000 millóns e un patrimonio medio por declarante superior aos 10 millóns. A continuación, no segundo lugar dese valor medio por declarante, figura Galicia con case 6 millóns por persoa.
Con estas cifras sobre a mesa, durante o mes de agosto o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, deu en prometer diversas rebaixas impositivas entre as que citou o imposto de patrimonio. A xuízo do tamén líder do PP en Galicia, o obxectivo debera ser "suprimir" este tributo que, dixo, podería ser compensado por outras vías como o IRPF ou o IVE, mantivo.