A Xunta quería perdoar máis imposto de patrimonio a 8.000 ricos que todas as súas deducións no IRPF

Custo para as arcas galegas dos beneficios fiscais aplicados pola Xunta segundo a memoria incluída nos Orzamentos para 2024 CC-BY-SA Imaxe: Banco Central Europeo | Montaxe: Praza Pública

Por primeira vez os orzamentos galegos inclúen unha memoria de beneficios fiscais que cifra en 34,1 millóns o que deixaría de recadar a Xunta en 2024 polas rebaixas no patrimonio aprobadas nos dous últimos anos, fronte a 33,9 millóns das deducións galegas na renda. O venres o PP rectificou.

Nos Orzamentos da Xunta de 2022 o daquela presidente, Alberto Núñez Feijóo, introduciu unha rebaixa do 25% no importe a pagar polas persoas afectadas polo imposto sobre o patrimonio, unhas 8.000 en Galicia. Nos Orzamentos deste 2023 o agora presidente, Alfonso Rueda, aumentou a rebaixa ao 50%. E agora os Orzamentos para 2024, nos que a Xunta dixo que mantería esa e outras rebaixas ás rendas máis altas, cuantifican por primeira vez canto calcula a Xunta que deixaría de ingresar o próximo ano por esas bonificacións no patrimonio: 34.125.000 euros. O venres o PP rectificou, pero esa cifra serve de aproximación ao que probablemente deixará de ingresar este mesmo ano.

Fronte a esas rebaixas no imposto do patrimonio, dirixido ás persoas máis ricas, as deducións autonómicas no Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas (IRPF), o que afecta á inmensa maioría da poboación, serán inferiores, de 33.926.000 euros, segundo o mesmo documento do propio Goberno galego. Unha Xunta que admite que non está a avaliar os efectos das sucesivas rebaixas de impostos malia que así llo vén requirindo desde hai anos o Consello de Contas.

O imposto do patrimonio só afecta en Galicia ás 8.000 persoas máis ricas, as que contan con bens e dereitos por máis de 700.000 euros sen ter en conta a vivenda habitual ata os 300.000 euros e os que en conxunto superen os 2 millóns. Segundo os últimos datos dispoñibles da Axencia Tributaria, feitos públicos en setembro e correspondentes a 2021, ese ano, antes de que Feijóo introducise a primeira bonificación, as arredor de 8.000 persoas que cada año veñen sendo afectadas polo imposto do patrimonio acumulaban uns bens e dereitos totais de máis de 57.000 millóns de euros, polos que tiveron que pagar 79 millóns.

Segundo os últimos datos da Axencia Tributaria, en 2021, antes de que se aplicasen as bonificacións de Feijóo e Rueda, as 8.000 persoas afectadas polo imposto do patrimonio en Galicia acumulaban 57.000 millóns de euros, polos que pagaron 79 millóns

O imposto do patrimonio, suprimido en 2008 e recuperado en 2011, conta desde hai anos con diversas exencións e deducións estatais e autonómicas, como as que benefician a investimentos en determinadas explotacións agrarias ou inmobles en centros históricos, ou os bens e dereitos afectos a actividades económicas e profesionais ou valores que forman parte dos fondos propios de empresas. Pero nos Orzamentos da Xunta para 2022 Feijóo introduciu ademais unha bonificación do 25% sobre o importe final a pagar. Rebaixa que para este 2023 Rueda aumentou ao 50%. 

Fronte a esas rebaixas que tamén se veñen rexistrando noutras comunidades autónomas, o Goberno de España aprobou hai un ano o denominado imposto "de solidariedade ás grandes fortunas", que grava os patrimonios de xeito progresivo: 1,7% entre 3 e 5 millóns, 2,1% entre 5 e 10 millóns e 3,5% a partir dos 10 millóns-. Varias comunidades do PP, entre elas Galicia, recorreron contra ese tributo, pero o Tribunal Constitucional vén de avalalo ao consideralo "complementario" do imposto do patrimonio cedido ás autonomías. Isto é, "descóntase do pago deste novo imposto o abonado no imposto sobre o patrimonio", segundo salienta o Ministerio de Facenda, de xeito que en Galicia só pagaron o novo tributo 91 persoas que abonaron 9,8 millóns de euros.

Tras o aval do Constitucional ao imposto de grandes fortunas, este mesmo venres o PP e a Xunta anunciaron emendas aos Orzamentos para 2024 presentados hai un mes e aínda non aprobados para aumentar novamente de xeito "temporal" o imposto do patrimonio e que así non teña efecto en Galicia o imposto estatal. Unha rectificación que aínda está pendente de aprobarse. 

Tampouco está cuantificado o resultado final que tiveron as bonificacións autonómicas no imposto do patrimonio do 25% en 2022 e do 50% en 2023, pero antes de rectificarse a si mesma a Xunta si cuantificou o que deixaría de ingresar por ese 50% de bonificación se o mantivese en 2024 e non o emendase a última hora, o que permite aproximarse ao que xa deixou de ingresar este 2023 no que si estivo en vigor esa bonificación. A Xunta ofrece esas estimacións na primeira Memoria de Beneficios Fiscais que inclúe nuns Orzamentos, documento que detalla de xeito sistemático ese tipo de rebaixas para 2024 despois de que en anos anteriores esa información se ofrecese de xeito moi parcial e fragmentario noutras partes das contas públicas e sen poder diferencias as bonificacións estatais e as autonómicas. 

A dedución do IRPF para familias con fillos, que supón 17,5 millóns de euros, supón a metade do custo dos beneficios fiscais autonómicos no imposto da renda

Á espera de que se concrete a rectificación da Xunta, a memoria de beneficios fiscais dos Orzamentos é a que cuantifica nos anteditos 34,1 millóns de euros o custo para as arcas públicas da bonificación vixente do 50% da cota a pagar no imposto do patrimonio. E fronte a esa cifra, a mesma memoria de beneficios fiscais cifra en 33,9 millóns o que a Xunta deixará de ingresar en 2024 polas diversas deducións autonómicas no imposto da renda (IRPF), que priman entre outras cuestións o nacemento, adopción e coidado de fillos, a presenza nas familias de persoas con discapacidade, o alugueiro de vivenda habitual ou gastos para melloras tecnolóxicas ou enerxéticas nos fogares. 

A memoria detalla esas deducións pero non analiza as sucesivas rebaixas nin estatais nin autonómicas dos tipos impositivos do IRPF que veñen afectando de xeito dispar segundo o treito de ingresos de cada contribuínte. Tanto a propia memoria da Xunta como expertos universitarios en réxime fiscal consultados coinciden en que iso non son beneficios fiscais, que só se poden entender como dirixidos a colectivos concretos ou buscando un obxectivo económico ou social particular, mentres que os tipos impositivos da renda son xerais.

A memoria de beneficios fiscais tamén permite comprobar que no que respecta a outro tributo, o de sucesións e doazóns, que afecta ás herdanzas, os beneficios fiscais aplicados pola Xunta son con diferenza os que afectan de xeito máis significativo ao que as arcas autonómicas deixan de ingresar. Neste caso os orzamentos permiten comprobar como a inmensa maioría dos beneficios fiscais que o afectan son responsabilidade da Xunta, de xeito que dos 288 millóns de euros que calcula que deixará de ingresar en 2024, o custo debido á normativa autonómica é de 287 millóns, mentres que ás rebaixas froito da normativa estatal apenas supoñen outro millón de euros. 

Polas rebaixas de impostos ás herdanzas a Xunta deixará de ingresar 288 millóns de euros en 2024 despois de que hai catro anos Feijóo elevase de 400.000 a un millón a contía exenta de tributar, o que beneficiou igualmente á poboación máis rica

No caso do imposto de sucesións e doazóns si é posible atopar noutros puntos dos orzamentos de anos anteriores, nos que non se facía pública unha memoria específica de todos os beneficios fiscais, o alcance das bonificacións estimadas para cada exercicio. Unha evolución que permite comprobar a envergadura das sucesivas rebaixas de impostos ás herdanzas que foron implantando os gobernos de Alberto Núñez Feijóo. En grandes liñas, porque inflúen os graos de parentesco ou o uso dunha vivenda como habitual, en 2016 eximiuse de pagar o imposto ás herdanzas de ata 400.000 euros, e en 2020 ampliouse esa marxe ata un millón de euros, o que supón, segundo a propia Xunta, que pasou de afectar a un 1% da poboación a facelo só ao 0,06%, eximindo así a parte da cidadanía máis rica. 

Resumo dos beneficios fiscais ou rebaixas de impostos incluído nos Orzamentos de 2024 CC-BY-SA Xunta de Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.