O Goberno galego comeza a elaborar os seus Orzamentos para 2025 coa premisa de que España vai ben, cunha redución da débeda externa que deixa a capacidade de endebedamento "en máximos históricos"
Hai menos dun mes o líder do PP e ex-presidente da Xunta Alberto Núñez Feijóo aseguraba que España está nunha "aplastante mediocridade económica". Pola contra, este martes o Goberno galego reflectía no Diario Oficial de Galicia unha visión dispar, na que asegura que "a economía española continúa cun maior dinamismo que o resto de países da zona euro" e cunha redución da débeda externa coa que "a capacidade de financiamento do Reino de España está en máximos históricos".
A descrición que o Goberno galego fai da boa marcha da economía española forma parte da Orde coa que a Consellería de Facenda dita instrucións para comezar a elaboración dos Orzamentos da Xunta para 2025. Un documento no que avanza que as apostas do Goberno galego para o próximo ano pasan por seguir impulsando os investimentos en infraestruturas nos eidos sociais.
Facenda comeza a elaborar os Orzamentos para o próximo ano con reproches ao Goberno de España, como en anos anteriores. Entre eles que o Estado aínda non transmitiu ás comunidades autónomas como vai aplicar as novas restricións de déficit nas contas públicas ditadas pola Comisión Europea. "A falta de información ao respecto engade novas incertezas, que se engaden ás habituais na elaboración dos orzamentos", di Facenda.
Porén, a súa diagnose da situación económica é optimista, tanto en Galicia como en España. A nivel estatal a Xunta salienta que o incremento estimado do PIB dun 2,4% para este 2024 "é moi superior á estimación prevista para o conxunto da zona euro, xa que segundo as previsións da Comisión Europea espérase un aumento do 8,8%". "Polo que a economía española continúa cun maior dinamismo que o resto de países da zona euro, principalmente debido ao impulso da demanda interna", salienta Facenda.
A consellería tamén explica que "este maior crecemento da economía española estase a compatibilizar cunha redución do noso endebedamento externo, xa que a capacidade de financiamento do Reino de España está en máximos históricos".
Facenda recolle que o incremento estimado do PIB no Estado este 2024 será do 2,4% e mantén a súa previsión para Galicia do 1,9%
Neste contexto estatal, Facenda di que para a economía galega "a previsión de crecemento do PIB para o ano 2024, incluída nos Orzamentos da Xunta de Galicia para o dito ano, é do 1,9 % e os datos interanuais reportados ata o de agora polo IGE son consistentes con este obxectivo". Isto é, o crecemento do PIB en Galicia este 2024 sería inferior ao estatal.
Vivenda pública, infraestruturas sanitarias, ratio de alumnos por aula ou infraestruturas de servizos sociais son as prioridades da Xunta para o próximo ano
No que respecta ás prioridades para os próximos orzamentos, Facenda salienta que o próximo será o último exercicio completo no que se poderán orzamentar e executar fondos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia da UE, "polo que no 2025 se orzamentarán todos os fondos non executados".
Canto ás actuacións sectoriais, "outra das liñas estratéxicas do goberno galego é o pulo aos programas de vivenda pública, polo que o ambicioso proxecto de poder dispor de vivenda pública en alugueiro e venda é outras das prioridades que se terá en conta nestes orzamentos", di Facenda. Tras a vivenda, o segundo eido citado pola Xunta é a sanidade, na que "se continuará coa prioridade do Plan de infraestruturas sanitarias asegurando a modernización e ampliación das mesmas, así como os investimentos en novas tecnoloxías sanitarias para garantir unha atención sanitaria pública de calidade".
O terceiro eido sinalado por Facenda á hora de priorizar actuacións nos orzamentos de 2025 é a educación, no que di que continuará "atendendo ás necesidades do profesorado no que atinxe ao número de alumnos por aula así como ás melloras retributivas acordadas", fomentando a Formación Profesional e aplicando a prometida gratuidade das matrículas universitarias.
Como cuarta prioridade Facenda sinala, no eido dos servizos sociais, "o despregamento das infraestruturas de servizos sociais, coa finalidade de estender o mapa de servizos á dependencia".