Representantes dos consorcios provinciais de bombeiros e dos sindicatos dos bombeiros comarcais chegaron este xoves a un principio de acordo para desconvocar a folga que o persoal contra incendios mantén desde hai case oito meses.
Segundo informan nun comunicado remitido por todos os actores implicados no conflito, representantes da Xunta, das catro deputacións provinciais e dos sindicatos reuníronse no Consello Galego de Relacións Laborais e asinaron un texto polo que se prevén melloras nas condicións laborais, tanto no que ten que ver co reforzo de efectivos como nos salarios e nos horarios, ademais doutras cuestións.
O acordo entre Xunta, deputacións e bombeiro supón adiar a negociación a despois do 18-F pero garantindo "melloras laborais" e de efectivos e un novo convenio colectivo
O acordo implica que todas as partes continuarán coa negociación para "acadar melloras laborais nos centros de traballo dos consorcios provinciais de bombeiros das catro provincias galegas, é dicir, nos 24 parques comarcais da comunidade". O pacto prevé tamén crear unha mesa de negociación para "concretar a redacción dun novo convenio colectivo e dunha nova Relación de Postos de Traballo (RPT)" para un colectivo que agrupa máis de 400 profesionais.
Con este acordo, bombeiros e administracións adían ata despois das eleccións esas novas negociacións, que se levarán a cabo a partir da semana do 19 de febreiro para non interferir na campaña, cun marco de negociación xa definido e coas melloras garantidas pero pendentes de clarificar e concretar. Ademais, establécese unha comisión de seguimento e establécense prazos cuns mínimos de contratación e horarios a introducir no futuro convenio.
Os profesionais levan meses demandando un incremento de persoal para "poder garantir a seguridade", unha retribución salarial "conforme á valoración dos postos de traballo" e un convenio unificado para toda Galicia, así como conseguir que "se regule un horario que vaia na mesma liña que o resto de persoal que traballa na Administración".
Ademais, insisten en lembrar que a media dos seus salarios rolda os 1.200 euros —moi afastado de calquera outro compañeiro noutras administracións— malia o risco que supón o seu labor.
O principio de acordo chega a pouco máis de dúas semanas das eleccións galegas e logo de fondas diferenzas entre as posturas das administracións e dos bombeiros. De feito, o persoal contra incendios amosou o seu malestar ante declaracións de representantes da Xunta ou dos entes provinciais que os acusaron de absentismo laboral ou de peticións "inasumibles".
Aínda o pasado luns, a asemblea de bombeiros comarcais rexeitou a proposta feita polas administracións para desbloquear o conflito e emprazáronse á xuntanza deste xoves, que rematou, desta vez si, cun principio de acordo á espera de negociar os detalles das melloras salariais e laborais.
Segundo os bombeiros, os centos de peches que se produciron nos parques comarcais desde o pasado xuño, que aseguran que antes se evitaban con horas extras voluntarias que agora se negan a facer, é a mostra da escaseza de efectivos.