A loita dos bombeiros comarcais contra a precariedade: o vello conflito que deixou a privatización

Mobilización de bombeiros comarcais ante a Deputación de Pontevedra CC-BY-NC-ND CIG

Hai case oito anos, e co impulso dos gobernos progresistas nas Deputacións da Coruña, Lugo e Pontevedra, comezábase a poñer fin ao polémico modelo de xestión privada dos parques comarcais de bombeiros de Galicia. Implantado nos últimos tempos de Manuel Fraga, o sistema levaba xa tempo sendo denunciando por uns traballadores que advertían de descoordinación ou condicións laborais e de seguridade precarias. 

Alfonso Rueda defendeu sempre a xestión privada dos parques comarcais e só aceptou que fosen públicos se a Xunta non tiña que pagar máis

O daquela vicepresidente e conselleiro da Presidencia —e hoxe presidente da Xunta—, Alfonso Rueda, abríase a tornar en xestión pública a xestión privada dos 24 parques que dependían (e dependen) de consorcios provinciais de bombeiros participados pola Administración autonómica e as deputacións. Pero facíao a repelo, tras anos defendendo un modelo único por estraño e cunha condición: que a mudanza non lle supuxese ao Goberno galego nin un peso máis, mesmo esixindo aos organismos provinciais que asumisen calquera incremento no custo do servizo e negándose a achegar os 330.000 euros que en Lugo reclamaban para equiparar os soldos do seu persoal aos do resto de Galicia. 

Daqueles pos, estas lamas, resumen os bombeiros comarcais de Galicia, que superan xa os catro meses en folga e manteñen importantes mobilizacións. "Bombeiros pobres, nunca máis", berraron na última delas, o pasado venres ante a Deputación da Coruña e baixo un importante despregue policial. 

Alfonso Rueda, na entrega de material nun parque de bombeiros, nunha foto de arquivo CC-BY-SA Xunta

Os bombeiros reclaman máis persoal, convenio único, salarios que acaben coa "precariedade" e a contratación fixa que marca a doutrina do Supremo

As súas demandas non difiren moito das que facían cando dependían de empresas privadas malia estaren xa baixo a xestión pública en todas as provincias: incremento de persoal para "garantir unhas condicións mínimas de seguridade nas intervencións", un convenio único que consolide as mesmas condicións laborais en todos os territorios, a "restitución da fixeza dos contratos de traballo" tras a súa subrogación ou uns salarios na liña do resto de bombeiros de Galicia e do Estado. Porque as súas condicións, denuncian, teiman na precariedade do tempo da privatización. 

"Quen entre a traballar nun destes parques percibe arredor de 1.200 euros ao mes e traballa o máximo permitido nunha profesión de risco e que está para salvar vidas: 40 horas á semana. Moi lonxe das condicións doutro bombeiro dunha cidade galega ou de calquera outro punto do Estado", explica José Luis Pareja, xefe do parque de Ordes e un dos portavoces do comité de folga, que lembra a orixe dun conflito que estoupa agora pero vén "de moitos anos atrás". 

Os bombeiros levan desde xuño en folga e a súa negativa a facer horas extraordinarias provocou uns 350 peches nos parques por falta de persoal

"O sistema de xestión privada que houbo en Galicia foi un invento que non se entende nin se entendeu en ningures; foi fraguado e defendido vehemente polo señor Rueda durante moito tempo e sendo vicepresidente amosou enormes reticencias ao paso á xestión directa", explica Pareja. "Só a presión, o fracaso do modelo e as irregularidades dos últimos pregos de contratación lograron que se mudase o sistema", engade. O daquela conselleiro de Presidencia presumiu durante anos dun sistema "pioneiro" polo que "pagaba a pena seguir apostando" ou que funcionaba "perfectamente en situacións de emerxencia". E as deputacións, anos despois, gabábanse de que a reversión ao público faría aínda máis barato o modelo

Dependentes xa todos da xestión pública dos consorcios, logo de que este ano a Deputación de Ourense optase tamén pola mudanza, os menos de 450 bombeiros que traballan nos parques comarcais (dez na Coruña, seis en Lugo, catro en Ourense e outros catro en Pontevedra) plantáronse. Levan en folga desde o pasado 15 de xuño, aínda que —aclaran— ningún deles a secundou polo momento. Aínda así, houbo xa preto de 350 peches entre os 24 parques comarcais desde que comezou o paro: un cada dous días. Por que? O persoal de extinción negouse, unicamente, a realizar as horas extraordinarias voluntarias que adoitan facer e a falta de persoal e medios obrigou a paralizar a actividade de numerosas instalacións durante moitas xornadas. 

Mobilización dos bombeiros comarcais de Galicia CC-BY-NC-ND CIG

Para os bombeiros, unha proba evidente da precariedade coa que traballan nos parques, a maioría incumprindo co mínimo de cinco efectivos por quenda que marcan os estándares europeos "e calquera norma de seguridade" e que si cumpren outras administracións. Como nas grandes cidades, onde os bombeiros dependen dos concellos e teñen —aínda con problemas— soldos e condicións moito mellores. "Máis salario e máis medios, mentres nós temos que enfrontar os mesmos problemas, con menos persoal e asumindo moitos máis riscos, non só para nós, senón para a xente a quen prestamos o servizo", explica Pareja. "Hai veces nas que non podemos actuar ante un incendio grave porque, se ocorre algo, non hai quen socorra os compañeiros", explica. 

Por iso, nun dos borradores de convenio presentado polos traballadores, propoñíase un incremento de persoal para pasar de 17 bombeiros por parque a 25 e "permitir que as dotacións sexan seguras polo menos", como lembrou en diversas declaracións Ángel Moldes, presidente do comité de folga, que advirte que os tres efectivos por quenda habituais "non garanten a seguridade dos bombeiros nin moito menos de ninguén nunha intervención".  

"A día de hoxe, e logo de vinte anos, seguimos sen ter procedementos de traballo; legalmente, cunha dotación de tres bombeiros, poderiamos atender poucas cousas: a retirada dunha árbore ou a extinción dunha papeleira. Pero non poderiamos protocolizar a extinción dun colector de lixo porque o perigo é maior... Somos os únicos bombeiros así", denuncia Pareja. 

"Somos servizo público e hai que garantir a nosa seguridade e a da cidadanía; é incrible que sigamos así"

"Somos servizo público e hai que garantir a nosa seguridade e a da cidadanía; é incrible que sigamos así, con este desleixo das administracións e da clase política", insiste quen lembra que seguen a ser tratados como persoal "de empresa privada", con todas as eivas que xa sufrían. "A xestión directa e pública supúxolles unha pataca quente que non son quen de manexar", engade. “Ás administracións dálles igual o servizo de bombeiros e a atención á cidadanía”, di Moldes. 

O conflito alcanzou a súa tensión máxima cos altercados provocados por un enfrontamento entre a policía e os bombeiros que se manifestaron o pasado luns ante a sede da Deputación de Ourense esta semana. Aí, concellos —a través da Fegamp—, deputacións e Xunta uníronse para condenar con contundencia os actos e advertir do "inxustificable e inadmisible uso da violencia". 

Mobilización de bombeiros comarcais na Coruña CC-BY-NC-ND CIG

"Levamos meses sufrindo desplantes, atrasos e adiamentos e vinte anos apostando pola vía do diálogo, pero xa vimos que non foi efectiva", explica Pareja, que advirte da "desesperación" do colectivo, que respondeu "sorprendido" de que as administracións "sexan quen de organizarse" tan rápido para dar unha "resposta conxunta, coordinada e simultánea de condena" mentres eles levan "máis de cen días esperando unha resposta á proposta de condicións de traballo presentada en xullo"

Os bombeiros aclaran que o seu soldo medio é de 1.200 euros ao mes e reclaman unha suba do 50% que deputacións e Xunta ven "inasumible" e "excesiva"

Deputacións e Xunta tamén se uniron para deixar claro estes días que rexeitaban as demandas salariais e laborais dos bombeiros, que consideran "inasumibles" e "excesivas". Desde os traballadores de extinción insisten no abraio. "Pode soar esaxerado reclamar unha suba do 50%, pero se cadra non tanto cando iso supón pasar de 1.200 euros ao mes a 1.800 nun traballo de risco e de servizo esencial coma o noso", aclara Pareja, que explica que o persoal "non esixe nada superior á media do colectivo de bombeiros". De feito, aclaran, hainos  en servizos públicos que superan o dobre da súa retribución.

"Estariamos aínda por baixo e a anos luz do seguinte compañeiro en España a nivel salarial e de condicións. Hai 20.000 bombeiros en España no correcto e 430 en Galicia confundidos?", pregúntase quen tamén lembra que cobran as horas extraordinarias "igual que unha hora ordinaria": "Dá igual que prestemos un servizo extraordinario e perigoso". 

Aínda que hai diferenzas, en ningún dos consorcios provinciais se superan —sen antigüidade— os 23.800 euros brutos anuais, quedando nalgún caso por baixo dos 23.000: 1.700 euros brutos ao mes, uns 1.200 netos. Os bombeiros reclaman un salario base de 32.000, máis complementos. Tamén propoñen traballar 1.640 horas ao ano, fronte ás 1.800 (o máximo) de agora, e compensar as restantes con horas voluntarias que serían bonificadas con 400 euros mensuais. As administracións responden que nin de lonxe chegarían a iso e que as melloras serían progresivas. "Na proposta que enviaron o soldo dun xefe (cabo) de dotación estaría por baixo do dun auxiliar administrativo", denuncia o colectivo. "É un insulto", di Pareja. 

No fondo do conflito, a eterna precariedade. A chispa que o reavivou, en febreiro do pasado ano, cando o Tribunal Supremo unificou doutrina e estableceu —ao abeiro da doutrina europea— que os contratos dos bombeiros comarcais, considerados persoal indefinido non fixo polas administracións, deben pasar a persoal laboral fixo dos consorcios provinciais por teren sido recuperados para o servizo público da externalización previa. Xa que logo, terían que pasar a ser fixos sen un novo proceso selectivo. 

Mobilización de bombeiros comarcais ante a Deputación de Ourense CC-BY-NC-ND CIG

A ausencia dun convenio único

As administracións comprometéronse a cumprir o ditame xudicial e, segundo explican os sindicatos, reclamaron daquela aos bombeiros que non reclamasen xudicialmente a fixeza á espera dun mecanismo para mudar a súa situación contractual. Para logralo, a primeira das condicións era aprobar un convenio único, en lugar dos sete que abranguen os algo máis de 400 bombeiros comarcais de Galicia. Os consorcios presentaron a proposta dese documento unitario no que, segundo o colectivo, non se incluía a valoración dos postos de traballo, ofrecíase unha contía económica "ridícula" e mesmo condicións que "rebaixaban" as que xa tiñan. Mentres, os xulgados seguen a darlles a razón a aqueles que denuncian. 

Aí comezou o conflito que agora segue, que este venres levou os bombeiros a unha nova protesta ante a Deputación da Coruña. Haberá outra ante a de Lugo o vindeiro martes e xa se prepara unha gran manifestación en Compostela para o día 17. "Durante anos houbo abandono e despreocupación por parte das administracións, que derivaban as responsabilidades nas empresas privadas... Ata que lles tocou asumir a xestión pública e directa e non souberon facer", resumen os bombeiros, que non descartan intensificar as mobilizacións se seguen sen recibir resposta ás súas demandas. 

"A nosa loita é a vosa vergoña", retrucan á postura das administracións, ás que instan a negociar. Na última mobilización, na Coruña, insistiron en que os 439 bombeiros comarcais son unha cifra "insuficiente" para atender as necesidades e explicaron que protestan para conseguir "unhas condicións dignas para prestar un mellor servizo á cidadanía". Ademais, repartiron panfletos alusivos ao director xeral de Emerxencias, Santiago Villanueva, ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e ao vicepresidente primeiro, Diego Calvo, para que rematen de vez co conflito e atendan as súas demandas. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.