Bombeiros comarcais de toda Galicia irán á folga indefinida

Bombeiros do consorcio provincial de Pontevedra actuando no Porriño CC-BY-SA Deputación de Pontevedra

Os bombeiros comarcais de toda Galicia irán a unha folga indefinida ás portas do verán para reclamar que se cumpra cunha sentenza do Tribunal Supremo do pasado ano para a conversión a persoal laboral fixo dos profesionais e que se elabore un convenio autonómico coas mesmas condicións para todos.

Máis de 200 bombeiros reunidos en Santiago en asemblea votaron por unanimidade a favor de ir á folga, á que están convocados uns 500 profesionais dos 25 parques comarcais de Galicia e encargados de actuar ante incendios urbanos, accidentes ou en apoio dos focos forestais nos que hai risco para vivendas. 

Bombeiros do consorcio de Pontevedra, intervindo nun incendio dunha nave industrial do Porriño o 20 de abril de 2022 © Deputación de Pontevedra

Os bombeiros comarcais demandan que se cumpra cunha sentenza do Supremo que permite a súa conversión en persoal laboral fixo

Anxo Moldes, da CIG e portavoz da Mesa Intersindical de Bombeiros de Galicia, explicou que a decisión chegara ao non haber "avance ningún" nas mesas de negociación que se abriron nas provincias de Pontevedra, A Coruña e Lugo mentres segue sen cumprirse a sentenza do Supremo. "As administracións pedíronnos que non denunciásemos, que o ían a facer de motu proprio, e ano e medio despois seguimos esperando", dixo. 

Ademais, denunciou que nas negociacións supeditábase a mudanza legal, que é doutrina do Supremo, á sinatura dun convenio "por baixo do que se tiña" e cunha relación de postos de traballo "ilegal a todos os efectos". "Pretendemos desvinculalo: que o acaten e logo negociaremos o que teñamos que negociar", insistiu. 

A mesa intersindical de bombeiros está conformada por CIG, CCOO, UGT e o sindicato independente de bombeiros, pero tamén conta con delegados de CSIF e USO. A folga comezará dentro duns dez días, en función do límite legal establecido polo rexistro da convocatoria.

Vehículo de bombeiros no parque de Vilalba, nunha imaxe de arquivo © Xunta

Foi algo máis dun ano, e mentres a Deputación de Ourense e a Xunta tramitaban o paso á xestión pública do seu consorcio que antes fixeran o resto-, as deputacións coruñesa, lucense e pontevedresa reuníanse para confirmar deran cunha formula para "dar estabilidade" ao persoal dos seus parques de bombeiros. E aseguraban que o farían sen que tivesen que pasar un proceso selectivo específico.

A súa aposta era "aplicar o recollido nunha recente sentenza de unificación de doutrina que ditou o Tribunal Supremo" a respecto dunha traballadora do servizo de axuda do fogar en Navarra. Ese ditame, especifican, "abre aporta a darlles estabilidade aos traballadores dos parques de bombeiros sen teren que pasar por un proceso selectivo".

A idea era estabilizalos como persoal laboral subrogado para que mantivesen a relación laboral de contrato indefinido coa Administración sen teren que pasar previamente por outro proceso selectivo. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.