Xunta e Deputación de Pontevedra aprobaron a pasada semana o paso á xestión directa e pública dos catro parques comarcais de bombeiros da provincia, que se unirán a un modelo que xa se aplica nos seis da provincia de Lugo desde maio de 2019 e nos dez da Coruña desde o 1 de xaneiro de 2020. Os procesos en cada territorio van poñendo fin en Galicia a unha anomalía a nivel estatal que acabará de vez cando Ourense finalice cos trámites que iniciou tamén hai xa uns meses.
Xunta e Deputación de Pontevedra aprobaron o paso á xestión directa e pública dos catro parques comarcais de bombeiros da provincia
O modelo de xestión privada dos parques comarcais de bombeiros fora presentado como a mellor vía para profesionalizar a xestión ás emerxencias e estendido por Galicia nos últimos anos de goberno de Manuel Fraga. Defendido tamén por Feijóo, o PP e a propia Xunta acabaron sucumbindo á reversión ao público deste servizo básico.
A xestión pública dos parques xa se aplica nos seis da provincia de Lugo desde maio de 2019 e nos dez da Coruña desde o 1 de xaneiro de 2020
Fixérono aos poucos tras o cambio político en 2015 nas deputacións, que en mans da esquerda –do PSOE ou en coalición dos socialistas co BNG-- apostaron claramente por poñer fin a este sistema privatizado. A Xunta acabou por mostrarse disposta ao cambio se iso non lle supuña gastar máis. Agora, mesmo presume de modelo e da desprivatización.
O pasado 8 de abril, o Consorcio provincial de Pontevedra para a prestación do servizo contra incendios e salvamento, integrado pola Xunta e Deputación, aprobou no pleno do organismo a memoria para o modelo de xestión directa dos parques de bombeiros do Porriño, Bueu, Ribadumia e Vilagarcía.
Logo de se aprobar tamén as conclusións do informe da comisión xurídico-técnica que avalaron a viraxe, a Xunta presumiu dun "novo avance para a implantación do modelo de xestión directa", toda vez que "se conclúe que esta prestación directa do servizo responde a criterios de eficiencia e eficacia e cumpre co condicionante de que non supoña un aumento de custos garanta os dereitos dos traballadores existentes nin implique maiores achegas económicas para a Administración autonómica".
O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, gabou que se continúe avanzando para permitir "que os cidadáns sigan contando cun servizo profesional, áxil e eficaz". O anuncio para a provincia de Pontevedra é a culminación dun proceso impulsado polas tres deputacións con gobernos progresistas, que hai máis de cinco anos puxeron en marcha os estudos económicos esixidos pola Xunta. Xa aqueles primeiros resultados indicaban que rematar coa xestión privada non só non afectaría á calidade do servizo, senón que ademais o erario aforraría cartos.
A única deputación que se resistía, a ourensá gobernada polo PP e con Manuel Baltar na presidencia, asumiu tamén o novo modelo e xa o pasado verán iniciou os trámites para a mudanza na xestión.
A Deputación de Ourense, a única que se resistía á mudanza, iniciou os trámites para a nova xestión o pasado verán e confirmou a viraxe da Xunta e do PP
Foi a confirmación da fin dun modelo, o dos parques de bombeiros privados para as comarcas galegas --a diferenza dos das cidades que seguiron sendo públicos-- que comezou a facer augas cando transcenderon as ineficiencias que supostamente estaban chamados a evitar.
Descoordinación co resto de corpos de emerxencias públicos, imposibilidade de ser considerados autoridade pública como o resto do persoal deses corpos ou gardas presenciais de só dous bombeiros por parque que despois se aumentaron a tres e dificultaban a atención das urxencias foron algunhas desas eivas.
Moitos outros efectos da privatización foron os que sufriron os propios traballadores deses servizos, con soldos de 1.300 euros ao mes fronte a case o dobre dos compañeiros empregados públicos, imposibilidade de adiantar a xubilación aos 60 como os seus colegas ou mesmo prohibición de falar con máis medios de comunicación que uns poucos elixidos pola dirección de Veicar, como revelou este diario.
Esta empresa chegou a controlar 14 dos 23 existentes en toda Galicia e foi unha das firmas que estivo no foco do caso Enredadera, que investigou posibles casos de corrupción en administracións de toda España e cuxas pescudas agora vense aínda máis ampliadas e salpicaron Xunta e ao Consorcio de Bombeiros de Ourense, controlado a medias polo Goberno galego e a Deputación de Ourense.
A privatización dos parques de bombeiros comarcais de Galicia lanzouse a comezos da pasada década, durante os gobernos de Manuel Fraga, e implicou o 50% á Xunta e ás deputacións, que xestionan conxuntamente esas instalacións a través de consorcios provinciais.
“É mellor e máis barato”, “permite un servizo 24 horas” ou “paga a pena seguir apostando por este sistema” foron algúns dos eloxios que recibiu o modelo da banda do PP e mesmo dalgunha deputación controlada xa daquela polo PSdeG, que hai tempo que mudou a opinión ata impulsar da man do BNG o cambio agora consolidado. Mesmo por Baltar e os populares en Ourense.