As deputacións aceleran a recuperación dos parques de bombeiros privatizados polo PP á empresa no foco do caso Enredadera

Un vehículo de bombeiros, nunha imaxe da empresa concesionaria © Veicar

Veicar, un de cuxos responsables ten escoitas policiais que agora estenden a investigación á Xunta e o Consorcio de Bombeiros de Ourense, intentou expandirse a outras zonas ao tempo que as deputacións controladas por PSdeG e BNG impulsan a fin do modelo lanzado por Fraga

A anomalía que supuña en toda España que os parques de bombeiros comarcais de Galicia fosen de xestión privada e non pública acaba de iniciar a súa reversión. O pasado 1 de maio os primeiros seis deses 23 parques deixaron de estar dirixidos por empresas privadas, comezando así, por iniciativa das deputacións provinciais controladas por PSdeG e BNG, a fin dun modelo lanzado durante os gobernos de Manuel Fraga e que tivo como principal adxudicataria á empresa Veicar. Ela xestionaba tres deses seis primeiros parques agora revertidos ao público e chegou a controlar 14 dos 23 existentes en toda Galicia. 

Veicar é unha das firmas que está no foco do caso Enredadera, que investiga posibles casos de corrupción en administracións de toda España e cuxas pescudas agora vense aínda máis ampliadas e salpican á Xunta e ao Consorcio de Bombeiros de Ourense, controlado a medias polo Goberno galego e a Deputación de Ourense. Escoitas previas realizadas a un responsable de Veicar, Gerardo Feijóo Feijóo, xa imputado na causa, levaron agora ao fiscal a pedir ao xuíz que deduza testemuño e investigue tamén a un dos seus interlocutores, un cargo da Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp), dependente da Xunta. O fiscal tamén pide que se investiguen conversas de Gerardo Feijóo con responsables do Consorcio de Bombeiros de Ourense.

A privatización dos parques lanzouse a comezos da pasada década, durante os gobernos de Fraga, e implicou ao 50% á Xunta e ás deputacións, que xestionan conxuntamente esas instalacións a través de consorcios provinciais

A privatización dos parques de bombeiros comarcais de Galicia lanzouse a comezos da pasada década, durante os gobernos de Manuel Fraga, e implicou ao 50% á Xunta e ás deputacións, que xestionan conxuntamente esas instalacións a través de consorcios provinciais. “É mellor e máis barato”, “permite un servizo 24 horas” ou “paga a pena seguir apostando por este sistema” foron algúns dos eloxios que recibiu o modelo da banda do PP e mesmo dalgunha deputación controlada xa daquela polo PSdeG, que hai tempo que cambiou de opinión e, xunto co BNG, agora impulsa un cambio nos tres entes provinciais que gobernaron xa durante o pasado mandato, os da Coruña, Lugo e Pontevedra.

Veicar, empresa galega dedicada inicialmente a carrozar vehículos que tiña á Xunta entre os seus principais clientes, foi das primeiras en apostar por introducirse nese novo sector pasando a xestionar tamén equipos humanos en ata 14 das 23 comarcas en que se implantou o sistema (Matinsa, filial de FCC, Seganosa, Hasa-Natutecnia ou Celta Prix foron outras das adxudicatarias neste tempo). Veicar chegou a ter ao seu cargo a uns 220 bombeiros comarcais en toda Galicia.

Camión de bombeiros rotulado para a Xunta nas instalacións de Veicar nunha imaxe da propia empresa © Veicar

Descoordinación co resto de corpos de emerxencias, limitacións de persoal ou restricións para falar con medios de comunicación foron algunhas das polémicas que rodearon aos parques privatizados

O modelo dos parques de bombeiros privados para as comarcas galegas, a diferenza dos das cidades que seguiron sendo públicos, comezou a facer augas cando empezaron a transcender as ineficiencias que supostamente estaban chamados a evitar. Descoordinación co resto de corpos de emerxencias públicos, imposibilidade de ser considerados autoridade pública como o resto do persoal deses corpos ou gardas presenciais de só dous bombeiros por parque que despois se aumentaron a tres e dificultaban a atención das urxencias foron algunhas desas eivas. 

Moitos outros efectos da privatización foron os que sufriron os propios traballadores deses servizos, con soldos de 1.300 euros ao mes fronte a case o dobre dos compañeiros empregados públicos, imposibilidade de adiantar a xubilación aos 60 como os seus colegas ou mesmo prohibición de falar con máis medios de comunicación que uns poucos elixidos pola dirección de Veicar, como revelou este diario.

A comezos do pasado mandato municipal as tres deputacións controladas por socialistas e nacionalistas comezaron a presionar á Xunta para mudar o modelo e agora comezan a concretarse as reversións dos parques ao público

A comezos do pasado mandato municipal as tres deputacións controladas por socialistas e nacionalistas comezaron a presionar á Xunta, a súa socia a partes iguais nos consorcios provinciais, para mudar o modelo. Tras anos de ineficiencias, o Goberno galego comezou a rectificar o seu discurso e abriu a man, condicionando a volta ao servizo público a que as deputacións demostrasen que non ía saír máis caro.

Así o foron facendo progresivamente e así o foi asumindo o Goberno de Feijóo. E o 1 de maio deste ano Lugo foi a primeira provincia na que, coincidindo co vencemento de seis dos anteriores contratos (tres deles, en Viveiro, Vilalba e Barreiros, a cargo de Veicar), os consorcios provinciais non os renovaron nin os sacaron novamente a concurso senón que optaron por retomar a xestión pública deses parques. A Coruña farao o ano próximo e en Pontevedra xa se iniciou a progresiva equiparación do salario do persoal. Ourense, a única deputación aínda controlada polo PP, aposta por manter a privatización.

Ao tempo que se viña xestando esta marcha atrás no modelo de privatización dos parques de bombeiros galegos, as investigacións do caso Enredadera revelan como Veicar e outras empresas implicadas na trama intentaban facerse oco noutros mercados.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.