As escoitas do caso Enredadera estenden as investigacións á Xunta e o Consorcio de Bombeiros de Ourense

Vehículo de bombeiros nun parque comarcal xestionado por Veicar © Xunta

O fiscal pide que se abran novas causas tras escoitar conversas dun responsable de Veicar, a empresa que xestiona a maioría dos parques comarcais de bombeiros, con funcionarios da Academia Galega de Seguridade Pública e o consorcio ourensán

As escoitas telefónicas da Operación Enredadera puxeron de manifesto non só a trama para amañar concursos públicos de xestión semafórica en toda España, tamén outros posibles casos de corrupción independentes, o fiscal cita ata 25, que hai que investigar. Así, segundo o escrito do 15 de abril ao que tivo acceso este diario, a Fiscalía considera que un dos responsables de Veicar, a empresa galega raíña nas concesións de parques de bombeiros, cometeu varios delitos polas súas conversas cun cargo da Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp), dependente da Xunta, e co xerente do Consorcio Provincial de Bombeiros de Ourense, un achado casual que hai que investigar xudicialmente.

Gerardo Feijóo Feijóo, responsable de Veicar que está imputado tamén en Enredadera, tivo unha conversa o 21 de febreiro de 2017 con R. F. P., da Academia Galega de Seguridade Pública. A chamada, segundo o informe policial, realízaa o segundo, e dille que lle chama "por un tema da licitación dun seguro". Dille que xa teñen o contrato preparado e Feijóo di que llo mande. R. F. P dille que sacarán unha licitación e que eles, en referencia a Feijóo, terán que facer a mesma oferta, ao que el contesta que si, e que se cinguirán ao prego.

O fiscal considera que tanto o responsable de Veicar como un cargo da Academia Galega de Seguridade Pública deben ser imputados polos presuntos delitos de prevaricación, uso de información privilexiada e fraude á administración pública

Para o fiscal, tanto Gerardo Feijóo como R. F. P. deben ser imputados polos presuntos delitos de prevaricación, uso de información privilexiada e fraude á administración pública. Este diario tentou obter a información de ambos. Gerardo Feijóo declinou facer declaracións. R. F. P si que atendeu a este medio e mostrouse sorprendido pola investigación que reclama o fiscal. "E quen é Gerardo Feijóo? Quen é ese señor?", preguntou nun principio. Pouco despois recoñecía que tratara con el porque Veicar realizou un curso obrigatorio para o seu persoal na Academia de Seguridade. Era un requisito indispensable para conseguir a concesión de parques en Ourense. "Pero pagaron eles á Academia", asegurou o responsable. En concreto, algo máis de 79.000 euros.

Con todo, este home manifestou non ter nin idea da conversa reflectida no informe policial e que serve de base á Fiscalía para pedir a súa imputación. "A Academia non sacou un só concurso en 2017. O único seguro que se tramitou é o xeral da Academia, duns 7.000 euros e convidouse a varias empresas", engadiu para despois facilitar a este diario o nome de todas as aseguradoras convidadas. R. F. P tamén recoñeceu que o número que aparece reflectido no informe é o do seu despacho da Academia de Seguridade. Este funcionario considerou que a súa aparición na causa só podía obedecer a un erro e convidou a este diario a solicitar a Transparencia cantos documentos considerase oportunos.

Imaxe de arquivo dun acto na Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp) CC-BY-SA Xunta de Galicia

Segundo o fiscal, o responsable de Veicar tamén cometeu delitos de prevaricación no nomeamento de cargos públicos e tráfico de influencias para colocar un fillo no parque de bombeiros do Carballiño

Gerardo Feijóo tamén cometeu, sempre segundo o escrito do Ministerio Publico, presuntos delitos de prevaricación no nomeamento de cargos públicos e tráfico de influencias. Baséase nas conversas que mantivo con varios cargos da Deputación de Ourense, nas que figuran un home identificado como 'José Antonio' e outro como 'Celso', este último sería o xerente do Consorcio Provincial de Bombeiros, no que son socias ao 50% a Xunta e a Deputación. Nelas ponse de manifesto como Feijóo encárgase de que coloquen a un dos seus fillos nun parque de bombeiros.

A Policía reflicte nos seus informes que o 27 de febreiro de 2017 Feijóo "chama a José Antonio (Deputación de Ourense) e dille que mandou a relación e horarios do curso de formación. Conclúen que só a praza de Xefe de Servizo xa está adxudicada (ao seu fillo Adrián) e logo hai 30 aspirantes a cabo, bombeiro e para a bolsa. Ante a pregunta se está decidido o Xefe de Servizo, Gerardo Feijóo contesta que está máis que probado, unha persoa de confianza da empresa, ...e aproveito para dicirche... é fillo meu, é o maior meu... é arquitecto e ten cursos de formación en tema de emerxencias... é o meu fillo maior... e... os outros aspirantes... loxicamente xa sabes ti como se fai isto...". Ademais, hai outras conversas días antes co seu fillo Adrián nas que confirma que José Manuel estívolle ensinando o parque de bombeiros de Betanzos.

Días despois, o 3 de marzo, hai unha nova conversa, pero esta vez é con 'Celso', unha persoa que o fiscal non identifica pero que sería xerente do Consorcio de Bombeiros de Ourense. Na charla, este repróchalle a Feijóo que o seu fillo, ao que se vai a colocar como xefe de servizo no parque do Carballino está "a facer as prácticas sen carné". Un dos requisitos é ter o carné de conducir C. En chamadas posteriores, Feijóo aclara que o seu fillo sacará o C cando teña o posto.

O xerente do Consorcio de Bombeiros atendeu a este diario e aclarou que Adrián Feijóo efectivamente é o xefe de servizo do parque do Carballiño desde que se abriu, algo "normal", tendo en conta que "é Veicar, a concesionaria do servizo, a que selecciona ao seu propio persoal", algo no que nin o Consorcio nin a Deputación entran. Ademais, asegurou non lembrar as conversas con Gerardo Feijóo porque se remontan a dous anos atrás. "É normal que falemos, é a concesionaria, pero debería ser Feijóo quen explicase isto", engadiu. O fiscal unicamente pide que se deduza testemuño, por estas conversas, contra Feijóo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.