O Concello de Verín adxudicou en novembro de 2014, cando á súa fronte estaba o tamén senador popular Juan Manuel Jiménez Morán, home de confianza de Feijóo en Ourense, un contrato para a xestión de varios radares á Unión Temporal de Empresas Bilbomática / Veicar Verín, a primeira delas matriz daquela de Aplicaciones Gespol, investigada na operación Enredadera contra unha presunta trama de amaño de contratos de xestión de multas, radares e semáforos en toda España. A segunda firma, Veicar, é a concesionaria de varios parques de bombeiros privatizados, entre eles o de Verín. O contrato foi paralizado polo sucesor de Jiménez Morán, o socialista Gerardo Seoane, que o pasado marzo, como avanzou La Región, recibiu unha demanda na que a UTE reclama ao Concello 850.000 euros por gastos e lucro cesante.
Juan Manuel Jiménez Morán adxudicou cando era alcalde de Verín a xestión de multas de varios radares que logo parou o seu sucesor socialista, ao que agora a firma demanda 850.000 euros por gastos e lucro cesante
A demanda, á que tivo acceso este diario, sinala que a empresa esperaba xestionar en catro anos multas por 18 millóns de euros (dos que ela ingresaría 6,3 millóns), o que suporía unha media de 12.000 euros de sancións cada día nunha vila de só 14.000 habitantes. Agora o Concello contraataca e vén de anunciar que se personará como acusación particular no caso Enredadera.
O contrato para a colocación de dous radares en catro posibles emprazamentos en travesías de acceso á vila e a xestión das súas multas foi xestionado durante o último mandato de Jiménez Morán, alcalde de Verín de 1995 a 2004 e de 2011 a 2015, e senador por designación autonómica desde 2011. O popular foi tamén o home de confianza ao que Feijóo encomendou, sen éxito, tentar arrebatar en 2010 o control do PP de Ourense aos Baltar. E en 2012 outorgou unha licenza ilegal a unha compañeira de partido, daquela directora xeral de Turismo da Xunta, Carmen Pardo, para edificar un chalé en solo rústico.
Tras a adxudicación do contrato en novembro de 2014, un recurso da outra empresa que competira polo concurso público demorou a execución do mesmo. Despois das eleccións municipais de 2015 o goberno local foi asumido por PSdeG e BNG, co socialista Gerardo Seoane á fronte, que considerou que o contrato era prexudicial para as arcas municipais e decidiu bloquear a súa execución. Tras varias negociacións infrutuosas coa adxudicataria, esta presentou o pasado marzo unha demanda contra o Concello no xulgado do Contencioso-Administrativo número 2 de Ourense na que expón as súas reclamacións económicas e as expectativas de negocio que tiña co contrato.
A empresa esperaba xestionar en catro anos multas por 18 millóns de euros (dos que ela ingresaría o 35%, 6,3 millóns), o que suporía unha media de 12.000 euros de sancións cada día nunha vila de só 14.000 habitantes
Segundo a demanda da empresa, que se ampara nun informe pericial, “a cantidade a percibir polas sancións tramitadas e efectivamente cobradas polo Concello ascendería a 18.034.042 euros nos catro anos obxecto do contrato, do que resultaría o 35,01% que constituiría o pago á adxudicataria unha cantidade de 6.313.844,14 euros”. Nesa cifra baséase a empresa para reclamar un 10%, 631.000 euros, como “beneficio deixado de obter”, así como outros 225.000 euros por “custos xa asumidos”, o que suma unha petición de indemnización ao Concello duns 850.000 euros. Por outra banda, eses 18 millóns en multas xestionadas durante 4 anos suporían a imposición dunha media de 12.000 euros en multas cada día durante ese período nunha vila de 14.000 habitantes. Como comparación, os orzamentos municipais totais do Concello de Verín veñen rondando nos últimos anos os 10 millóns de euros.
O actual rexedor, o socialista Gerardo Seoane, considera que esas cifras son reveladoras do “negocio” contrario aos intereses económicos do concello e da veciñanza de Verín que pretendía crear o seu antecesor, o popular Jiménez Morán. E, a xeito de contraataque contra a demanda formulada pola adxudicataria contra o Concello, este mércores o Concello anunciou que se personará como acusación particular no caso Enredadera e que “pon a disposición da Fiscalía toda a documentación relativa ao contrato adxudicado por este concello á empresa Bilbomática para a colocación de radares no termo municipal, investigada a nivel nacional na chamada Operación Enredadera”.