0 Gardados para despois

A concesionaria dos bombeiros privatizados esixe informar de incidencias só a tres xornais e unha radio

José PrecedoJosé Precedo | @joseprecedo


A empresa Veicar, que xestiona 14 parques comarcais de bombeiros en Galicia, prohibiu a todos os seus efectivos, tanto bombeiros como mandos, facer declaracións aos medios de comunicación. Así figura nun código interno remitido ao persoal o pasado 10 de marzo pola dirección desta firma, á que o Goberno galego e as deputacións provinciais da Coruña, Lugo e Ourense adxudicaron a xestión das emerxencias en catorce zonas

O protocolo de actuación remitido ao persoal dos seus parques permite mandar comunicados de prensa "para informar a poboación" en caso de intervencións en sucesos graves pero a información só se poderá enviar a catro medios de comunicación elixidos por ela e sempre con copia aos directivos de Veicar.

Nas instrucións remitidas aos bombeiros dos parques de Verín, Valdeorras e A Limia detállase cales son os correos electrónicos aos que se deben mandar os comunicados. Os medios elixidos son as edicións locais de La Voz de Galicia, La Región, Faro de Vigo e unha emisora da Cadena COPE, ademais dun par de portais web sen apenas audiencia. Para remitir información a outros medios, a empresa subliña que deberá solicitarse permiso á dirección.

A empresa xestiona 14 parques comarcais en Galicia financiados polo Goberno galego e as deputacións en virtude dun modelo inugurado na etapa de Fraga

As ordes que os xestores de Veicar, con 220 bombeiros en nómina, enviou aos seus efectivos e mandos explicitan que as notas de prensa "só se realizarán nas intervencións que teñan certo nivel de gravidade ou que poidan resultar notorias na zona de influencia dos parques". Nelas, "poderase achegar ou non algún documento gráfico sempre que este cumpra con todos os requisitos para ser enviado ao exterior do parque".

Os bombeiros tamén reciben pautas por escrito de como ten que ser a redacción deses comunicados que se remitirán a eses medios de comunicación elixidos: "Non haberá ningunha mostra de subxectividade, nin se farán referencias a datos non probados, nin posibles causas hipotéticas, manterase sempre unha imaxe de calma, e evitarase realizar comentarios que poidan crear discrepancias. Están expresamente prohibidas as manifestacións alleas á intervención, de corte laboral ou que poidan supor unha crítica ao persoal interveniente, os medios, os procedementos ou calquera outra cuestión de corte interno do parque, empresa ou Consorcio".

Bombeiros e mandos teñen prohibido facer declaracións sobre as emerxencias nas que interveñen

O manual de relacións cos medios de comunicación de Veicar apunta que a autoría dos comunicados de prensa compete aos xefes de servizo de cada parque comarcal aínda que na súa ausencia poderán informar os responsables de cada quenda. O protocolo de Veicar remata con dúas advertencias: "Non se poderá realizar ningunha outra comunicación de carácter profesional aos medios, agás que exista unha comunicación expresa para iso por parte da empresa. Cadaquén é responsable unicamente das notas de prensa que escribise".

A circular detalla que esa normativa interna entrou en vigor o mesmo día en que foi remitida ao persoal. No entanto, un portavoz oficial de Veicar apuntou a eldiario.es que o protocolo "é un documento vivo e que xa se está negociando unha nova versión cos traballadores". Este membro da dirección sinala que "a empresa xamais puxo trabas aos medios de comunicación". "Achegáronse os enderezos dos que solicitan información habitualmente, pero esa lista é ampliable", asegura a preguntas deste diario.

Veicar é unha das empresas que estivo na orixe da privatización dos bombeiros de Galicia, onde só os das cidades teñen a condición de funcionarios. A firma, que se reconverteu e pasou de ser unha carroceira de vehículos á xestión das emerxencias a través de adxudicacións de diferentes Gobernos galegos desde a época en que Manuel Fraga era presidente, emprega a 220 bombeiros baixo un modelo de xestión único en España a través de subcontratas que dependen dos consorcios provinciais que financian ao 50% o Goberno galego e cada unha das catro deputacións.

O sistema está amparado pola polémica Lei de Emerxencias de Galicia, contra a que se manifestaron reiteradamente os bombeiros dos parques públicos e privados para conseguir que o Goberno de Alberto Núñez Feijóo reverta o modelo. As fontes internas consultadas sosteñen que o protocolo da comunicación da compañía trata de establecer un férreo control da comunicación e establecer sancións para evitar que os bombeiros se pronuncien contra a privatización do servizo.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.