A Xunta ábrese á fin dos parques de bombeiros privados tras anos impulsándoos

Rueda, cos presidentes das deputacións e o delegado da Xunta na Coruña © Conchi Paz

"É mellor e máis barato". "Permite un servizo das 24 horas". "Funciona perfectamente". "Paga a pena seguir apostando por este sistema". Son só algunhas das innumerables declaracións coas que Xunta e PPdeG, pero tamén antigos dirixentes socialistas como Salvador Fernández Moreda, defenderon durante anos a xestión privada dos parques comarcais de bombeiros, que se comezou a implantar nos últimos tempos da etapa de Fraga como vía para estender un modelo profesional de atención ás emerxencias que fose substituíndo paulatinamente o voluntariado. Estes 24 parques dependen de consorcios provinciais de bombeiros, participados pola Xunta pero tamén polas deputacións, nas que agora os populares están en minoría. Nesta conxuntura, o Goberno galego di estar disposto a abrirse ao cambio de modelo que, agora si, defenden os tres presidentes socialistas.

O vicepresidente da Xunta, de quen dependen as competencias en materia de emerxencias, recibiu o pasado martes en San Caetano aos titulares das institucións provinciais dando lugar a unha foto inédita: un único representante do PP; o ourensán José Manuel Baltar, fronte a tres do PSdeG: Valentín González Formoso, da Coruña, o lucense Darío Campos e Carmela Silva, titular da Deputación de Pontevedra. "Como socialistas é a nosa respondabilidade estudar dende o punto de vista xurídico e económico se é viable recuperar o modelo de xestión pública", indicou o presidente coruñés. E disque Rueda accedeu.

O Goberno galego defendeu ata agora a xestión privada como a máis adecuada

O tamén conselleiro da Presidencia, nun ton máis flexible que nas diversas intervencións parlamentarias que protagonizou ao respecto, sinala que na actualidade si existe disposición na Xunta para "estudar a posibilidade de pasar de indirecta a directa a xestión dos parques comarcais de bombeiros". Isto é, que estes parques deixen de estar xestionados polas empresas privadas contra as que os bombeiros levan anos mobilizándose por, segundo manifestaron en diversas protestas, non garantir condicións de seguridade axeitada, precarizar a profesión ou mesmo provocar a descoordinación en emerxencias graves, caso por exemplo do accidente do Alvia na parroquia compostelá de Angrois.

"Como socialistas é a nosa responsabilidade estudar se é viable recuperar a xestión pública", din os presidentes da Coruña, Lugo e Pontevedra

Neste contexto, indica a responsable da Deputación pontevedresa, Carmela Silva, "os tres presidentes socialistas expuxémoslle ao vicepresidente a necesidade de que se analice, con serenidade e en profundidade, a xestión directa dos parques de bombeiros, pois nós defendemos os servizos públicos". O de bombeiros, abonda, é un "servizo público básico" que atende necesidades de "interese xeral". "O vicepresidente -agrega Darío Campos- non se nega á posibilidade da xestión directa, que é o que nós lle propuxemos, sempre que o custe non sexa superior ao da xestión indirecta" e "por iso lle trasladamos a necesidade de que todas as administracións fagamos uns estudos detallados, non só sobre o prezo, senón sobre o que isto significaría para o persoal que traballa nos parques de bombeiros".

O persoal do servizo denunciou en diversas ocasións carencias de seguridade e descoordinación entre as empresas concesionarias

Eses estudos, precisamente, é o que as cinco institucións acordaron realizar. Durante o vindeiro mes solicitarán "informes xurídicos e económicos" para "avaliar" o posible cambio de xestión. Segundo Rueda "esta non é unha cuestión de ideoloxías", toda vez que o actual modelo "se mantivo" mentres "pasaron nestes anos responsables de distintas formacións" polos correspondentes gobernos". Os informes, asegura, terán en conta a necesidade de "salvagadar o emprego, xa que o paso" á xestión pública traería consigo "previsiblemente, a apertura dun proceso de selección no que non pode estar garantida a permanencia dos seus postos da totalidade do persoal".

Para sindicatos como a CIG a teimosía en manter o modelo de xestión privada responde unicamente a "criterios políticos e económicos" que "non teñen en conta a eficacia e a calidade do servizo". O modelo galego é "único no Estado" e "non garante a seguridade da cidadanía, xa que nos atopamos con parques de bombeiros con tres efectivos con quenda e mal situados xeograficamente", resumen.

Camión de bombeiros dun dos consorcios © Xunta
Manifestación de bombeiros a prol da xestión pública CC-BY-NC-SA CIG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.