A Xunta móstrase disposta a que as deputacións da Coruña, Lugo e Pontevedra poñan fin aos parques de bombeiros privados, que pasarían a ser xestionados de maneira pública. Logo de anos impulsando este polémico sistema nos dispositivos antiincendios, o Goberno galego acepta a iniciativa pero négase a achegar máis cartos, nin tan sequera os necesarios para equiparar salarialmente os traballadores dos diferentes territorios. O vicepresidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, puxo unha condición para este cambio: que os tres gobernos provinciais aproben en pleno un acordo no que se comprometan a asumir todo o hipotético incremento no custo do servizo que poida supoñer a mudanza, pero tamén a que unha suposta baixada nese custo tamén repercuta na achega que fai a Xunta. Mesmo pide que sexan estas institucións as que asuman os posibles gastos derivados das reclamacións laborais dos traballadores.
A Xunta acepta a fin dos parques de bombeiros privados tan só se o cambio de xestión non lle supón ningún gasto máis ao Goberno
Foi en xaneiro de 2016 cando se abriu unha posibilidade que impulsaron os gobernos provinciais progresistas, mentres que a Deputación de Ourense, presididada polo popular Baltar, desbotaba esa posibilidade e optaba por continuar coa xestión privada. Naquela primeira reunión sobre o tema, Rueda pediu informes ás entidades provinciais da Coruña, Lugo e Pontevedra sobre a viabilidade e os custos do traspaso. Desta vez si, todos os presidentes socialistas avogaban por mudar o modelo.
Rueda esixe ás deputacións que se comprometan a asumir todo o incremento no custo do servizo que poida supoñer a mudanza
Durante anos, Xunta, PPdeG e antigos dirixentes socialistas como Salvador Fernández Moreda defenderon a xestión privada dos parques comarcais de bombeiros, que se comezou a implantar nos últimos tempos da etapa de Fraga como vía para estender un modelo profesional de atención ás emerxencias que fose substituíndo paulatinamente o voluntariado. Os 24 parques dependen de consorcios provinciais de bombeiros, participados pola Xunta pero tamén polas deputacións, nas que os populares están agora en minoría.
A intención non é outra que lograr que os parques deixen de estar xestionados por empresas privadas contra as que os bombeiros levan anos mobilizándose por, segundo denuncian, non garantir condicións de seguridade axeitada, precarizar a profesión ou mesmo provocar a descoordinación en emerxencias graves. Na xuntanza deste xoves, o presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos; o da Coruña, Valentín González Formoso; e o deputado de Economía da de Pontevedra, Carlos López, insistíronlle a Rueda na súa intención de recuperar para o ámbito público os consorcios contraincendios.
A Deputación da Coruña xa anunciou que "será a primeira de Galicia" en iniciar o procedemento para que os parques de bombeiros "sexan xestionados directamente e non a través de empresas privadas". O seu presidente, González Formoso, asegurou que os informes elaborados polos técnicos "conclúen a viabilidade económica, xurídica e técnica da xestión pública dos servizos de emerxencias” e ratifican que "non habería ningún incremento no custo do servizo”, en referencia á condición que establecera a Xunta de que as deputacións asumirían calquera sobrecusto.
A Xunta négase a achegarlle á Deputación de Lugo os 330.000 euros precisos para equiparar os soldos dos seus bombeiros aos do resto
No caso da Deputación de Lugo, pola contra, o seu presidente Darío Campos trasladoulle a Rueda a necesidade de igualar os soldos dos profesionais que prestan o servizo contra incendios na provincia de Lugo aos de Ourense. "É de xustiza que polo mesmo traballo e as mesmas responsabilidades, mesmo soldo”, dixo tras aclarar que estes profesionais cobran 3.000 euros menos que os do resto de Galicia cando fan o mesmo traballo; uns 18.000 euros ao ano. Segundo o presidente lugués, o vicepresidente da Xunta rexeitou "completamente" esa posibilidade de achegar os 330.000 euros que, tal e como aclara, lle corresponden á Administración galego por participar ao 50% no Consorcio Provincial de Bombeiros de Lugo, uns cartos que o goberno provicnial ten xa comprometidos no orzamento de 2017.
"Queremos que o PP se aclare, pois en Lugo defenden unha cousa pero en Santiago votan o contrario. É o dobre xogo ao que nos teñen afeitos. O PP de Lugo asumiu compromisos cos bombeiros, sabendo que os seus compañeiros na Xunta non ían cumprilos”, denunciou Campos, que acusa os populares na Xunta de "continuar a bloquear esta xusta equiparación salarial, que si fixeron na provincia de Ourense pero non na de Lugo”.
Ademais, o presidente provincial de Lugo adiantou que, en canto á garantía e viabilidade do modelo público, a Deputación conta xa cos informes positivos da mudanza, tanto a nivel técnico-xurídico como a nivel económico, "podendo ser, mesmo, máis barato".
A Deputación da Coruña di que será a primeira en mudar o modelo pero a de Pontevedra medita agardar a que acabe a concesión actual en 2021
No caso da Deputación de Pontevedra, o seu informe sinala tamén a "viabilidade" do cambio na xestión, pero admítense as consecuencias para o cadro de persoal e a necesidade de facer concursos. Non todo o persoal actual podería obter praza, polo que deberían asumirse custos das indemnizacións que se determinarían máis adiante.
Así, o deputado pontevedrés López Font valora a opción de agardar até 2021, data na que caduca a concesión actual do parque provincial, antes de formalizar o cambio de modelo a unha xestión pública.
Sexa como for, os representantes das tres administracións provinciais xa advertiron que trasladarán a proposta da Xunta aos técnicos de cada Deputación para analizala xuridicamente. Valorarán se é posible aceptar a condición do Goberno galego de aceptar o cambio de xestión só se non custa un só peso máis.