Os parques de bombeiros provinciais da Coruña serán tamén de xestión pública desde 2020

Presentación do acordo para a xestión directa dos parques de bombeiros na provincia da Coruña © Deputación da Coruña

O modelo de xestión privada dos parques comarcais de bombeiros, presentado como a mellor vía para profesionalizar a xestión ás emerxencias, foi estendido por Galicia nos últimos anos de goberno de Manuel Fraga. Defendido tamén por Feijóo, o cambio político nas deputacións hai case catro anos foi virando tamén a postura do PP. As institucións provinciais en mans da esquerda –do PSOE ou en coalición dos socialistas co BNG-- apostaron claramente por poñer fin a este sistema privatizado e o Executivo galego mostrouse disposto ao cambio se iso non lle supuña gastar máis

Os dez parques comarcais provinciais da Coruña pasarán a ser de xestión pública e directa deste 2020

Desde o vindeiro 1 de maio, os bombeiros provinciais de Lugo serán de xestión pública logo de que a Deputación rematase o último trámite o pasado mes de febreiro. Agora tócalle aos da Coruña, despois de que a institución provincial anunciase este venres o acordo coa Xunta para que ambas administracións asuman a xestión dos parques comarcais de bombeiros desde o 1 de xaneiro de 2020. 

O acordo foi aprobado este venres polo pleno do Consorcio Provincial Contraincendios e Salvamento da Coruña, integrado ao 50% pola Deputación e a Xunta, co que se determina a xestión pública e directa dos dez parques comarcais provinciais que dan servizo a unha poboación de case 600.000 habitantes e que contan con 178 efectivos. Ponse fin, así, a unha xestión realizada a través de concesións privadas a empresas e que recibiu duras críticas por parte de sindicatos e persoal. 

Camión de bombeiros, na Coruña © Concello da Coruña

O anuncio para a provincia coruñesa chega logo de que as tres deputacións con presidencias do PSdeG -no caso da Coruña e Pontevedra, cogobernadas co BNG- puxesen en marcha os estudos económicos esixidos pola Xunta. Os primeiros resultados indicaban que rematar coa xestión privada non só non afectaría á calidade do servizo, senón que ademais o erario aforraría cartos

Segundo se anunciou este venres, o aforro no caso coruñés sería de máis de medio millón de euros, mentres que en Lugo calculábase que sería duns 260.000 euros. Ademais, permitirase a subrogación do persoal, que reclamou durante anos a fin da privatización. 

Formoso destaca que o proceso foi "difícil no burocrático e no administrativo" e sinala o aforro de 503.000 euros anuais con respecto ao actual modelo

Foron o presidente da Deputacion, Valentín González Formoso; a vicepresidenta, Goretti Sanmartín; o director xeral de Emerxencias, SantiagoVillanueva; e o portavoz da Mesa Intersindical de Bombeiros, Ángel Moldes, os que presentaron este acordo que chega logo de múltiples reunións durante os últimos anos. 

Formoso destacou que o proceso foi "difícil no burocrático e no administrativo" e que "houbo que pelexar" para logralo. Ademais, aclarou que os informes xurídicos e económicos encargados polo Consorcio determinaron que a xestión directa “é a fórmula máis sostible e eficiente”, pois non só é viable dende o punto xurídico, senón que supón "un aforro económico de 503.000 euros anuais" con respecto ao sistema actual.

A vicepresidenta da Deputación, Goretti Sanmartín, subliñou que o acordo permite “cumprir o dixemos dende o inicio: que un servizo esencial debe ser público” e considerou “un exemplo” o proceso de negociación levado a cabo durante meses coas administracións e traballadores. “Será un cambio beneficioso para o conxunto da poboación”; afirmou Goretti Sanmartín.

Tal e como sinalaran xa desde a Deputación de Lugo, o paso á xestión pública é tamén resultado da iniciativa conxunta das tres deputacións gobernadas polo PSdeG. Pola contra, na de Ourense, o seu presidente, José Manuel Baltar, opúxose ao cambio de xestión e quedou á marxe do cambio de modelo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.