Os bombeiros provinciais de Lugo serán de xestión pública dende o 1 de maio

Vehículo de bombeiros no parque de Vilalba, nunha imaxe de arquivo © Xunta

Nos últimos tempos da etapa de Manuel Fraga á fronte da presidencia a Xunta estendeu por Galicia o modelo de xestión privada dos parques comarcais de bombeiros, presentado como a mellor vía para profesionalizar a xestión ás emerxencias, reducindo paulatinamente o peso do voluntariado. Estes bombeiros dependen dos catro consorcios provinciais, participados pola Xunta e polas deputacións, institucións provinciais dende as que durante anos se multiplicaron os eloxios ao modelo de bombeiros privados por ser "mellor e máis barato", entre outros argumentos.

As deputacións da Coruña, Lugo e Pontevedra apostaron hai tres anos pola xestión pública dos bombeiros e a Xunta dixo estar disposta tras anos a impulsar o modelo de xestión privada

O Goberno de Alberto Núñez Feijóo tamén defendeu durante anos a xestión privada destes parques . No entanto, comezou a virar a súa posición hai máis de tres anos, nos primeiros compases dun mandato municipal no que o PP só conservou unha das catro deputacións. Daquela as institucións provinciais da Coruña, Lugo e Pontevedra manifestáronse abertamente a prol de poñer fin ao modelo de bombeiros privatizados e o Goberno galego dixo que estaría disposto ao cambio sempre e cando non lle supuxese gastar máis

Darío Campos e o deputado provincial Eduardo Vidal, con representantes dos bombeiros © Deputación de Lugo

O vindeiro 1 de maio as empresas Veicar e Hasa-Natutecnia deixarán de xestionar os parques de bombeiros de Barreiros, Vilalba, Monforte, Sarria e Chantada

As tres deputacións, con presidencias do PSdeG -no caso da Coruña e Pontevedra, cogobernadas co BNG- puxeron en marcha os estudos económicas esixidos pola Xunta e os primeiros resultados indicaban que rematar coa xestión privada non só non afectaría á calidade do servizo, senón que ademais o erario aforraría cartos. Estes dous eixos foron os desenvolvidos pola Deputación de Lugo os últimos meses ata pasar, esta mesma semana, o derradeiro trámite para a xestión pública do servizo.

O vindeiro 1 de maio, cando vence o contrato formalizado en 2011 para a xestión privada dos parques de bombeiros de Barreiros, Viveiro, Vilalba, Monforte, Sarria e Chantada, as empresas concesionarias non terán opción á prórroga á que quedou a porta aberta hai oito anos. As concesións a Veicar e Hasa-Natutecnia darán paso á xestión directa, en virtude do acordo do pleno do Consorcio Provincial de Bombeiros celebrado o pasado día 12.

A Deputación calcula un aforro de 260.000 euros anuais e subliña que os profesionais pasan a ser persoal laboral a cobrar "exactamente o mesmo que o resto dos seus compañeiros de Galicia"

Segundo os datos manexados pola Deputación, "o modelo de xestión proposto por Darío Campos", presidente da Deputación, "supón un aforro de 260.000 euros ao ano" e as 117 persoas que conforman o cadro de persoal serán subrogadas. Isto é, manterán os seus postos de traballo pero xa sen depender das compañías privadas. Trátase, nomeadamente, de 75 bombeiros, 36 cabos e 6 xefes de parque que pasarán a ter a consideración de persoal laboral considerado como "profesionais de actividades de risco"

O paso á xestión pública, avanza o ente lucense, trae ademais consigo a resposta a unha das demandas que deu lugar a máis mobilizacións entre os bombeiros da provincia de Lugo nos últimos anos, a equiparación salarial con profesionais que desenvolven este mesmo labor noutros puntos do país. "Os 117 traballadores dos parques de bombeiros de Lugo por fin cobran exactamente o mesmo que o resto dos seus compañeiros de Galicia", conclúe Campos. Ambas propostas "baseáronse en informes xurídicos e económicos da Deputación qeu garanten a viabilidade da xestión pública".

Manifestación de bombeiros en Lugo a prol da xestión pública CC-BY-NC-SA CIG

Neste sentido, Campos resalta tamén que o paso á xestión pública do vindeiro 1 de maio é tamén resultado da iniciativa conxunta coas deputacións coruñesa e pontevedresa. Mentres, subliña, "Baltar opúxose ao cambio de xestión e a Xunta mantívose á marxe". Tanto a deputación da Coruña como a de Pontevedra subliñaron nos últimos meses tamén que estaban a traballar en procesos semellantes.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.