A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, o presidente da deputación de Lugo, Darío Campos, e a vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín, mantiveron este mércores unha xuntanza co vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, ao que lle propuxeron a creación dunha comisión xurídico-técnica para avanza no proxecto de xestión directa dos parques de bombeiros provinciais. A primeira xuntanza terá lugar dentro de quince días para, despois, convocar outra de carácter político asentada “en piares firmes”.
As tres deputacións reafirmaron a súa vontade de camiñar cara o cambio de modelo, apostando pola xestión directa. A Deputación Provincial de Ourense fica como a única que segue defendendo a xestión privada. Nas últimas semanas A Coruña, Lugo e Pontevedra avanzaron neste camiño, levando a cabo estudos individuais sobre a situación e necesidades dos seus actuais parques e consorcios, nos que contaron coa participación dos propios traballadores e traballadoras. Ademais, puxeron en común estas primeiras análises, de cara á elaboración nas vindeiras semanas dun "estudo conxunto e profundo no que se avalíen os mesmos indicadores e no que teñan participación os servizos técnicos de todas as administracións implicadas".
En rolda de prensa recoñeceron que nos seus informes “manexan datos distintos e parten de situacións diferentes tanto a respecto da situación laboral inicial como das condicións nas que se fixeron as concesións no seu momento". "Hai disparidade entre as tres deputacións polo que puxemos sobre a mesa a necesidade de crear unha comisión técnica que avaliase e intentase unificar esa diversidade dos tres consorcios”, indicaron.
Con todo, o informe preliminar da Deputación da Coruña indica que a xestión directa dos parques de bombeiros podería supor un aforro económico para a administración e a cidadanía con respecto á situación actual. O estudo analiza o custe do servizo, e non inclúe os gastos derivados do traspaso do persoal nin o posible incremento dos salarios co obxectivo de homoxeneizar as condicións laborais.
Pola súa banda, Alfonso Rueda reiterou a disposición da Xunta a cambiar o modelo de xestión dos parques comarcais "sempre que non supoña un maior custe e que se garantan os empregos dos traballadores que prestan o servizo a día de hoxe". En xaneiro, por vez primeira, o Goberno galego abriuse a admitir a recuperación da xestión pública para os parques de bombeiros, despois de anos de apostar pola xestión privada, baseándose nun suposto aforro económico.