Os parques comarcais de bombeiros de tres das catro provincias galegas teñen xestión pública directa. A cuarta, a de Ourense, está en proceso para desprivatizar un servizo de emerxencias que, nos últimos anos do Goberno de Fraga, se estendeu pola vía das concesións a empresas privadas, sistema que tamén defendeu o gabinete de Alberto Núñez Feijóo ata finais da década pasada, cando acabou accedendo ás reclamacións das deputacións non gobernadas polo PP, as da Coruña, Lugo e Pontevedra.
Os gobernos provinciais de PSdeG e BNG subliñan que unha recente sentenza do Supremo sobre o servizo de axuda no fogar de Navarra lles permite "estabilizar" os bombeiros tal e como "queriamos facer"
Foi en 2017 cando o vicepresidente Alfonso Rueda, como máximo responsable da Consellería con competencias en materia de emerxencias, accedeu á fin dos parques de bombeiros privados, sempre e cando non supuxese maior gasto, advertía. No trienio seguinte, o regreso á xestión pública fíxose efectiva nas tres provincias con gobernos do PSdeG e do BNG nas deputacións, institucións responsables dos consorcios provinciais de bombeiros ao 50% co Goberno galego. Alén da aposta política, veñen subliñando, o resultado é ademais que o servizo sae máis barato.
Con este pano de fondo -e mentres a Deputación de Ourense e a Xunta tramitan o paso á xestión pública do seu consorcio-, esta semana as deputacións coruñesa, lucense e pontevedresa reuníronse para confirmar que veñen de dar cunha formula para "dar estabilidade" ao persoal dos seus parques de bombeiros, unhas 400 persoas. E para facéreno ademais, agregan, sen que teñan que pasar un proceso selectivo específico.
Os presidentes das deputacións da Coruña e Lugo, Valentín González Formoso e José Tomé, e mais o deputado de Economía da institución pontevedresa, Carlos López Font, explican que a súa aposta é "aplicar o recollido nunha recente sentenza de unificación de doutrina que ditou o Tribunal Supremo" a respecto dunha traballadora do servizo de axuda do fogar en Navarra. Ese ditame, especifican, "abre aporta a darlles estabilidade aos traballadores dos parques de bombeiros sen teren que pasar por un proceso selectivo", resume Tomé.
"O que faremos -especifica- é estabilizalos como persoal laboral subrogado". Deste xeito, manterán "a relación laboral de contrato indefinido coa Administración" sen teren que pasar previamente por outro proceso selectivo. "É o que queriamos facer e entendemos que a sentenza do Supremo avala a nosa postura" que, di, "busca garantir a continuidade e a calidade na prestación dun servizo público esencial"
As tres deputacións din agardar que a Xunta, que participa ao 50% nos consorcios provinciais de bombeiros, se sume á estabilización do persoal igual que acabou accedendo a rematar coa xestión privada do servizo
As tres deputacións dispóñense agora a informar as centrais sindicais e, din, "trasladarán á Xunta o informe dos respectivos servizos técnicos" para aplicar a medida. Din esperar que a Xunta "se sume a esta posición" igual que acabou accedendo cando, subliña Formoso, "as tres deputacións aquí presentes apostamos por reverter a situación de privatización destes servizos".
Como vén informando este diario, a xestión privada dos parques comarcais de bombeiros dependentes dos consorcios provinciais tiña efectos directos nas condicións laborais do persoal. Así, viñan cobrando apenas 1.300 mensuais, practicamente a metade que os seus homólogos en servizos públicos. Ademais, sinalaban a imposibilidade de adiantar a xubilación aos 60 como os seus colegas ou mesmo medidas como a prohibición de falar con máis medios de comunicación que uns poucos elixidos pola dirección da empresa concesionaria Veicar.