Os bombeiros da provincia de Lugo ven equiparado o seu salario aos do resto de Galicia

Camión de bombeiros dun dos consorcios © Xunta

O Presidente da Deputación de Lugo e do consorcio provincial de Bombeiros, Darío Campos, anunciou este mércores que os 117 traballadores dos parques de bombeiros da provincia cobrarán neste mes de xuño o mesmo que os seus compañeiros de Ourense, equiparando o salario dos profesionais lucenses cos do resto de Galicia. A decisión, indica a Deputación, suporá un incremento do seu gasto de 660.000 euros ao ano. “Trátase dunha vella reivindicación, pola que levamos loitando dende o ano 2016, que non se puido materializar antes pois a Xunta de Galicia non achegou os 330.000 euros que debería ter achegado”, salientou Campos.

O presidente da Deputación, Darío Campos, critica que a suba demorouse desde hai dous anos porque a Xunta non achegou a súa metade do incremento

O Pleno do Consorcio de Bombeiros celebrado este mércores aprobou tamén a adquisición de novo equipamento para o corpo por uns 325.000 euros que irá destinado aos parques de Viveiro, Vilalba, Barreiros, Monforte, Sarria e Chantada. O consorcio tamén acordou reclamar á empresa privada que xestiona os parques que repoña diverso material que retirou dos vehículos nos parques de Monforte e Chantada.

O Consorcio adoptou estas medidas en pleno debate e negociación entre as deputacións e a Xunta sobre a volta dos parques provinciais á xestión pública, revertendo así a privatización da súa xestión. O Goberno galego abriuse a esa posibilidade pero só se iso non lle supón gastar máis.

Darío Campos con bombeiros provinciais nunha foto de arquivo Dominio Público Deputación de Lugo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.