"Pobres, nunca máis": os bombeiros seguen na rúa tras rexeitar Xunta e deputacións as súas demandas

Mobilización de bombeiros comarcais na Coruña CC-BY-NC-ND CIG

Logo dos altercados acontecidos esta mesma semana na protesta ante a Deputación de Ourense, os bombeiros comarcais —en folga desde o pasado mes de xuño— levaron este venres as súas reivindicacións ante a sede da entidade provincial coruñesa. Uns 300 traballadores concentráronse reclamando solución a un conflito de meses pero que vén derivado de anos atrás e no que reclaman poñer fin ás súas "precarias" condicións laborais, tanto no salarial como pola escaseza de medios e persoal. 

A policía identificou un a un aos bombeiros para acceder á zona delimitada para a concentración ante a Deputación da Coruña

"Bombeiros pobres, nunca máis", berraron os bombeiros, colectivo que denunciou o "desproporcionado" despregamento da policía, cuns quince furgóns antidisturbios, que obrigou os manifestantes a seren identificados un a un para poder acceder á zona delimitada para a concentración. 

Denuncian o "desleixo" e o desinterese en arranxar a problemática e en atender as súas demandas básicas, así como o incumprimento dos "compromisos" que deputacións e Xunta levaron a cabo ao se consolidar nos catro territorios o paso do polémico modelo de xestión privada a un de xestión pública que os bombeiros aseguran que mantén boa parte dos problemas do anterior. 

Mobilización de bombeiros comarcais de Galicia, na Coruña CC-BY-NC-ND CIG

Así, reclaman un convenio único para todos os bombeiros comarcais galegos —dependentes en cada provincia de cadanseu consorcio, no que participan Xunta e a Deputación correspondente— que mellore as súas condicións, ademais da restitución da fixeza dos seus contratos en virtude ao cumprimento dunha sentenza do Supremo e o aumento de persoal nuns parques nos que, advirten, traballan baixo mínimos e sen cumprir co número de efectivos requirido. 

A proposta dos bombeiros é alcanzar arredor dos 1.800 euros netos mensuais, elevando uns soldos que, segundo denuncian, sitúaos entre os peores pagados de todo o Estado e moi lonxe dos salarios que perciben, por exemplo, os seus compañeiros das grandes cidades galegas, onde dependen dos concellos. 

Xunta e deputacións consideran excesivas as demandas salariais dun colectivo que cobra, de media, segundo denuncian, 1.200 euros ao mes

Lembran que as súas retribucións melloraron moi pouco co paso á xestión pública e que os soldos, sen antigüidade, de calquera bombeiro comarcal en Galicia rolda os 1.200 euros de media. Aínda que hai diferenzas, en ningún dos consorcios provinciais se superan os 23.800 euros brutos anuais, quedando nalgún caso por baixo dos 23.000: 1.700 euros brutos ao mes

As deputacións e a Xunta uníronse para denunciar publicamente os altercados ante a sede da Deputación de Ourense, pero tamén para deixar claro que as demandas dos bombeiros lles parecen "inasumibles" e excesivas. Os bombeiros retrucan que esa suba de arredor do 50% que non aceptan as administracións suporía unicamente situar os seus salarios nun mínimo que percibe calquera outro compañeiro dependente doutras administracións, pero aínda lonxe dos soldos doutros parques, mesmo en Galicia. Sería unha base mínima de 32.000 euros anuais, ademais dos complementos. 

Mobilización de bombeiros comarcais na Coruña CC-BY-SA USO

Os bombeiros, unidos nunha folga e mobilización que apoian todos os sindicatos, pretenden tamén unha rebaixa da súa xornada laboral, que se sitúa no máximo de horas ao ano, 1.800, dos 74 días completos actuais aos 63. E lembran que son as horas extraordinarias as que permiten o funcionamento dos parques e evitar o peche de moitos pola falta de efectivos necesarios. Así ocorreu, de feito, numerosas veces durante estes meses de folga na que a negativa a realizar esas horas extras obrigou a botar o feche en diferentes instalacións. 

Concentración de bombeiros comarcais na Coruña CC-BY-SA USO

"É a lei"

O persoal de extinción propón traballar 1.640 horas ao ano, como calquera traballador público, e compensar as restantes con horas voluntarias que serían bonificadas con 400 euros mensuais. Malia as críticas das administracións, que consideran esaxeradas as súas peticións, os bombeiros advirten, por exemplo, que unha das propostas salariais enviada supoñía que un auxiliar administrativo recibise un salario maior que un cabo do servizo contra incendios. 

"Pedimos que se cumpra a lei, traballar as horas dun traballador público. Se non lles gusta, é a lei", lembraron, ademais de advertir que a media de 1.200 euros que cobran é o que lles pagan para que xoguen "á ruleta rusa durante 40 horas á semana, non 77 e media nin 36", insistiron. 

Os bombeiros mobilizados anunciaron xa novas protestas nos vindeiros días, así como unha gran manifestación en Santiago o próximo 17 de novembro. Na Coruña, centraron as súas críticas no presidente da Xunta, Alfonso Rueda, pero tamén en Valentín González Formoso, presidente da Deputación da Coruña, ao que acusaron de ser un "traidor" para o seu colectivo. 

Formoso ofreceu unha reunión cos representantes dos bombeiros así que acabase o pleno provincial, pero o colectivo rexeitou agardar.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.