Os bombeiros comarcais de Galicia veñen de iniciar unha acampada "indefinida" na praza do Obradoiro —ante a sede da Xunta no pazo de Raxoi-— ata que haxa un acordo coas administracións que poña fin ao conflito. Fano , xusto cando fai seis meses do inicio o 15 de xuño da súa folga e do estoupido dun conflito que segue sen solución á vista.
Os bombeiros manterán a acampada "indefinida" ata que se solucione un conflito enquistado desde que comezara a folga hai seis meses
Será unha mobilización indefinida "ata que se solucione", segundo destacan os bombeiros. Segundo un voceiro, a súa intención é que durante o día, entre as 9 e as 21 horas, haxa no Obradoiro cando menos un bombeiro de cada un dos 24 parques afectados, mentres que polas noites "algúns compañeiros" permanecerán no lugar durmindo no propio chan "á intemperie". Porque os mobilizados só obtiveron permiso para a concentración pero non, como pretendían, para instalar unha carpa, co argumento de que xa estaban previstos distintos eventos no Obradoiro para as próximas datas e por cuestións de seguridade non se podía ocupar máis espazo público.
Esta nova mobilización chega ao medio ano do inicio dunha folga que os bombeiros insisten en aclarar que non foi secundada aínda por ningún deles. Aínda así, desde aquela houbo centos de peches entre os 24 parques comarcais pola negativa do persoal a realizar as horas extraordinarias voluntarias e pola falta de persoal e medios. Desde as administracións, pola contra, vertéronse acusacións contra o persoal contra incendios, acusándoos de absentismo laboral, con insinuacións que chegaron ata a xornada mesmo deste venres, desta vez en boca do vicepresidente da Xunta, Diego Calvo. "Ningunha empresa de Galicia, España ou Occidente soporta que ata o 30% do persoal estea de baixa", asegurou.
Os bombeiros comarcais, que non descartan incluso levar a cabo unha folga de fame así que Rueda convoque eleccións, enmarcan esta nova protesta na "liña de presión" para que Xunta e deputacións senten con eles co "talante necesario" para acadar avances, nunha mesa negociadora que ten unha nova cita o mércores.
Os bombeiros insisten en reclamar máis persoal, aumento salarial, un convenio único e un horario na liña do resto de persoal da Administración
"Imos estar aquí agás que cheguemos a un acordo", explicou no Obradoiro José Luis Pareja, membro do comité de folga. As súas reivindicacións mantéñense: incremento de persoal para "poder garantir a seguridade" do persoal, unha retribución salarial "conforme á valoración dos postos de traballo" e un convenio unificado para toda Galicia, así como conseguir que "se regule un horario que vaia na mesma liña que o resto de persoal que traballa na Administración".
Ademais, insisten en lembrar que a media dos seus salarios rolda os 1.200 euros —moi afastado de calquera outro compañeiro noutras administracións— malia o risco que supón o seu labor.
Hai dez días, as administracións trasladáranlles aos bombeiros unha proposta que incluía un incremento do salario de arredor do 10%, unha redución da xornada a 1.642 horas anuais, aumento de efectivos nos 24 parques comarcais e dúas xornadas a maiores de asuntos propios. O acordo, como aclarou o persoal contra incendios, só sería posible no último dos puntos, pero non nos outros, que consideran insuficientes ou, directamente, inútiles ante a situación que critican.
Así, respecto á redución horaria aclaran que a proposta "carece de sentido" porque só suporía asumir o horario actual do persoal da Administración e o que será aplicable a todos os traballadores en poucos anos froito do pacto de goberno asinado entre PSOE e Sumar para a investidura no Estado.
En canto ao incremento das retribucións, os bombeiros advirten que Xunta e deputacións "non están a falar de aumentar o salario, senón de que o traballador asuma maior carga horaria da que lle corresponde, cobrando ese exceso de horas a un valor de ata un 50% por debaixo do valor da hora ordinaria".
Por último, e respecto ao aumento de persoal, aclaran que "garantir a seguridade dos equipos de intervención en emerxencia" supón un mínimo de catro ou cinco efectivos por quenda, o que implicaría a contratación de sete ou oito bombeiros por parque. "A súa proposta é de un efectivo máis por cada centro de traballo", lamentan.