Os bombeiros comarcais endurecen a protesta contra Xunta e deputacións: "Estannos queimando"

Protesta este venres dos bombeiros comarcais no Obradoiro CC-BY-SA Praza Pública

Centos de bombeiros comarcais volveron manifestarse, desta vez en Santiago, nunha marcha que rematou na praza do Obradoiro. Alí, un dos traballadores ardeu cun traxe ignífugo como parte dunha performance no que dous manifestantes disfrazados de Alfonso Rueda e do director xeral de Emerxencias, Santiago Villanueva, prendían lume a este home como denuncia da súa situación de precariedade e do "dano" que din sufrir por parte das administracións

A marcha saíu da sede da Xunta en San Caetano e foi liderada por unha pancarta onde se lía "a nosa loita é a vosa vergoña", acompañada doutras onde se denunciaban os "1.200 euros" que cobran malia o seu labor de risco. Entre petardos, botes de fume e bengalas, os bombeiros cargaron contra o presidente da Xunta ou o da Deputación da Coruña, Valentín Formoso, pediron "solucións" e reclamaron a "dimisión" de Villanueva e do xefe do Executivo galego. "Alfonso Rueda, me gusta la fruta", chegaron a corear en alusión aos insultos de Isabel Ayuso a Pedro Sánchez no Congreso.

Os bombeiros comarcais intensifican as protestas logo de cinco meses de folga e continuos peches de parques que eles atribúen á falta de medios

A manifestación —con forte presenza policial— chega cando os bombeiros superan os cinco meses de folga, desde que a iniciasen o pasado 15 de xuño, aínda que insisten en aclarar que ningún deles a secundou polo momento. Aínda así, desde aquela houbo centos de peches entre os 24 parques comarcais pola negativa do persoal a realizar as horas extraordinarias voluntarias e pola falta de persoal e medios. Desde as administracións, pola contra, vertéronse acusacións contra o persoal contra incendios, acusándoos de absentismo laboral.  

"É outra gran mentira, o que non van é traballar; boa parte deles póñense enfermos cando van", acusounos José Tomé, presidente da Deputación de Lugo, cando se advertiu da falta de persoal suficiente, nunhas declaracións que causaron fonda indignación entre boa parte dos bombeiros comarcais, que este venres levaron as súas reivindicacións fronte á sede da Xunta, a outra administración da que, xunto aos organismos provinciais, dependen a través dos diferentes consorcios. 

A elas reclámanlles melloras económicas e maior dotación de persoal nun conflito que recrúa e non ten trazas dunha solución axiña . Un conflito que rexorde agora con forza pero que vén de atrás, da polémica privatización dos parques de hai anos e das consecuencias que aquela medida deixou na posterior reversión ao público

Os bombeiros denuncian un escaso salario de 1.200 euros, de menos de 24.000 anuais, e reclaman que parta dos 32.000, proposta que as administracións ven "inviable"

Os bombeiros, con todos os sindicatos a unha, presentaron xa en xullo unha proposta de convenio na que reclaman elevar o mínimo de tres traballadores por quenda que hai actualmente e unificar as retribucións de todo o persoal en Galicia, partindo dun salario base de 32.000 euros. Na actualidade, en ningún dos consorcios provinciais se superan —sen antigüidade— os 23.800 euros brutos anuais, quedando nalgún caso por baixo dos 23.000: 1.700 euros brutos ao mes, uns 1.200 netos. E denuncian que prestan servizo a  máis de 1,7 millóns de galegos e galegas con tan só 75 efectivos cada día.

Outra das propostas é reducir as horas traballadas ao ano das 1.800 actuais, que é o máximo legal, ás 1.650 dos empregados públicos. Pero as administracións, unidas sen fisuras neste caso, responderon o pasado 26 de outubro cunha contundente carta onde advirten que a proposta "non é viable nin económica nin xuridicamente"

"Os políticos estannos queimando", denuncian os bombeiros, que din defender a súa "dignidade" e "seguridade"

Malia que o conflito non cesa e os peches dos parques continúan, co risco para a cidadanía da que advirten os bombeiros, as dúas partes levan case un mes sen reunirse. A finais de setembro acordaron unha xuntanza para o 9 de outubro pero as administracións acabaron anulando a súa asistencia entre novas acusacións de "plantón" por parte dos traballadores. 

"Dende 25 de setembro, o comité de folga segue tentando que se reabra a vía da negociación, descoñecendo o motivo do férreo bloqueo que están a amosar Xunta e deputacións", denuncian. "Non imos deternos ata que esta xente sente con nós", dixo antes de comezar a protesta deste venres José Luis Pareja, membro do comité de folga, que asegurou que buscan defender a "dignidade" e "seguridade" do persoal e uns medios precarios que provoca que "o risco que se asume sexa maior". "Os políticos estannos queimando", engdiu. 

Mentres, o Goberno galego e os provinciais insisten no diálogo pero se os bombeiros se comprometen a desconvocar a folga e mudan a súa proposta por outra nova. Os traballadores amósanse dispostos a moverse e din entender posibles limitacións nos orzamentos, pero advirten da precariedade dos seus soldos e da necesidade dunha suba. "Na proposta que enviaron o soldo dun xefe (cabo) de dotación estaría por baixo do dun auxiliar administrativo", lembra o colectivo sobre as pretensións das administracións. 

Na marcha deste venres, os bombeiros comarcais contaron ademais co apoio doutros colectivos de emerxencias galegos, como o persoal da central de atención de Urxencias Médicas 061 ou do 112, así como traballadores das ambulancias e membros de Grupos de Emerxencias Supramunicipais. E amosaron o seu apoio a outras protestas, como a do colectivo Defende A Galega na CRTVG. 

Protesta dos bombeiros comarcais no Obradoiro CC-BY-SA Praza Pública

O vindeiro luns os bombeiros celebrarán unha asemblea onde decidirán se endurecen as protestas ante os "cero avances" que constatan desde que empezaran a folga. Estes traballadores insisten en reclamar un convenio colectivo a nivel autonómico, máis medios técnicos e humanos e o emprego fixo de acordo coa doutrina que marcou o Tribunal Supremo hai case dous anos. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.