O conflito dos bombeiros recrúa: Xunta e deputacións cargan con dureza contra unhas demandas "inviables"

Mobilización dos bombeiros comarcais en Lugo CC-BY-SA FAC-USO Galicia

O conflito entre os máis de 400 bombeiros comarcais de Galicia e a Xunta e as deputacións recrúa. Logo doutra numerosa manifestación, desta vez en Lugo, por un convenio digno do persoal contra incendios —que suma máis de catro meses de folga reclamando melloras salariais e aumento de persoal—, o presidente do organismo provincial lucense cualificou de "inadmisible" a petición dunha suba salarial do 50% destes traballadores, aos que acusou ademais de "mentir" por afirmaren que os continuos peches de parques das últimas semanas se deben unicamente á súa negativa a facer horas extraordinarias e á falta de efectivos. 

Tomé, presidente da Deputación de Lugo, acusa os bombeiros de "mentir" por atribuír o peche dos parques á negativa a facer horas extraordinarias: "O que non van é traballar"

"É outra gran mentira, o que non van é traballar", acusou Tomé, presidente da Deputación de Lugo ante cuxa sede se mobilizaron case 300 bombeiros de toda Galicia. "Dáse a circunstancia de que boa parte deles, unha boa porcentaxe todos os días, póñense enfermos cando van traballar. Se non temos suficiente número de persoas, temos que pechalo ou movelos dun parque a outro. Obrígannos a iso", asegurou quen acusou o persoal contra incendios de poñer "liñas vermellas". "Así o acordo é moi complicado", reiterou. 

Cadaleito na mobilización dos bombeiros comarcais en Lugo CC-BY-SA FAC-USO Galicia

Tomé ve "inadmisible" unha suba salarial do 50% porque suporía "duplicar o gasto anual" dos consorcios

"Que traballen e normalicen a situación", pediulles, tras advertir de que ningunha deputación nin a Xunta —das que dependen os bombeiros, agrupados en consorcios participados ao 50% por ambas administracións— pode "aceptar unha suba salarial do 50% en termos redondos". "Duplicaríamos o gasto anual", dixo. 

Só unhas horas despois, os presidentes das catro deputacións e mais o vicepresidente da Xunta, Diego Calvo, emitían un comunicado conxunto de parte dos consorcios provinciais dirixido aos representantes sindicais, advertíndolles de que a proposta de convenio presentada "non é viable nin económica nin xuridicamente" e tamén de que aceptala "invalidaría a xustificación do modelo de xestión acordado no seu día". Xa que logo, invalidaría a argumentación que levou á desprivatización dos parques de bombeiros, que pasaron dunha polémica e inédita xestión privada á xestión pública. 

As catro deputacións e a Xunta asinan unha carta na que advirten aos bombeiros de que a súa proposta "non é viable"

Os bombeiros insisten en reclamar un incremento de persoal para "garantir unhas condicións mínimas de seguridade nas intervencións", un convenio único que consolide as mesmas condicións laborais en todos os territorios, a "restitución da fixeza dos contratos de traballo" tras a súa subrogación e uns salarios na liña do resto de bombeiros de Galicia e do Estado. Ademais, denuncian o peche de "case 400 parques" desde o inicio da folga o pasado 15 de xuño, o que vinculan á falta de persoal, e acusan as administracións de "paralizar a apertura da negociación" tras "máis de cen días por unha serie de valoracións establecidas nun protocolo", como asegura José Luis Pareja, membro do comité de folga. 

Os bombeiros comarcais reclaman que se incremente o persoal para ter un mínimo de "cinco efectivos por quenda" e non os tres actuais cos que din que non se pode garantir "a seguridade da cidadanía" nin a súa próxima. E levan tempo insistindo en que esa suba do 50% do salario suporía, unicamente, pasar dos 1.200 euros netos mensuais que cobra calquera dos traballadores sen antigüidade aos 1.800. "Nada superior á media do colectivo de bombeiros", dicía Pareja en declaracións a Praza.gal. De feito, aclaran, hai compañeiros en servizos públicos que superan o dobre da súa retribución. "Estariamos aínda por baixo e a anos luz do seguinte compañeiro en España a nivel salarial e de condicións", insisten. 

Mobilización de bombeiros comarcais en Lugo CC-BY-SA FAC-USO Galicia

Tamén reclaman traballar 1.640 horas ao ano, fronte ás 1.800 (o máximo) de agora, e compensar as restantes con horas voluntarias que serían bonificadas. 

As administracións ameazan con acudir aos tribunais se os bombeiros rompen os acordos vixentes sobre as súas condicións laborais

Pero tanto as deputacións como a Xunta, nesa carta conxunta dirixida aos representantes sindicais, retrucan con dureza ás propostas dos bombeiros. Lembran que, tras unha sentenza do Tribunal Supremo, os consorcios provinciais comprometéronse a tornar en persoal fixo o persoal subrogado sen pasar un proceso selectivo pero que antes de facelo se precisaba de acadar un acordo sobre as condicións laborais. 

Este acordo, segundo a carta, foron asinados en 2018 e2019 entre as deputacións da Coruña e Lugo e os representantes dos bombeiros para manter as condicións laborais "durante un período de seis anos". "Están plenamente vixentes ata o ano 2024 e 2025 e son firmes porque non foron impugnados", lembra a carta, que advirte que, malia o pactado, acordouse negociar un convenio unificado en cada consorcio que recollese as mellores condicións a nivel provincial para logo homologar as condicións dos catro territorios. 

Así, as administracións, e ante a proposta presentada polos bombeiros, insisten en que "non é viable nin económica nin xuridicamente", e van máis aló ao advertir que "a materialización e implementación das previsións contidas (...) invalidarían a xustificación do cambio de modelo de xestión acordado no seu día". Todo, lembran, "tendo en conta que os citados acordos están vixentes se son firmes, xa que foron aceptados por ambas partes e nunca foron impugnados". 

Ante a situación, as cinco administracións avisan de que a "rotura unilateral dun acordo firme e negociado" pode ter "diversas consecuencias, como o incumprimento das obrigacións pactadas e a posibilidade de interpoñer reclamacións legais ante os tribunais". Ameazan, xa que logo, con acudir á xustiza. 

Mobilización de bombeiros comarcais na Coruña, o pasado venres CC-BY-NC-ND CIG

"Nova proposta de convenio viable"

Tamén lembran as deputacións e a Xunta que a "aplicación ao persoal do mantemento das condicións do posto de orixe" debe acordarse nos plenos dos consorcios e contar cos informes xurídicos favorables, ademais de non ser algo "automático" porque habería que "pór en marcha un proceso selectivo". 

Xa que logo, as administracións instan os bombeiros "a que presenten unha nova proposta de convenio viable para ambas as partes e que responda aos criterios aos que as administracións públicas se ven sometidas".

Mentres, na súa manifestación en Lugo, os bombeiros simularon un cortexo fúnebre simbolizando a morte do consorcio, con cadaleito e varias coroas de flores e mesmo simulando unha homilía. Ante un forte despregue policial, o persoal volveu advertir da súa precariedade laboral, con pancartas alusivas aos 1.200 euros que de media, din, cobran malia ser "un servizo público esencial para salvar vidas" e un traballo de gran "risco". "Vidas por 1.200 euros" ou "recortan os nosos dereitos, aforran na vosa seguridade" eran algúns dos lemas que se puideron ler na mobilización. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.