Desde que os bombeiros comarcais de Galicia iniciasen a folga hai máis de seis meses, foron arredor de 600 os peches que tiveron lugar nalgún dos 24 parques nos que traballan os 430 traballadores contra incendios que suman máis de medio ano de protesta. Ademais, desde o pasado 22 de decembro e ata final de ano, das 216 quendas coas que o persoal cobre o servizo nas instalacións, máis dun terzo non teñen o número de efectivos mínimo necesario, o que obrigará tamén a pechar numerosas instalacións.
Arredor de 600 peches tiveron lugar desde que os bombeiros iniciasen a folga nalgún dos 24 parques comarcais de Galicia
Son os datos que recompilan os propios bombeiros sobre unha situación que, advirten, "non fai máis que evidenciar a escaseza de persoal, o déficit en medios e a falta de responsabilidade das administracións". Así o explica José Luis Pareja, profesional no parque de Ordes e un dos membros do comité de folga.
Da outra banda, as administracións encargadas da xestión dos consorcios provinciais de bombeiros —Xunta e deputacións—, que negan unha e outra vez que os parques pechen por falta de medios e que sinalan os bombeiros. "É unha gran mentira", dixo o presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, nunhas declaracións que causaron fonda indignación entre boa parte do persoal contra incendios. Tamén as que logo realizou o vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Diego Calvo, que advertira que "ningunha empresa de Galicia, España ou Occidente soporta que ata o 30% do persoal estea de baixa".
Xunta e deputacións acusan os bombeiros dos peches por absentismo e excesivas baixas; os bombeiros alertan de falta de persoal que antes evitábase con horas extras voluntarias
A resposta dos bombeiros é a mesma que desde que se agudizara o conflito que levou á convocatoria de folga hai seis meses e medio. A falta de persoal suficiente era cuberto antes polo "voluntarismo" dos traballadores, o que permitía disimular unha problemática que estoupa agora coa protesta. "A folga pode elevar algo as baixas porque hai compañeiros sometidos a un maior estrés, pero se antes non había estes problemas é porque a xente estaba disposta a cubrir o servizo en base a horas extraordinarias e voluntarias. As administracións nunca quixeron ver as carencias do servizo e agora, ao non facerse esas horas, xa non hai quen cubra as baixas", explica Honorino Raña, membro tamén do comité de folga.
En case todos os parques comarcais de bombeiros de Galicia, agás no de Ribeira onde se esixen só dous, son precisos tres efectivos por quenda para cumprir co número mínimo que permite dar o servizo e evitar o peche das instalacións. Hai casos, como na provincia de Ourense, onde o persoal leva tempo denunciando que os parques mantéñense en funcionamento mesmo con dous ou un efectivo, casos que foron postos en coñecemento da Inspección de Traballo.
Antes de que se agudizase o conflito, as situacións habituais nas que un parque quedaba por baixo do mínimo eran solucionadas con horas extraordinarias que os responsables solicitaban a persoal que se ofrecía de maneira voluntaria e en horas libres. Estas horas eran compensadas logo con libranzas cando nun parque o número de efectivos superaba o mínimo esixido. Coa negativa dos bombeiros desde o pasado mes de xuño a realizar esas horas extraordinarias e gozar do seu descanso cando lles toca, o sistema petou, como explican os propios bombeiros.
"Agora non hai reforzos suficientes e agroma toda a problemática dun sistema collido con alfinetes", di Pareja. "O servizo é pequeno, envellecido e moi mal dimensionado", engade Raña.
Os bombeiros comarcais iniciaron o pasado 15 de xuño unha folga cunhas reivindicacións que manteñen: incremento de persoal para "poder garantir a seguridade" do persoal, unha retribución salarial "conforme á valoración dos postos de traballo" e un convenio unificado para toda Galicia, así como conseguir que "se regule un horario que vaia na mesma liña que o resto de persoal que traballa na Administración".
Os bombeiros insisten en que non están a secundar a folga, senón negándose a realizar as horas extras voluntarias coas que antes se cubrían as ausencias
Ademais, nas súas demandas insisten en lembrar que a media dos seus salarios rolda os 1.200 euros —moi afastado de calquera outro compañeiro noutras administracións— malia o risco que supón o seu labor. Acumulan máis de medio ano en folga pero aclaran que ningún bombeiro a secundou malia os arredor de 600 peches desde mediados de xuño. A resposta a estes peches é, explican, esa negativa do persoal de extinción a realizar as horas extraordinarias voluntarias que adoitaban facer.
Este mesmo martes, o presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, volveu cargar con dureza contra os bombeiros. Asegurou que a situación está como está "porque eles queren" e acusounos de "facer trampas". "A xente non se pon enferma cando lle toca ir traballar e cando non lle toca ir traballar non está enferma; esa é unha situación que hai que mirala", dixo.
Ante estas acusacións, os bombeiros responden. "Que está habendo máis baixas ultimamente? É posible que si, claro, porque ao incremento natural polo envellecemento dos cadros de persoal únese o estrés psicolóxico e físico derivado do conflito e das consecuencias de asumir o traballo con menos efectivos, nunha situación de presión ou en parques que non son os habituais para moita xente", argumenta Pareja.
Os bombeiros lembran que a media de idade rolda agora os 45-50 anos pola "falta de renovación" dos cadros de persoal: "Claro que hai máis baixas agora"
"Cando o servizo de bombeiros comarcais nace, hai máis de vinte anos, a media do persoal roldaba os 25-30 anos e torcer un xeonllo podía non implicar nin unha baixa, pero agora a media rolda os 45-50 anos e os corpos non responden igual", engade Raña, que advirte que as baixas "sucédense con máis frecuencia desde hai tempo canto maior é a idade duns empregados que fan un labor que depende da súa capacidade física, á intemperie e con esforzos moitas veces no medio da noite", explica quen advirte que "a falta de renovación dos cadros de persoal" son o que explica que haxa máis ausencias que anos atrás. "Agora únelle a iso as consecuencias dun conflito e dunha protesta de meses", remata.
Mentres, desde as administracións advírtese que os bombeiros, no momento que a xestión dos parques pasou a ser pública, "asinaron un acordo polo que en seis anos non mudar o convenio". "Quedan dous anos e accedemos a facelo antes, pero non se pode facer unha política contraria á que pides", dixo este martes José Tomé, presidente da Deputación de Lugo, asegurando que as institucións públicas están dispostas a un "acordo razoable" e que a suba salarial que pide o persoal "está fóra do que permite a lei".
Aínda que hai diferenzas, en ningún dos consorcios provinciais se superan —sen antigüidade— os 23.800 euros brutos anuais, quedando nalgún caso por baixo dos 23.000: 1.700 euros brutos ao mes, uns 1.200 netos. Agora, e malia as distancias e as negativas de Xunta e Deputacións a negociar as demandas dos bombeiros, o comité de folga asegura o na última xuntanza, de hai uns días, houbo "un importante cambio de actitude" que permite pensar que "as posturas poderían comezar a achegarse".
Os bombeiros advirten das "graves situacións de risco" que provocan a falta de persoal e o peche de parques, sobre todo no Nadal
Pero á espera dunha nova reunión, os bombeiros seguen mobilizados, manteñen a acampada no Obradoiro e insisten en advertir dos problemas que provoca a falta de persoal e o peche dos parques que dan lugar a "graves situacións de risco". "Das 216 quendas desde o 22 de decembro ata final de ano, en 76 delas non se cumprirá cos servizos mínimos, o que obrigará ás administracións a redistribuír bombeiros nalgúns parques e pechar outros", explica Raña.
Como exemplo, o do pasado 25, día de Nadal. Segundo explican os bombeiros, nesa xornada dez dos 24 parques comarcais non tiñan a dotación suficiente para prestar os servizos mínimos: Arzúa, Betanzos, Carballo, Cee, Santa Comba, Vilagarcía, Ribadumia, O Morrazo, O Porriño e Chantada.
Desde esas administracións advírtense tamén dos peches. No caso da Deputación de Lugo, leva días explicando a escaseza de persoal e a relocalización dos efectivos. A última vez, este pasado martes. "Dos tres efectivos que tiñan que presentarse a traballar no Parque de Bombeiros de Chantada, só se incorporaron dous. Un dos efectivos retén do cuadrante encóntrase de baixa e o outro rexeitou a comunicación de cumprimento dos servizos mínimos", di. "O Consorcio tampouco puido facer mobilidade desde outro parque porque todos están prestando servizos mínimos. Polo tanto, decidiuse priorizar o parque que dá cobertura a unha zona máis ampla e procedeuse a reubicar os dous efectivos de Chantada en Monforte, desde onde se atenderán as posibles incidencias. O Parque de Bombeiros de Chantada non prestará servizo ata mañá as 9 horas", explica o consorcio, nun caso que se repite noutras comarcas desde hai moitas semanas.
Os bombeiros explican que aos lóxicos problemas que provoca a escaseza de persoal para atender situacións de emerxencia únense os que se derivan de que traballadores afeitos a unha zona determinada, "da que coñecen o material dispoñible, os compañeiros e o territorio", teñan que andar "deambulando" por outras áreas "moito máis descoñecidas".
Dous bombeiros para atender vinte concellos
Nos últimos días, o persoal contra incendios denunciou con algún exemplo o que consideran "un despropósito". Sinalan o acontecido o pasado día 23 no Carballiño onde, din, "por criterio do consorcio provincial mantívose aberto o parque con só dous bombeiros para atender máis dunha vintena de concellos". Afrontaron un accidente de tráfico con excarceracións no que denuncian que a falta de persoal obrigou a realizar unha manobra máis perigosa para as vítimas. Á noite, engaden, acudiron a un incendio que non puideron afrontar por completo, tamén "por falta de efectivos", ata que chegaron reforzos do parque da Limia. "O fogo que podía terse sufocado antes, de contar con máis efectivos, calcinou por completo a casa afectada, non podendo máis que garantir a non propagación á vivenda lindeira", explican.
"Faise evidente a falta de persoal en cada emerxencia que atendemos. O curioso é como se trata de disimular esa falta de persoal. Outro exemplo vémolo no parque de Carballo", engaden os bombeiros en folga, nunha protesta apoiada por todos os sindicatos (UGT, CCOO, CIG, Sibgal, CSIF e USO). Segundo explican, o xerente do consorcio da Coruña "tentou completar" a dotación de dous efectivos para toda a comarca de Bergantiños cun membro de Protección Civil de Carballo. "Deulle indicacións para prestar os seus servizos dende as instalacións dos bombeiros e acompañar a aqueles nas emerxencias", relatan.
Os dous exemplos, explican os bombeiros, explican ben a "preocupante situación" que supón a falta de efectivos suficientes, "especialmente nas festas de Nadal". "Hai máis desprazamentos por estrada, máis reagrupamentos familiares nas aldeas, máis usos de estufas que levan tempo sen funcionar, máis accidentes de tráfico...", conta José Luis Pareja, que tira de "estatísticas" para demostrar o aumento do risco. "Os tempos de resposta con parques pechados van aumentar moitísimos e a diferenza entre unha resposta axeitada ou tardía pode ser a de perder un cuarto da casa ou a casa enteira ou ter unha fractura aberta ou algo moito máis grave", conta.
"Que as administracións boten balóns fóra ou que nos apunten co dedo non nos preocupa xa; os únicos responsables da correcta prestación dos servizos, por imposición legal, son elas", asegura Pareja, que lembra que son Xunta e deputacións as que teñen "a obriga" de aseguren eses servizos á cidadanía. "Nós asumimos esa responsabilidade durante máis de vinte anos pero sempre nunhas condicións precarias e cun sistema con eivas e falta de medios", remata.