Máis da metade dos 15.300 millóns que compoñen os Orzamentos Xerais da Xunta para 2025 son ingresos vía impostos
Máis da metade dos algo máis de 15.300 millóns de euros que compoñen os Orzamentos Xerais da Xunta para 2025 son ingresos vía impostos. Segundo consta no proxecto entregado o pasado sábado no Parlamento polo conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, a previsión de recadación tributaria da Administración galega ascende a 8.004,63 millóns, un incremento de case un 6% que implica contemplar ingresar por esta vía uns 436 millóns máis que no ano previo.
Esta é unha das claves que permiten entender como o Executivo volveu elaborar as contas máis altas da súa historia anunciando, ao tempo, que non prevé subscribir endebedamento novo. A outra pata da operación está nos traspasos de fondos por parte do Estado nun contexto no que, non obstante, a Xunta deixará de ingresar -"renuncia", en verbas do conselleiro- 454 millóns por mor dos descontos que aplica en diversos impostos.
Un ano máis, o imposto que máis fondos achega ás arcas da Xunta é o IRPF -o tramo cedido polo Estado-, con case 3.800 millóns, un medre de case o 20%. A continuación sitúase o IVE, con case 2.700 malia retroceder algo máis dun 5% en comparación con 2024. O terceiro continxente máis relevante é o que lle chegan polo tramo cedido do imposto que grava os hidrocarburos, que ascenderá a case 540 millóns de euros, un 10% menos que no ano previo pola relaxación nos prezos dos carburantes.
Os "beneficios fiscais" sobre impostos aumentan case un 10% o seu custo para 2025
Estas previsións de ingresos prodúcense nun contexto no que os denominados "beneficios fiscais", isto é, os descontos en impostos que dependen da Xunta aumentan case un 10% o seu custo, ata chegar practicamente aos 455 millóns. Sucede nun contexto no que, paralelamente ao trámite dos orzamentos, o Goberno introduce novas bonificación en tributos coma o de sucesións e doazóns ou o de transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados
Neste ámbito si existe, non obstante, unha novidade relevante a respecto do ano previo. A Xunta prevé ingresar por imposto de patrimonio, o que só teñen que pagar as rendas máis altas, case 63 millóns de euros, un 54,4% máis do orzamentado no ano previo. A razón é que, a través dunha emenda do PP no trámite dos orzamentos de 2024, a Xunta suprimiu parte dos descontos que aplicara, de ata o 50%, para evitar que o Estado recade no noso país o imposto sobre as grandes fortunas. Así e todo, as bonificacións deste tributo custarán en 2025 ata 38,8 millóns de euros, catro máis que en 2024.
A memoria de beneficios fiscais que a Xunta anexa ás contas públicas non fala, non obstante, de 454 millóns de euros, senón dun custo de 711. A razón é que tecnicamente equipara os devanditos descontos tributarios cos "beneficios fiscais" en taxas e prezos, case 300 millóns de euros que resultan de sumar, por exemplo, a diferenza entre o que pagan as persoas usuarias e o custo total da prestación en servizos como residencias da terceira idade, comedores escolares, escolas infantís, campamentos xuvenís ou transporte adaptado para persoas con discapacidade.
Transferencias do Estado e da UE e mais débeda
O orzamento de ingresos complétano 4.366 millóns do estado, 1.200 da UE e uns 1.600 de débeda
Estas cifras rexístranse nun contexto no que, canda os algo máis de 8.000 millóns de euros procedentes dos impostos, os Orzamentos se completan con outras dúas grandes fontes de ingresos: as transferencias estatais e comunitarias e a débeda. Os fondos que a Xunta prevé recibir do Estado a través do -caducado- sistema de financiamento ascenden, segundo o proxecto de contas públicas, a uns 4.366 millóns de euros (en 2024 orzamentara 4.053 por esta vía) aos que se suman máis de 1.200 de transferencias da Unión Europea, un montante moi semellante ao do ano previo.
No que atinxe á débeda, a Xunta prevé manexar durante 2024 uns 1.615 millóns de euros prestados. O orzamento de ingresos complétano uns 150.000 euros por alleamentos -vendas- de propiedades.