A 'lei de acompañamento' volve modificar decenas de normas previas para aspectos tan diversos como mudar o plan eólico, crear a taxa turística ou crear un novo tipo de vivenda protexida, os "aloxamentos compartidos"
Como cada ano dende que, hai 15, o PP retornou ao Goberno galego, os Orzamentos Xerais da Xunta volveron entrar no Parlamento levando como anexo a denominada lei de medidas fiscais e administrativas. Trátase da coñecida como lei de acompañamento, a cuestionada técnica de aproveitar o trámite orzamentario para modificar dun golpe decenas de normas previas, algunhas directamente vinculadas coas contas públicas e a súa administración e outras, sen esa conexión.
Cara ao vindeiro 2025 a lei de acompañamento regula, outra volta, aspectos moi diversos. Dende crear o esquelete xurídico sobre o que os concellos poderán cobrar a taxa turística -resultado das reiteradas reclamacións do Concello de Santiago- ata unha operación de alto impacto como é "actualizar a regulación do Plan sectorial eólico de Galicia", promesa que data de hai década e media.
Nese aluvión de reformas o Goberno de Alfonso Rueda inclúe unha á que atribúe a "finalidade de facilitar a emancipación da mocidade". No marco dunha ampla modificación da lei de vivenda de Galicia do ano 2012, a Xunta atribúe ao Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) a facultade de "impulsar, en colaboración coa consellería competente en materia de xuventude, a promoción pública e a xestión de aloxamentos compartidos, destinados a satisfacer necesidades transitorias de vivenda das persoas menores de 36 anos".
O Goberno presenta a reforma como unha vía para "facilitar a emancipación da mocidade", pero nestes edificios con "espazos privativos" dun mínimo de 30 metros xunto a outra áreas comúns poderán vivir tamén "unidades de convivencia" se cando menos un dos seus membros ten menos de 36 anos
O que podería semellar un novo plan para construír espazos semellantes ás actuais residencias estudantís ou xuvenís vai moi alén. Porque as súas receptoras poden ser persoas individuais, pero tamén "unidades de convivencia" nas que "polo menos, unha das persoas que a integran" teña menos de 36 anos. A reforma legal prevé que a estancia nestes lugares poida ser de ata tres anos como norma xeral, prorrogables ata sete "en atención ás circunstancias económicas e laborais das persoas usuarias".
Estes aloxamentos terán a consideración de vivenda protexida con carácter permanente -todas a terán a partir de 2025, na liña do que viñan reclamando BNG e PSdeG dende hai anos- e combinarán "espazos privativos" de superficie útil "non inferior a 30 metros cadrados" con outros "comúns ou complementarios". Así, serían compartidas áreas como "sala común, comedor ou lavandería".
A nova lei remite aos convenios que "para estes efectos", formalicen os departamentos de Vivenda e Xuventude para concretar o "réxime de xestión e mantemento" dos edificios, os limiares de renda para acceder a eles, os "prezos máximos" que terán que pagar ou "os criterios de selección das persoas usuarias". Si avanza que estes criterios poderán "establecer reservas para adxudicar directamente aloxamentos a persoas ou unidades de convivencia en situacións consideradas de atención preferente".
A construción destes aloxamentos, di a reforma incluída na lei de acompañamento, terá dende 2025 a consideración de "obra pública de interese xeral", igual que todos os proxectos de vivenda promovidos polo IGVS "ou por unha entidade participada maioritariamente" por el. Estas obras "consecuentemente, non estarán suxeitas a licenza urbanística nin a ningún dos actos de control preventivo" por parte dos concellos, indica, ademais de axilizar diversos trámites.
200 millóns para vivenda quince anos despois
A posibilidade de ofrecer "aloxamentos compartidos" como vivendas protexidas para mocidade ou familias con algún membro menor de 36 anos non foi avanzada nin polo presidente Rueda nin pola conselleira de Vivenda, María Martínez Allegue, ao expoñer os seus plans de aumentar o parque de pisos protexidos nuns 3.500 nesta lexislatura -o equivalente ao 20% da demanda actual-. Chega cunhas contas públicas nas que, por primeira vez en 15 anos, o orzamento da Xunta para vivenda ascende ata superar os 200 millóns de euros.
Dáse a circunstancia de que ese ascenso do orzamento, de case un 23%, se produce mentres a partida específica para a construción de vivenda protexida (VPP) cae a un mínimo histórico, apenas 465.000 euros fronte aos 12 millóns do pasado ano. A razón desta mudanza é que o groso da partida para novos pisos protexidos se concentra nun programa de "rehabilitación residencial e vivenda social" dotado con 100,49 millóns de euros -cinco veces máis que en 2024- dos que 58,9 son fondos propios da Xunta e 41,5, unha transferencia do Estado de fondos europeos de recuperación.
O orzamento de Vivenda, composto nun terzo por fondos da UE, inclúe 100 millóns para un programa de pisos protexidos en alugueiro que prevé algo máis de mil vivendas
Segundo o incluído pola consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas nas súas contas para 2025, ese proxecto de "construción de vivendas en alugueiro social en edificacións enerxeticamente eficientes" contará con outros 55 millóns de euros en 2026 e permitirá contratar a construción de 200 vivendas mentres outras 865, indica, xa están "en proceso de construción". Serían, daquela, algo máis de 1.000 pisos protexidos de alugueiro dos que máis da metade (o 51,93%, din os orzamentos) estarán na provincia de Pontevedra -fundamentalmente, na área de Vigo-.
Os devanditos fondos europeos de recuperación son clave para entender o incremento do orzamento de vivenda do Goberno galego nos últimos anos. Así, segundo as contas do IGVS para 2025, algo máis dun terzo dos 221 millóns de euros que manexará -17 máis que o orzamentado na Consellería por incluír outras fontes de financiamento, caso dos alugueiros ou das vendas de terreos- teñen procedencia comunitaria.
Mentres, menos da metade son fondos propios da Xunta. Trátas de algo máis de 107 millóns que, non obstante, supoñen un notable ascenso a respecto dos 54 millóns de 2024, cando os fondos propios do Goberno galego apenas supuxeron un 30% do orzamento total do IGVS.