Rueda anuncia 700.000 euros de subvención para un edificio de pisos turísticos no centro de Vigo

Imaxe do Paseo de Alfonso XII, no centro de Vigo, onde a Xunta subvencionará a rehabilitación dun edificio para vivendas turísticas © Concello de Vigo

O presidente liga a actuación no cotizado Paseo de Alfonso XII co Camiño de Santiago e di que será "exclusivamente" para alugueiros turísticos e que "busca colaborar con empresas de restauración da zona"

Adiantoullo o Goberno galego a Faro de Vigo e publicitouno este luns tras o Consello da Xunta o propio presidente, Alfonso Rueda. O Goberno galego vai subvencionar con 700.000 euros a unha empresa para rehabilitar un edificio do céntrico Paseo de Alfonso XII de Vigo para destinalo "exclusivamente" a pisos de uso turístico. Faino malia que Vigo é a localidade con maior número de vivendas turísticas rexistradas, unhas 1.800, tras aumentar un 160% só nos dous últimos anos, e malia ás dificultades da cidadanía para acceder a unha vivenda habitual.

Segundo Rueda, a axuda está enmarcada no reparto de fondos Next-Generation da Unión Europea destinados ao turismo. Neste caso a Xunta enfocou as subvencións a grandes proxectos ligados ao Camiño de Santiago, nomeadamente do Camiño Portugués, que a levan a axudar tamén a outras empresas que queren rehabilitar para uso turístico o mosteiro de Oia (4 millóns de euros de subvención) ou dous faros en Baiona (412.000 e 165.000 euros).

No caso de Vigo, Rueda asegura que o edificio a rehabilitar para vivendas turísticas estará ligado ao Camiño porque os promotores, Fyneko Real State Investment Trust, buscan "colaborar con empresas de restauración da zona" e de turismo activo ligado á peregrinación. No edificio rehabilitado, nas proximidades do polémico proxecto urbanístico do Barrio do Cura, crearanse un total de dez apartamentos turísticos ademais de zona de recepción e lavandaría.

En Vigo xa hai 1.800 vivendas turísticas, con 198 altas entre xaneiro e xullo e un aumento do 160% nos dous últimos anos

As novas vivendas turísticas subvencionadas pola Xunta van sumarse a un parque de pisos turísticos xa rexistrados legalmente en Vigo que eleva a preto de 1.800. Só entre xaneiro e xullo deste ano rexistráronse na cidade 198 novas altas, e nos dous últimos anos o incremento foi do 160%. Ademais, na zona da cidade na que se acometerá esta nova obra os pisos turísticos aproxímanse xa ao 10% do total de vivendas existentes.

Rueda e a conselleira de Vivenda, Ángeles Vázquez, no Consello da Xunta deste luns CC-BY-SA Xunta de Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.