Asfixiados polas débedas, finalmente os futbolistas renunciaron ao proxecto, que agora lidera un fondo estadounidense xunto coa promotora madrileña Gestilar
Complexa. Esta é a palabra que máis empregan desde o Concello de Vigo para referirse ao proxecto de urbanización do Barrio do Cura. Mais tamén, cada certo tempo, hai unha ratificación da continuidade do mesmo, ao xeito dos responsables de equipos de fútbol que, cando veñen mal dadas, teñen que saír ao paso e garantir a continuidade do adestrador.
Foi un xogador de fútbol, Valery Karpin, o primeiro impulsor da actuación en plena zona vella de Vigo hai máis de 20 anos. O centrocampista ruso, xunto co seu compañeiro Míchel Salgado, chegou a presentar o proxecto –de Alfonso Penela- en 2010, que incluía rehabilitar un ámbito de 23.000 metros cadrados con espazos públicos como aparcadoiro ou unha praza e, sobre todo, unha atractiva promoción urbanística con 300 vivendas.
O enmarañado procedemento urbanístico foi dilatando os prazos e todas as alarmas saltaron coa suspensión do planeamento de Vigo en 2015 e a posterior sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia contra o propio plan do Barrio do Cura. Asfixiados polas débedas, finalmente os futbolistas renunciaron ao proxecto, que agora lidera un fondo estadounidense xunto coa promotora madrileña Gestilar.
O proxecto cambiou, reduciron o número de vivendas, e houbo de ser necesaria unha modificación puntual do plan xeral para darlle encaixe legal á actuación. A finais de 2023 outorgouse a primeira licenza para construír un edificio de 107 vivendas.
Porén, as dificultades urbanísticas e legais están de volta e este luns deuse a coñecer unha nova sentenza en contra que para a concelleira de Urbanismo, María José Caride, non afecta á continuidade do proxecto. En concreto, o xulgado do contencioso administrativo número 1 declarou nulo o acordo da xunta de goberno local da cidade que deu luz verde ao plan de urbanización dunha parte do Barrio do Cura.
Anulado o proxecto de urbanización
A xuíza estimaba así unha demanda asinada por unha comunidade de veciños da zona. Na sentenza –con data do venres, 15 de marzo- indica que o proxecto de urbanización non recolle as características do aparcadoiro público comprometido, tampouco as redes de gas previstas, nin a demolición da gardaría Santa Marta. Ademais, existe incluso algunha incorrección na propia delimitación do ámbito. Por estes motivos a xuíza ditaminou a anulación do proxecto de urbanización, que fora aprobado polo Concello de Vigo, cos votos favorables de PSOE e PP na Xerencia de Urbanismo.
“É moi complexo de execución e tramitación, que segundo a xuíza presenta deficiencias subsanables". “A ordenación continúa vixente e firme”, defende Caride
“Barrio do Cura é un proxecto transformador, con espazos públicos e novos accesos, moi complexo de execución e tramitación, que segundo a xuíza presenta deficiencias subsanables, que non inclúen modificación dos elementos”, defendía nun audio enviado aos medios a concelleira de Urbanismo este luns. “A ordenación continúa vixente e firme”, subliñaba María José Caride.
A responsable do urbanismo vigués puxo o foco en que a sentenza non afecta á modificación puntual da ordenación Barrio do Cura senón só a un proxecto de obras dunha parte do ámbito. Malia todo, Caride detallou que o Concello “prevé” un recurso de apelación para explicar o proxecto “complexo”.
Pola súa banda, desde o Bloque Nacionalista Galego, reclaman ao Concello que estude a suspensión cautelar das licenzas xa outorgadas no Barrio do Cura tras a anulación xudicial do seu proxecto de urbanización.
“Haberá que determinar se co proxecto de urbanización anulado se deben suspender cautelarmente as licenzas xa outorgadas á promotora privada do Barrio do Cura”, explican desde o BNG
O portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, considera que é imprescindible que o secretario xeral do Concello, como máximo funcionario municipal, emita informe para darlle a maior solidez xurídica e administrativa ás actuacións do Concello. “De entrada, haberá que determinar se co proxecto de urbanización anulado se deben suspender cautelarmente as licenzas xa outorgadas á promotora privada do Barrio do Cura”, explica.
Con pistas de pádel e piscina
As primeiras licenzas urbanísticas para levantar os novos edificios na zona –e que agora, de momento, estarían paralizadas- chegaron o pasado mes de setembro. Na web da promotora inmobiliaria Gestilar –cabeza actual do proxecto xunto co fondo estadounidense Autonomy Global Opportunities- dáse conta das características destas luxosas vivendas e do seu ámbito, que cambiarán completamente a face desta zona histórica de Vigo. Ximnasio, pistas de pádel, piscina climatizada con iluminación somerxida son algunhas das dotacións das novas vivendas, 265 en total, tras a modificación do proxecto orixinal, repartidas en tres edificios.
A sociedade de Karpin comprou as parcelas e encargou o proxecto a un arquitecto de prestixio como é Alfonso Penela
Mais para chegar ata este punto o proxecto de rehabilitación do Barrio do Cura atravesou numerosas dificultades económicas e urbanísticas, coa anulación do Plan Xeral de Ordenación Municipal de Vigo en 2015 polo Tribunal Supremo.
O Barrio do Cura é un espazo de 23.000 metros cadrados (algo máis de dous campos de fútbol) xunto á zona vella de Vigo, conformado por diversas hortas e rodeado de edificacións deterioradas pero con elementos con valor patrimonial.
Nun primeiro momento, o impulsor do proxecto foi o ex futbolista Valery Karpin, quen, xunto con Míchel Salgado e o empresario José Crespo puxeron os cartos enriba da mesa –falábase entón de 100 millóns de euros- para rehabilitar este ámbito histórico de Vigo.
A sociedade de Karpin comprou as parcelas e encargou o proxecto a un arquitecto de prestixio como é Alfonso Penela, con numerosas obras asinadas en Vigo como a Cidade da Xustiza, edificios do CUVI ou mesmo a sede actual do Celta, antigo Círculo Mercantil de Vigo.
O proxecto foi presentado en marzo de 2010 por todo o alto no Club Financeiro da cidade e incluía a construción de 320 vivendas (o 35% con algún tipo de protección), un hotel, un centro de negocios e zonas comerciais.
O pleno do Concello de Vigo aprobaba en xuño de 2014 por unanimidade, cos votos de PSdeG-PSOE, PP e BNG, o plan urbanístico do proxecto de reforma integral do Barrio do Cura, tres meses despois do visto e prace da Xunta, unha vez que o departamento de Patrimonio da Consellaría de Cultura levantou as cautelas que pesaban sobre el. O plan prevía a derruba da meirande parte dos edificios preexistentes na zona, agás a fachada neoclásica do antigo asilo de Pi i Margall.
Comezaba entón un camiño cheo de dificultades cuxa primeira parada sería 2015, coa anulación do PXOM de Vigo no Supremo e, a segunda, abril de 2016, coa anulación por parte do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia do propio plan de reforma aprobado dous anos antes polo Concello.
A crise económica e as dificultades da tramitación urbanística acabaron coa ilusión de Karpin, que vendeu Barrio do Cura ao fondo de investimento Autonomy Global Opportunities en colaboracion con Gestilar, en 2018. Estes serían a partir de entón, xunto co propio Concello os responsables da máis importante actuación xamais realizada na zona vella. “Será o noso legado a Vigo, porque se vai a facer o que previramos, estamos contentos", explicaron entón desde a sociedade de Karpin. “É unha operación consentida que nós mesmos patrocinamos, así que damos o relevo", sinalaban desde Karpin e Asociados daquela. Segundo informaba Atlántico Diaro, a sociedade do ex futbolista tiña unha débeda de 36 millóns de euros cos bancos que se saldaría coa nova propiedade.
En novembro de 2018 a Xunta facilitou en certa medida o seu avance ao aceptar que o proxecto non tivera que ser avaliado ambientalmente en profundidade, aínque que lle estableceu numerosos condicionantes. Entre outros asuntos, pedía que se concretasen as reservas de solo para dotacións públicas (a urbanización afectará a unha escola infantil e os espazos exteriores dun fogar de menores sen que, segundo a Xunta, se indiquen os seus novos emprazamentos) e para vivendas protexidas.
Para lograr o encaixe urbanístico, houbo de ser necesaria unha modificación puntual do plan xeral en vigor, cuxa aprobación inicial chegaría en 2019. “O Barrio do Cura vai adiante”, repite Caballero de cando en vez. A última, o 19 de xaneiro, tras acordar con Gestilar o solar onde se asentará o edificio Ardora, de cinco andares e 107 vivendas, o 30% con algún tipo de protección e o resto para vender no mercado libre. Unha promoción que, a día de hoxe, volve estar paralizada vía xudicial.