A Xunta condiciona pero permite a urbanización do Barrio do Cura que afecta ao patrimonio do casco vello de Vigo

Recreación da nova urbanización e estado actual do Barrio do Cura en Vigo Dominio Público Concello de Vigo

O Goberno galego obriga a conservar varias vivendas históricas despois de que un colectivo social pedise no xulgado a paralización cautelar do seu derrubamento

A Xunta vén de permitir que continúe adiante sen someterse a un longo proceso de avaliación do seu impacto ambiental a urbanización que quere transformar por completo a fisionomía do Barrio do Cura, un espazo de 23.000 metros cadrados (algo máis de dous campos de fútbol) xunto ao casco vello de Vigo conformado por diversas hortas e rodeado de edificacións deterioradas pero salpicado de elementos con valor patrimonial. Malia non considerar necesarios eses estudos en profundidade dos efectos da urbanización, o Goberno galego establece diversos condicionantes que obrigarán a remodelar o proxecto, entre eles a conservación de varias vivendas históricas cuxo derrubamento un colectivo social xa pediu paralizar de xeito cautelar.

O Barrio do Cura é un espazo que xira arredor dun antigo convento e asilo que foi mercado hai máis dunha década polo ex-futbolista ruso do Celta Valery Karpin en sociedade co seu compañeiro Michel Salgado e o sogro deste, o promotor inmobiliario e ex-presidente do Real Madrid Lorenzo Sanz. A crise económica e as dificultades da tramitación urbanística dun espazo que inclúe outras moitas pequenas propiedades que tamén se verán derrubadas demoraron o proxecto, que pasou a mans dun fondo de investimento e a promotora Gestilar, que están a impulsalo novamente da man do Concello.

A ordenación urbanística dese espazo, no que se queren levantar varios edificios de vivendas de ata nove alturas e abrir unha gran praza central, foi sometida á valoración ambiental da Xunta, que ven de emitir as súas consideracións. O Goberno galego acepta que o proxecto non teña que ser avaliado ambientalmente en profundidade, pero establécelle numerosos condicionantes.

Recreación dos volumes dos novos edificios de ata nove alturas que ocuparán o Barrio do Cura en Vigo Dominio Público Concello de Vigo

A Xunta advirte da “alta potencialidade arqueolóxica” da zona e da "afección de calquera intervención nesta zona sobre a zona vella da cidade de Vigo, declarada Ben de Interese Cultural"

En primeiro lugar, obriga ao Concello a xustificar mellor ou reformar o documento de catalogación do solo porque dubida de que diversas parcelas ocupadas actualmente por edificacións de todo tipo teñan a consideración de solo urbano xa que lindan coas hortas interiores do ámbito. Tamén pide que se concreten as reservas de solo para dotacións públicas (a urbanización afectará a unha escola infantil e os espazos exteriores dun fogar de menores sen que, segundo a Xunta, se indiquen os seus novos emprazamentos) e para vivendas protexidas.

En materia de patrimonio, a Xunta comeza por advertir da “alta potencialidade arqueolóxica” da zona e enumerar unha serie de elementos patrimoniais alí existentes: o asilo e igrexa (da que xa estaba previsto conservar a súa fachada), un cruceiro, un lavadoiro, unha fonte e tres antigas vivendas dos curas que obriga a conservar. Para intentar parar a transformación da zona, un colectivo cidadá que emprega na actualidade parte dos terreos do interior do ámbito como hortas urbanas xa presentara un recurso solicitando a paralización do derrubamento desas vivendas, que agora deberán ser conservadas. Ademais, a Xunta advirte de que o ámbito está afectado pola contorna de protección doutros catro bens catalogados próximos. E, por último, sinala que “non se pode obviar a afección de calquera intervención nesta zona sobre a zona vella da cidade de Vigo, declarada Ben de Interese Cultural na categoría de conxunto histórico e que linda co Barrio do Cura na súa marxe noroeste”.

A Xunta tamén pide a Concello e promotores “protexer e conservar” a “trama interna” do barrio, que o proxecto actual pretende alterar por completo coa creación dunha gran praza central e a apertura dunha rúa de novo trazado

O Goberno galego tamén pide a Concello e promotores “protexer e conservar” a “trama interna” do barrio, que o proxecto actual pretende alterar por completo coa creación dunha gran praza central e a apertura dunha rúa de novo trazado. Pola contra, a Xunta non ten en conta diversas alegacións formuladas por membros da Horta Colectiva do Berbés, que critica que o proxecto vai afectar á flora e fauna existente actualmente nas hortas da zona.

A Xunta tamén obriga a que se estableza un “horizonte temporal” dos traballos de construción xa que sospeita que estes se alongarían demasiado no tempo e esas obras suporían un impacto paisaxístico no centro da cidade. O Concello, que defende que o proxecto permitirá recuperar o uso de espazos notablemente degradados, confía en que a tramitación pendente poida completarse en 10 ou 16 meses.

Cartel contra a urbanización Dominio Público Horta Colectiva do Berbés

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.