Que facer co Casco Vello de Vigo?

Praza da Constitución, en Vigo CC-BY-NC-SA Septem Trionis

Os cascos vellos das cidades semellan ás veces organismos vivos, cuxa saúde depende de múltiples elementos, cunha dimensión física e estética, que se deixa ver no bo estado ou na degradación das vivendas e dos espazos públicos, e unha dimensión social, que depende da calidade de vida dos seus habitantes, e da actividade comercial e humana nas súas rúas e prazas. Esta última dimensión, cando inicia un proceso de abandono, adoita ser a máis difícil de rehabilitar. Cada casco vello é distinto a outro, ás veces teñen problemas comúns, pero as súas traxectorias e circunstancias son normalmente distintas. Os problemas ou a evolución de centros históricos coma o de Compostela ou Pontevedra foron moi diferentes aos que sufriron os de Vigo ou Ferrol, por exemplo. 

O casco vello de Vigo, o lugar no que, dende o mar, naceu a cidade iniciou hai décadas un proceso de abandono e de despoboación, en beneficio doutras partes da cidade. Ficou esquecido. Só en tempos relativamente recentes dende a administración se comezaron a pensar e aplicar estratexias para a súa rehabilitación, con actuacións que mudaron a face da Ferrería, da Porta do Sol ou das zonas próximas á Praza da Constitución. Un proceso que sempre é longo e que tamén xerou acusacións de exclusión de colectivos, de especulación urbanística e de promoción de procesos de xentrificación.

Recentemente, ademais, unha denuncia de Henrique Macías, expresidente da Asociación Vecinal del Casco Vello e actual voceiro de Compromiso por Galicia, chamou a atención sobre a falta de cumprimento das promesas de recuperación da Praza do Berbés, o aumento de peches de negocios e o continuo abandono de veciños da zona. Compromiso denunciaba que "a pesar dos distintos anuncios propagandísticos tense acelerado nestes últimos meses o aumento de pisos e locais en venda e os peches de negocios, dos poucos que xa quedaban no barrio, entre eles clásicos locais de hostelería e financeiros de toda a vida”. Falamos con Macías, así coma con representantes de BNG, Anova e do colectivo Xentrificación Vigo, sobre os problemas do Casco Vello de Vigo, e sobre as posibles solucións.

Henrique Macías explica que durante décadas, "a poboación do Casco Vello foi marchando, sobre todo pola baixa calidade das vivendas e dos servizos, en comparación cos que podía atopar noutras zonas da cidade"

Xentrificación Vigo explica que o proceso de abandono institucional foi tan prolongado no tempo (dende anos 60 e 70) que "durante toda esta tempada produciuse un éxodo da poboación orixinal a outros barrios da cidade, situación que provocou o abandono e derrubamento de moitos dos edificios do barrio, así como a baixada de prezos de moitos alugueres. Isto provocou a chegada de novos veciños e veciñas de rendas máis baixas, aumentando así a fenda social entre a zona vella e os barrios da súa contorna".

 

Décadas de degradación até as primeiras actuacións

Henrique Macías explica que durante décadas, "a poboación do Casco Vello foi marchando, sobre todo pola baixa calidade das vivendas e dos servizos, en comparación cos que podía atopar noutras zonas da cidade". E tamén "pola conversión do barrio nun lugar de marcha nocturna, que facía moi difícil o descanso. Sen residentes, moitos edificios fóronse degradando". Porén, Macías salienta que dende a constitución do Consorcio (en 2005) comezou "unha recuperación do barrio", sobre todo da Porta do Sol cara arriba, na zona da Ferrería, onde "houbo un proceso de recuperación, con novos veciños e novos comercios, erradicando a prostitución e os problemas xerados pola droga". Pola contra, Macías láiase de que cara abaixo da Porta do Sol, agás na zona da Praza da Constitución, "o resto do barrio continuou degradándose, sobre todo chegando ao Berbés. A praza perdeu vida despois das súas obras de humanización, perdeuse a relación co porto, e en consecuencia, foron pechando comercios, sucursais bancarias, supermercados... Non se lle prestou atención ao Berbés, a pesar de ser o lugar onde naceu Vigo, e unha das imaxes".

Santiago Domínguez: "Toda a cidadanía pode comprobar que houbo un período, entre 2007 e 2011 no que o Casco Vello tivo un revulsivo importante"

Santiago Domínguez (BNG), impulsor das políticas de recuperación do Casco Vello na pasada lexislatura, coincide na análise: "Toda a cidadanía pode comprobar que houbo un período, entre 2007 e 2011 no que o Casco Vello tivo un revulsivo importante, cando o BNG tiña a xestión das políticas do Casco Histórico Aí está todo o que se fixo: a ampliación da Porta do Sol, as actuacións que se fixeron en Poboadores, Elduayen e na rúa Real, ou a renovación de pavimentos e do saneamento... e neses catro anos o casco vello reviviu, mesmo chegou xente nova a vivir". Domínguez salienta que "fixemos un traballo para que os veciños e veciñas gañaran calidade de vida, e para que o resto da cidade se beneficiase de contar cun casco histórico habitable e visitable. Tamén dotamos o Casco Vello de elementos importantes, coma a Pinacoteca, coma o Centro Galego de Fotografía ou o Rexistro da Propiedade". Porén, Domínguez subliña que "o problema na actualidade é que dende o 2011 se entrou nunha certa desidia, falta mantemento e comeza a percibirse un pequeno abandono". "E hai unha gran materia pendente, que é a reforma do Berbés", indica, "cando o BNG aínda estaba no goberno, conseguimos que a Xunta se comprometese a financiar unha parte importante da reforma, con case catro millóns de euros". 

Domínguez subliña que "o problema na actualidade é que dende o 2011 se entrou nunha certa desidia, falta mantemento e comeza a percibirse un pequeno abandono"

A análise que fai Anova é moito máis crítica. A formación sinala que "a xestión que se fai do patrimonio está baseada en criterios formais ou estéticos. Rehabilítase unicamente o continente, e non o contido: nin as relacións sociais, nin as redes que están creadas e que forman a cohesión do barrio. Só se leva a cabo un embelecemento externo, sen ter en conta as necesidades dos seus habitantes nin os da cidade". Afirman que "está a producirse, tanto no casco vello coma no Barrio do Cura un proceso de xentrificación". Para Anova, este proceso "sempre ten dúas fases: unha primeira de degradación, da que son responsables as administracións públicas, pois non se dotou a zona de equipamentos públicos necesarios para a vida. Permitiuse a degradación e non se apostou por fixar poboación, todo acompañado dun proceso de criminalización dos sectores da poboacións máis marxinais". E unha segunda fase, "na que aparece un grupo de investidores para facerse coa riqueza do patrimonio dos centros das cidades". "É un modelo de cidade neoliberal no que as administracións públicas son cómplices de todo o que está pasando, neste caso a través da actividade do Consorcio", conclúe.

Anova: "Está a producirse, tanto no casco vello coma no Barrio do Cura un proceso de xentrificación"

Para Xentrificación en Vigo as políticas de rehabilitación que se levaron a cabo nos últimos anos fixeron que "todos os grupos sociais instalados durante os anos de abandono" sexa "expulsados (xentrificación), xa que a través das melloras dos inmóbeis comezan a subir de novos os alugues e os prezos das vivendas". Tamén sinalan como problemas do barrio "a falta de infraestruturas públicas e de servizos no barrio, así como os problemas de ruído que sofren certas rúas". O colectivo critica que "Consorcio e o concello está a realizar unha dinamización e rehabilitación baseada na especulación e nun ocio dirixido, entendendo por dinamizar un barrio que xente doutras zonas e parroquias de Vigo, así como o turismo, se achegue ao centro histórico para consumir ou pasar o seu ocio". Sinalan, finalmente, que o traballo de rehabilitación do Consorcio busca "atraer o interese de investidores privados que queiran investir no barrio. Pensamos que forma parte do intento de transformar a economía do barrio ao sector servizos, xa sexa a través de bares na zona baixa ou con tendas moi especializadas (fotografía, produtos ecolóxico, ou sectores de profesión máis liberais) na zona alta da Ferrería".

 

Posibles solucións

Dende Anova demándase que a solución para o barrio pasa por "promover un banco de vivendas en aluguer, co obxectivo de que o acceso á vivenda sexa democrático"

Dende Anova demándase que a solución para o barrio pasa por "promover un banco de vivendas en aluguer, co obxectivo de que o acceso á vivenda sexa democrático". Engaden que tamén "debe incrementarse a dotación de servizos no barrio, por exemplo coa construción dun novo aparcamento para os veciños e veciñas". "Deben incrementarse igualmente as axudas á rehabilitación, para fixar a poboación actual", din e piden "substituír o valor de cambio especulativo que queren darlles aos centros históricos por un valor de uso, cun modelo participativo, no que a xente poña enriba da mesa as súas necesidades".

Santiago Domínguez chama a completar o traballo iniciado na lexislatura anterior: "O traballo do Consorcio para a compra e rehabilitación de vivendas está funcionando ben, e tras esa rehabilitación física, debe comezar unha segunda fase de rehabilitación social, que debe facerse en cooperación cos comerciantes e coa hostalaría da zona". Domínguez conclúe que "se está no bo camiño e o importante é que se completen os proxectos iniciados, porque quedan moi poucas zonas por rehabilitar. Cando un casco vello se comeza a rehabilitar e a dotar de actividades, iso é algo que tes que manter no tempo. É cuestión de vontade política".

Macías: "Xa se está notando unha maior actividade comercial, pero o que hai que conseguir agora é que máis xente vaia vivir ao casco vello"

Henrique Macías tamén sinala a importancia de completar algunhas das actuacións pendentes e a piques de pecharse, coma a apertura do edificio do rexistro da propiedade, ou o plan de rehabilitación do Berbés. "Hai que continuar co labor do Consorcio, porque a súa actuación non se pode deixar a medio facer", afirma. Macías é relativamente optimista de cara ao futuro do barrio: "Xa se está notando unha maior actividade comercial, pero o que hai que conseguir agora é que máis xente vaia vivir ao casco vello, solucionando algunhas das eivas actuais, coma o aparcamento ou a necesidade de que o barrio conte cun supermercado, do que actualmente carece". En canto ao Berbés, afirma que debe conseguirse a implicación da Autoridade Portuaria, que debe autorizar a derrubar o muro que separa o Berbés do mar, e "debe conseguirse a peatonalización de toda esa zona". Finalmente, considera prioritaria a recuperación das axudas a rehabilitación, que antes existían, pero que a Xunta leva dous anos sen convocar.

Para o colectivo Xentrificación Vigo, calquera proceso de rehabilitación "ten que abrir un diálogo construtivo e participativo entre a cidadanía"

Para o colectivo Xentrificación Vigo, calquera proceso de rehabilitación "ten que abrir un diálogo construtivo e participativo entre a cidadanía, e o que é máis importante, que todos os sectores que habitan o barrio antes da rehabilitación se teñan en conta para crear un tecido social conxunto, atendendo as necesidades particulares de cada colectivo (como é o caso dos xitanos, drogodependentes, prostitutas, xente maior...)". Afirman que "o abandono conseguiríase frear, sen caer nun proceso especulativo, a través da rehabilitación e construción dun parque de vivendas de protección oficial onde a xente puidese acceder a través dun alugueiro social". "Outros xeitos de atender as necesidades sociais é creando unha partida de orzamentos para un programa de axuda social específico para a zona vella, ademais de crear zonas onde se permita estabelecer tecido social, como poden ser zonas verdes ou hortas comunitarias", engaden.

Edificio da Pinacoteca CC-BY-NC-SA Septem Trionis
Outra imaxe do casco vello de Vigo CC-BY-NC-SA Taburete
Casco Vello de Vigo CC-BY-NC-SA Septem Trionis

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.