300 cruceiros ao ano en pleno debate sobre contaminación e masificación turística

Tres cruceiros con 12.500 persoas a bordo no porto da Coruña o pasado setembro e evolución do número de cruceiristas nos portos galegos CC-BY-NC-SA Montaxe: Praza.gal | Foto: © Autoridade Portuaria da Coruña

As cifras deste tipo de turismo disparáronse tras a pandemia e A Coruña consolidou a súa posición dominante sobre Vigo, invertendo a situación oposta que se rexistraba ata hai unha década

O pasado 29 de setembro coincidiron no porto interior da Coruña tres cruceiros á vez con 12.500 persoas a bordo, entre pasaxe e tripulación. Un desembarco turístico nun tempo e espazo limitados que as visións favorables do fenómeno presentan como unha inxección económica para a cidade. Porén, as visións críticas contrapóñeno coa contaminación que provocan esas grandes cidades flotantes e co custo e molestias para os lugares de acollida e os seus habitantes que implican eses desembarcos masivos.

Máis alá desas coincidencias puntuais en porto -tanto na Coruña como en Vigo- de dous ou tres buques á vez, a chegada de cruceiros a Galicia acadou en 2024 novos récords tantos de barcos como de pasaxeiros, cifras deste tipo de turismo que se dispararon tras a pandemia. 

Segundo os datos do Instituto Galego de Estatística (IGE), ata o mes de novembro incluído os cinco portos de interese xeral do Estado en Galicia recibiran 289 cruceiros e preto de 650.000 cruceiristas. E para decembro os portos de Vigo e A Coruña prevían outra ducia máis de barcos -primavera e outono, cunha relativa baixada en xullo e agosto, son as épocas do ano con máis cruceiros-. Así que, á espera das cifras oficiais, o ano pode rematar arredor dos 300 cruceiros e 700.000 pasaxeiros.

As cifras contrastan coas que se rexistraban ata hai unha década, cando había un terzo menos de barcos e case a metade de pasaxeiros. Un aumento no que tivo un papel fundamental o porto da Coruña, que comezou a competir e mesmo adiantou o de Vigo, que fora o dominante durante as décadas previas non só en Galicia senón en todo o noroeste peninsular, de Bilbao ata Porto. 

Primavera e outono son as épocas do ano con máis cruceiros, cada vez máis grandes, pero Galicia aínda está lonxe das cifras do Mediterráneo ou Canarias, con 4.500 barcos e 10 millóns de pasaxeiros no global estatal

Pero nesta última década a competencia chegoulle a Vigo non só por parte da Coruña senón tamén de Porto, onde se abriu en 2015 unha nova terminal de cruceiros, con barcos que fan escala nesas dúas cidades e xa non no porto vigués intermedio. Uns barcos cada vez máis grandes e con máis pasaxe nas dúas principais cidades galegas pero que seguen sendo puntuais no resto de portos galegos, con menos dunha vintena de buques máis pequenos cada ano en Ferrol e media ducia en Vilagarcía. Canto ao porto de Marín, os seus plans para empezar a competir neste eido non acaban de arrancar.

As cifras galegas, en todo caso, seguen sendo unha moi pequena parte do turismo de cruceiros a nivel estatal, con 4.500 barcos e máis de dez millóns de pasaxeiros ao ano concentrados no Mediterráneo e as illas Canarias.

Cruceiros turísticos no peirao de trasatlánticos de Vigo, nunha imaxe promocional da Autoridade Portuaria © AP Vigo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.