Tres cruceiros no mesmo día no porto da Coruña con 12.500 persoas a bordo. A Autoridade Portuaria salienta que desde xaneiro xa van cen escalas e que en setembro agárdanse 27 máis "con varias xornadas nas que coincidirán dous ou tres cruceiros".
Fálase
Descuberta na Illa de Tambo unha especie de musgo única en Galicia. O botánico José Luis Caamaño achou exemplares de Rhynchostegiella tenella (Dicks.) Limpr., un musgo diminuto, con pólas de ata 3 mm e follas de ata 0,8 mm, que forma tapices en lugares sombrizos e húmidos, “como un veo de apariencia fantasmagórica” en rochas ou paredes, informa Adega. Na Península Ibérica está presente na zona mediterránea e o máis próximo citouse en Asturias, segundo explica a asociación ecoloxista, que incide na necesidade de protexer a Illa de Tambo e a súa contorna como ENIL (Espazo Natural de Interese Local), pendente de aprobación polo Concello de Poio e a Xunta.
Dimite a primeira tenente de alcaldesa de Cangas, Iria Malvido, do PSdeG, tras dar positivo en alcol mentres conducía a pasada fin de semana. O BNG, que ten a alcaldía, pedira ao PSdeG que substituíse a Malvido ou a expulsaría do goberno de coalición que comparten. [Foto: Concello de Cangas]
Rueda, Pontón ou Besteiro amosan as súas condolencias polo falecemento de Santiago Rey, editor de La Voz de Galicia. Será velado no museo que leva o seu nome, situado na sede de La Voz no polígono de Sabón, en Arteixo.
Falece Santiago Rey Fernández-Latorre, presidente e editor de La Voz de Galicia, segundo confirma o xornal. Cunha traxectoria de máis de sesenta anos no sector da información e a comunicación, morreu aos 85 anos e será velado no museo que leva o seu nome, situado na sede de La Voz no polígono de Sabón, en Arteixo. [Fotografía © La Voz de Galicia]
O Goberno alega “indefensión” ante a UE por cuestionar a prórroga da AP-9. O Goberno de España alegou "indefensión" ante o expediente infractor aberto pola Comisión Europea pola presunta infracción normativa na ampliación da concesión da AP-9, aprobada en 2000 polo goberno de José María Aznar, e sinalou que se vulnerou o principio de seguridade xurídica ao cuestionar unha decisión "máis de 20 anos despois" con base a unha xurisprudencia que non se pode aplicar neste caso. Así consta no informe remitido á Comisión, en resposta á segunda carta de emprazamento enviada a España, segundo informa Europa Press.
- Esta fin de semana remataría a peaxe da AP-9 se Aznar non a prorrogase ata 2048
- HEMEROTECA: Os beneficios da AP-9 disparáronse un 70% no primeiro semestre, con 18 millóns en subvencións ás peaxes
- HEMEROTECA: A ilegalidade que a UE detecta na prórroga de Aznar a Audasa ata 2048 fai revivir a súa controvertida privatización
Convocada folga nas ITV galegas para o 6 de setembro. O persoal das ITV galegas acordou, en asemblea, convocar unha xornada de folga, tanto nas estacións fixas como nas móbiles, para o venres día, 6 de setembro. Nun comunicado, lamenta que non houbo contacto algún nin coa Xunta, nin coa concesionaria, SyCApplus, desde que iniciaron as protestas, o 10 de agosto.
O Goberno de España retira as medallas ao Mérito no Traballo ao expresidente de Novacaixagalicia Julio Fernández Gayoso e ao expresidente da Confederación Española de Organizacións Empresariais (CEOE) Gerardo Díaz Ferrán. Ambos foron condenados pola xustiza, con penas de cárcere. A medida foi impulsada polo Ministerio de Traballo e aprobada no Consello de Ministros deste martes.
- HEMEROTECA (2022) | Feijóo recupera á conselleira da fusión das caixas para a cúpula económica do PP
- HEMEROTECA (2022) | Novacaixagalicia, caso pechado
- HEMEROTECA (2020) | Dez anos da fin de Caixanova e Caixa Galicia que precipitou o seu rescate con 9.000 millóns públicos
- HEMEROTECA (2013) | Vigo retíralle a Gayoso a medalla da cidade
Leonor de Borbón, herdeira da xefatura do Estado, ingresa este xoves na Escola Naval de Marín. Na imaxe, da Casa Real, durante a súa visita a Marín o pasado 16 de xullo na entrega de despachos.
Un sismo de intensidade 5,3 na escala de Richter séntese en todo Portugal. O tremor comezou pasadas as cinco da mañá (hora portuguesa) preto de Sines pero chegou, con menor intensidade, ata o norte do país. Segundo o Instituto Português do Mar e da Atmosfera xa se contabilizaron tres réplicas. En Galicia, o sismo sentiuse en diferentes lugares das provincias de Pontevedra, Ourense e A Coruña. [Mapa de EMSC]