Pouco antes de comezar o acto, o BNG, xunto con ERC e Bildu, reiterou a súa negativa a participar este martes na xura da Constitución ante as Cortes por parte da princesa Leonor en Madrid e que a converten oficialmente en herdeira ao trono de España. As tres formacións din non querer formar parte "do enésimo intento de perpetuar a monarquía", unha institución que consideran "arcaica e opaca" e á que acusa de "amparar sistematicamente a corrupción e ser contraria aos intereses populares".
Nun comunicado conxunto, as tres forzas soberanistas insistiron no seu rexeitamento a asistir a un acto protocolario no Congreso no que estiveron ausentes seis grupos e varios ministros. Non acudiron os deputados do Bloque, Bildu, Esquerra, Junts e PNV, pero tamén faltaron case todos os de Sumar, así como as ministras Ione Belarra, Irene Montero e mais Alberto Garzón.
BNG, ERC e mais Bildu rexeitaron participar na "lexitimación da Casa Real e dos seus privilexios" e dunha monarquía "herdeira da ditadura"
Foi ás 11.30 cando a princesa Leonor —no seu 18º aniversario— xurou a Constitución, polo que formalmente podería ser xa raíña de España no caso de falecemento, incapacidade ou abdicación do rei Felipe VI. “Xuro desempeñar fielmente as miñas funcións, gardar e facer gardar a Constitución e as leis", dixo.
Ocorreu nunha sesión conxunta das Cortes (Congreso e Senado), cun alto compoñente militar e o único discurso alleo á monarquía por parte da presidenta do Congreso, Francina Armengol, que falou dun "acto histórico que amosa o compromiso da princesa herdeira coa nosa cidadanía". "O xuramento é a expresión pública do respecto á nosa Constitución e do respecto ao noso ordenamento xurídico", dixo, ademais de usar o galego, o catalán e o éuscaro para citar a Xohana Torres, Vicent Andrés Estellés e Felipe Juaristi.
Seis grupos políticos e varios ministros non participaron nun acto onde Armengol citou o emblemático verso "Eu tamén navegar" de Xohana Torres
A presidenta do Congreso insistiu en destacar a "diversidade e pluralidade" do Estado e a necesaria defensa e loita pola "igualdade" entre homes e mulleres. Foi aí onde fixo alusión ao coñecido verso de Xohana Torres no seu poema Penélope, que serve de emblema para a literatura e o movemento feminista en Galicia: "Eu tamén navegar".
"Só tres palabras, que son un emblema, nun día histórico coma o de hoxe, entre estas paredes que acollen a liberdade de todo un país, do que considero debe ser un dos nosos grandes retos como sociedade: a igualdade real entre homes e mulleres. A igualdade real, en definitiva, entre todas as persoas", defendeu Armengol. "O verso di así —continuou—: Eu tamén navegar. Yo también quiero navegar", explicou.
Armengol gabouse do compromiso cun país "cohesionado, respectuoso, consciente e orgulloso da súa diversidade". "Un país aberto e próspero, onde a paz social permite a convivencia e onde se persigue o benestar da cidadanía", dixo nun hemiciclo con numerosas ausencias do ámbito do nacionalismo e da esquerda e no que estivo presente o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, así como outros moitos cargos institucionais.
Así, para BNG, ERC e Bildu, participar neste acto suporía formar parte da "lexitimación da Casa Real e dos seus privilexios", así como tamén "da propia Constitución que nin recoñece nin respecta os anhelos presentes e futuros das maiorías sociais" das súas nacións, segundo explican.
Na declaración conxunta, Bloque, ERC e a esquerda abertzale cualifican a monarquía española como "un dos máximos expoñentes da negación dos dereitos civís, políticos e nacionais", así como "a expresión máxima da desigualdade, os privilexios e a impunidade fronte ao resto de cidadáns e cidadás". "Monarquía herdeira da ditadura e peza fundamental do Réxime que implicou e aínda implica un ferrolllo ás aspiracións nacionais e sociais das nosas nacións", insisten.
"Nin o rei nin as súas herdeiras contan coa lexitimidade das nosas sociedades e non lles recoñecemos ningunha función política nin institucional", di o comunicado conxunto, que advirte que "a imposición e a negación foi a única receita dirixida" pola monarquía aos seus pobos, "como quedou de manifesto no discurso pronunciado o 3 de outubro contra a cidadanía catalá e o seu exercicio de decisión democrático".
Para as tres formacións nacionalistas, a monarquía "representa as elites fronte á maioría" e "a imposición fronte á democracia". "Valores todos eles contrarios ao sentir maioritario das nosas sociedades e das maiorías sociais do estado", din, e chaman á "ruptura coa herdanza monárquica e o réxime que dela emana" como única forma de garantir "os valores republicanos de igualdade, xustiza, liberdade e democracia".
"Unha democracia real só será viábel desde o respecto e recoñecemento aos dereitos nacionais e sociais, ás liberdades e vontades democráticas de todos os pobos e nacións do Estado", conclúen.
Xa que logo, o deputado do Bloque, Néstor Rego, foi unha das numerosas ausencias coas que contou o acto institucional e protocolario que supón un paso máis na sucesión da Coroa e tamén o cumprimento do requisito legal da princesa Leonor de xurar a Constitución. Replicará así o feito por seu pai en 1986, que xurou tamén lealdade á Carta Magna logo de que o avó de Leonor e pai do actual monarca, en 1969, prometese lealdade aos principios do Movemento Nacional da ditadura franquista.