Feijóo recupera á conselleira da fusión das caixas para a cúpula económica do PP

Alberto Núñez Feijóo e Marta Fernández Currás, en novembro de 2009 no Parlamento con José Luis Méndez (Caixa Galicia) e Julio Fernández Gayoso (Caixanova), tras a primeira xuntanza sobe a posible fusión CC-BY-SA Conchi Paz / Xunta

A fusión de Caixa Galicia con Caixanova pasou por moitas mans. Foi impulsada de maneira decisiva pola Xunta e recibiu o visto e prace dos organismos precisos, entre eles o Banco de España. Pero foi unha única man a que asinou a autorización da operación, daquela obrigatoria, por parte do Goberno galego o 18 de novembro de 2019. Foi a man de Marta Fernández Currás, na altura conselleira de Facenda do primeiro Executivo presidido por Alberto Núñez Feijóo e antiga interventora xeral da Xunta.

A sinatura de Currás, a conselleira da fusión das caixas, xa fora inserida meses antes polo gabinete de Feijóo en entre outras dúas rúbricas, as de Julio Fernández Gayoso, presidente de Caixanova, e José Luis Méndez, director xeral de Caixa Galicia, no documento en que ambos "acordaban inicial oficialmente os contactos" para unírense. Con aquelas letras e sinatura manuscritas en marzo de 2010 o Goberno do PPdeG quixera deixar claro o seu papel clave na operación.

Páxinas do informe co que a Xunta autorizou a fusión das caixas, entregado ao Parlamento por orde xudicial en 2020. De fondo, comunicado do 18 de novembro de 2010 sobre o visto e prace á operación CC-BY-SA Praza Pública

Currás deixou de ser conselleira ata finais de 2011, cando Mariano Rajoy a elixiu como secretaria de Estado de Orzamentos tras gañar as eleccións con maioría absoluta, ás ordes de Cristóbal Montoro como ministro de Facenda. Permaneceu no posto ata 2016, cando foi remudada, e dende 2017 traballa para a filial española consultora privada Ernst & Young Global (EY España) como "socia responsable da área fiscal en Galicia  e socia da área do sector público".

O ex-presidente incorpora á directiva do PP a Marta Fernández Currás, quen como responsable de Facenda do Goberno galego asinara a autorización da fusión de Caixa Galicia con Caixanova, documento que a Xunta mantivo oculto durante anos, ata que foi condenada a entregalo ao Parlamento

É con esta bagaxe coa que o ex-presidente Feijóo volveu fichar a Currás, agora na súa condición de líder estatal do PP. Faino para integrala na denominada Vicesecretaría de Economía da formación conservadora, que dirixe o ex-conselleiro andaluz Juan Bravo. A Currás encoméndalle a área de "Facenda e Orzamento" como representante de Galicia nun organigrama no que tamén figura o actual vicepresidente primeiro da Xunta, Francisco Conde, como responsable de innovación, e mais os conselleiros do Medio Rural e do Mar.

Aquel documento asinado por Currás en 2010 para avalar a fusión das caixas no nome da Xunta foi ocultado polo Goberno galego durante anos. O ex-deputado Antón Sánchez (AGE 2012-16 e En Marea/Común da Esquerda 2016-20) reclamouno dende 2013 no Parlamento no marco da comisión de investigación sobre a fracasada fusión, pero a Xunta non llo entregou. Seguiu sen facelo ata que Sánchez o reclamou a través da Xustiza e o Tribunal Superior lle deu a razón en 2020.

Foi daquela cando saíu á luz o contido do documento, de apenas cinco páxinas nas que a Xunta non achegara ningunha cifra ou pescuda de seu sobre as situación das entidades financeiras sobre as que tiña a responsabilidade legal de supervisión. Tampouco facía mencións ao informe que, por un millón de euros, encargara á consultora internacional KPMG para impulsar a fusión. 

Currás foi tamén quen afirmou publicamente que o informe encargado pola Xunta a KPMG por 1 millón de euros era unha "auditoría" que "avalaba" a fusión. Anos despois admitiría que non era tal

Fora a propia Currás a encargada de presentar en sociedade os resultados daquel traballo e de afirmar que se trataba dunha "auditoría externa" que "avalaba a solvencia da fusión das caixas". En realidade, como acabaría admitindo a propia Currás anos despois, KPMG nin fixera unha auditoría nin avalara a fusión aínda que o Goberno galego dixera tal. 

A fusión, en calquera caso, saíu adiante. Deu lugar a Novacaixagalicia, a aventura financeira que durou apenas uns meses ata quebrar e ser rescatada polo Estado por un montante superior aos 9.000 millóns de euros públicos dos que apenas foron recuperados 1.000, os obtidos pola súa venda rápida ao banco venezolano Banesco, que a converteu na actual Abanca.

Documento de inicio da fusión das caixas no que a Xunta inseriu a sinatura de Marta Fernández Currás como conselleira de Facenda en marzo de 2010 CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.