Descuberta na Illa de Tambo unha especie de musgo única en Galicia. O botánico José Luis Caamaño achou exemplares de Rhynchostegiella tenella (Dicks.) Limpr., un musgo diminuto, con pólas de ata 3 mm e follas de ata 0,8 mm, que forma tapices en lugares sombrizos e húmidos, “como un veo de apariencia fantasmagórica” en rochas ou paredes, informa Adega. Na Península Ibérica está presente na zona mediterránea e o máis próximo citouse en Asturias, segundo explica a asociación ecoloxista, que incide na necesidade de protexer a Illa de Tambo e a súa contorna como ENIL (Espazo Natural de Interese Local), pendente de aprobación polo Concello de Poio e a Xunta.
