O subdelegado de Defensa en Pontevedra e o alcalde de Poio asinaron o documento de transferencia da Illa de Tambo ao Concello
A Illa de Tambo xa é do Concello de Poio, que recupera este enclave xestionado ata este martes polo Ministerio de Defensa. Nun "día histórico", o subdelegado de Defensa en Pontevedra, Miguel Cortés, e mais o alcalde do Concello de Poio, Luciano Sobral, asinaron o documento de transferencia que cumpre así cunha demanda histórica da veciñanza.
Nun acto no exterior do Mosterio de Poio que contou coa presenza de numerosos representantes políticos e de membros dos colectivos que forman parte da Comisión de Seguimento da Illa de Tambo, o alcalde poiense destacou que a sinatura “culmina un camiño que non foi doado, pero que chegou a bo porto grazas ao traballo e a implicación de todas as partes”.
"Acadamos o que parecía imposible. Agora, comeza un novo tempo para un espazo sen comparación como é Tambo, que merece o maior dos nosos esforzos para que poida ser gozada pola veciñanza nas melloras condicións”, engadiu Sobral sobre unha loita que, en 2013 levou a que un grupo de veciños e veciñas de Combarro declarasen a "República Independente" na illa en protesta polo "estado de abandono do lugar" e a ausencia de plans para a súa recuperación por parte de Concello e Xunta.
"O traslado deste espazo de gran valor natural e ambiental e de primeiro nivel é un acontecemento histórico, resultado da cooperación estreita. Cumprimos cunha demanda histórica para Galicia e para o Concello de Poio", destacou o delegado do Goberno en Galicia, José Miñones.
A Illa de Tambo sitúase no fondo da ría de Pontevedra e está separada de Poio por unha canle de escasa profundidade de pouco máis de 1 quilómetro.
A Illa de Tambo foi militarizada en 1943, ano no que os herdeiros de Montero Ríos vendéronlla á Armada
Propiedade dos monxes de Poio desde o século XII, a desamortización de Meindizábal facilitou a súa compra por parte do daquela ministro de Xustiza, o santiagués Eugenio Montero Ríos, xa no século XIX. Coa creación da Escola Naval Militar de Marín, en 1943, a illa militarizouse, pasou a ser empregada como arsenal e vendida polos herdeiros á Armada.
Ata este martes de Entroido, case 80 anos despois, no que se asinou un acordo polo que o Concello de Poio poderá xestionar libremente a illa a través dunha concesión demanial por 25 anos, paso previo á cesión definitiva á administración local, que agora ten como algúns dos retos a recuperación do sistema dunar e do castro que ocupa toda a parte central dio enclave, ademais do necesario acondicionamento forestal.
Precisamente, e logo do acto deste martes, levouse a cabo unha visita guiada á Illa de Tambo onde integrantes do colectivo Illa de Tambo e o arquitecto César Portela explicaron aos asistentes a relevancia dalgúns dos "grandes tesouros" existentes no enclave, como os retos do lazareto, da capela de San Miguel ou do antigo polvorín.