"Hoxe, 14 de Abril de 2013, ás 12,00 horas, reunidas varias persoas da Freguesía de Combarro, deciden de mutuo acordo declarar o territorio denominado Illa de Tambo, sito na Ría de Pontevedra, fronte aos Concellos de Marín e de Poio, como República Independente de Tambo". Deste xeito comeza a declaración de independencia deste espazo realizado por un grupo de veciños e veciñas. Denuncian o "estado de abandono do lugar" e a ausencia de planeamentos por parte do Concello de Poio e da Xunta "para outorgarlle o destino que se merece".
Denuncian o "estado de abandono do lugar" e a ausencia de planeamentos por parte do Concello de Poio e da Xunta "para outorgarlle o destino que se merece"
Na declaración saliéntase que "non existe tutela algunha por parte das administracións públicas, sendo manifestamente visible o estado de abandono dende a última intervención dos veciños de Combarro, no verán de 2011" e que "nin o Concello de Poio, nin a Xunta de Galiza teñen elaborado planeamento algún para outorgarlle o destino que se merece". Ademais, lémbrase que "como acto de sabotaxe, unha vez derrubada unha parte do porto de acceso, ninguén acadou resolución algunha para súa reparación". Conclúen que "non podemos permitir por máis tempo que un recurso socio-cultural, paisaxístico e con particularidades ambientais, continue na desidia, impedindo con elo poder contar cun importante complemento para o desenvolvemento local e comarcal".
Como resolución final, acordaron que "unha vez desaparezan os motivos da situación actual, negociaremos unha saída pactada, sen renunciar a súa desaparición e integración na República Galega".
"Unha vez desaparezan os motivos da situación actual, negociaremos unha saída pactada"
Veñen de constituír ademais "un goberno provisorio, ata a celebración de eleccións". Por ese motivo fan un chamamento a que "todas as persoas interesadas en formar parte do mesmo", se inscriban a través do corre eléctronico cmontescombarro@gmail.com. E recomendan seguir a súa conta de twitter e a páxina de facebook.