O primeiro foro Praza na ágora, organizado pola Deputación da Coruña en colaboración coa Fundación Praza Pública, foi un debate participativo -e esperanzador- sobre o papel da mocidade na crise democrática
"Vir aquí dicir algo, o que sexa, é tamén facer política". A reflexión de Martín Salvado, economista e un dos coordinadores do primeiro foro Praza na ágora, pairou sobre as numerosas intervencións que durante todo este venres encheron de contido o encontro celebrado en Santiago co título O papel da mocidade na crise democrática. Organizado pola Deputación da Coruña en colaboración coa Fundación Praza Pública, Praza na Ágora quixo dar voz á mocidade fronte a outros estrondos que a silencian.
Foi un debate participativo -e esperanzador- que amosou que a mocidade está cansa polas súas condicións vitais pero que tamén mantén a rabia que tradicionalmente se asociou coa rebeldia da pouca idade. A cousa é como canalizar esa rabia "para defender os dereitos humanos ou para reducilos" e que os que opten por isto último, "os malos, non fagan máis ruído". Un reto para o que este venres se achegaron múltiples diagnósticos e propostas.
A visión desde a academia
O foro estivo organizado arredor de tres beefs, mesas de debate así denominadas nunha chiscadela á linguaxe popular para referirse aos tirapuxas dialécticos. O primeiro, A visión desde a academia, moderado por Llerena Perozo, contou coa antropóloga e activista Luzía Oca, o profesor de Ciencias Políticas Serxio María Rodríguez e a estudante de Xestión Cultural e representante estudantil Xela Rodríguez Domínguez.
Serxio María Rodríguez salientou que a ciencia política distingue "individuos, institucións e procesos", e que os individuos necesitan normas para relacionarse entre si. Con esas premisas, "agora mudaron os modais do discurso político pola individualización das nosas sociedades", di, xa que "antes buscabamos pensamento político, agora identidade política". Para o politólogo "o fascismo do século pasado actuaba nunha sociedade de masas mobilizada, a dereita radical de agora entra polas pantallas, vai ao individuo, á identidade política, fronte ao pensamento que é reflexivo". E atopa quen a escoite en "xente á que o sistema non está a tratar ben, fronte o aturdimento do centro-dereita e a soberbia de parte da esquerda de pensar que esa xente ten que estar con ela por defecto".
Xela Rodríguez quixo evidenciar coa súa propia experiencia que hai mocidade que se está a mobilizar máis alá da tendencia á dereita. "Estanse mobilizando grupos que igual non teñen tanto efecto mediático ou non chegan a tanta xente", asegurou, e tamén reflexionou sobre o condicionante meramente biolóxico da mocidade, o feito de ter poucos anos. "Sentimos ás veces que por ser novos, por ter menos experiencia, fai falta que nos guíen ou titorice xente con máis experiencia, e iso ás veces leva a buscar respostas máis sinxelas, como as das redes sociais", expuxo.
Luzía Oca expuxo a súa experiencia como docente e antropólogaa. "A mocidade asume que todos somos iguais", dixo, un desexo simple que contrastou "co impacto que ten facerlles ver que hai desigualdades, económicas, por sexto, de todo tipo". Hai unha mocidade que xa é consciente desas desigualdades, di, pero parte dela está "invisibilizada".
Foi neste punto do debate cando, desde o público, chegou a reflexión de que a mocidade sempre foi identificada coa "rabia", e que esta "segue aí". "A cousa é canalizar a rabia para defender os dereitos humanos ou para reducir os dereitos das persoas", foi a gran conclusión pronunciada entre o asentimento xeral das persoas presentes.
Eu que pinto aquí?
O segundo beef, co título Eu que pinto aquí?, moderado polo xornalista e director de Praza.gal David Lombao, abordou diferentes formas de compromiso xuvenil, desde a economía social e o emprendemento ata o activismo cidadán, coa participación do investigador Martín Salvado, a empresaria Aida Estévez integrante do Círculo de Xóvenes Emprendedores, e Ana Baneira, voluntaria en ONG.
A mesa comezou coa pregunta "como fas ti política", ao que Aida Estévez respondeu que ela mesma, desde a súa empresa, tenta "facer política cos nosos clientes e traballadores", respectando os seus dereitos. "Hai un desencanto cos partidos", considera, pero non pode habelo coa política e "hai que facer política tamén na casa, cos nosos fillos, falándolles de valores". E como empresaria Estévez matizou o discurso dalgunhas patronais de que a mocidade non quere traballar: "Defendo que traballen no que lles gusta cun salario decente, e senón, que non o fagan".
O debate sobre a participación individual en política derivou na cuestión sobre se o pensamento crítico se obtén na casa ou a educación formal debe proporcionar tamén formación sobre democracia
Ana Baneira coincide en que "todo é política" e di que é un "erro chamar parvos" a quen se identifica co fascismo "porque iso vén de algo". "Por que hai mocidade que se identifica con fachas? Hai que buscar a orixe, do seu enfado cos seus problemas", considera.
Para Martín Salvado "a xuventude está desencantada cos mecanismos tradicionais de participación, non é que non participe en política". "Vir aquí dicir algo, o que sexa, é tamén facer política", salientou, para apelar a que "cada un de nós ten un papel que facer a nivel local".
Nesta mesa o debate co público deu lugar á reflexión de que a educación formal non pode nin debe ser a solución para a activación da mocidade. "A EXB non foi o que nos deu o pensamento crítico aos da miña xeración, vén doutro lado", dixo un asistente veterano, ao que asentiron algúns participantes no beef salientando o papel da familia e os condicionantes aparecidos nos últimos anos coa "multicrise" económica, política e mesmo da pandemia. Pero tamén discrepou Serxio María Rodríguez defendendo a necesidade de formación académica en dereitos e política para que a cidadanía sexa activa.
Todo pasa nas redes
Xa pola tarde, o terceiro beef, Todo pasa nas redes, comezou coa proxección do documental The Social Dilemma para abrir un coloquio moderado pola enxeñeira informática, profesora na UDC e fundadora de Imaxin Software Luz Castro. Nel a socióloga, politóloga e influencer Miriam Jiménez Lastra, a xornalista e experta en comunicación dixital Marta Veiga Izaguirre e a creadora de contido Prado Rúa analizaron a influencia das plataformas dixitais na formación da opinión pública, a desinformación e os novos modelos de comunicación política e social.
Castro iniciou o debate preguntando "ata que punto somos usuarias libres e ata que punto produto das redes sociais". A resposta de Marta Veiga foi que "é unha pregunta que se fixo hai décadas Habermas" e "a resposta era que é imposible ser libre na sociedade de consumo de masas". A xornalista non cre que sexa a xente máis nova a máis indefensa. "Penso nestes grupos tipo 'no eres de Lugo si...', con usuarios de 60 anos que cren todo tipo de terraplanismos", exemplifica.
Miriam Jiménez Lastra coincidiu en que "o problema está en pensar que o noso pensamento é libre, que nesta sociedade individualizada é alleo ás estruturas sociais". "É xusto o que buscan estas multinacionais, que nos creamos individuos illados das nosas sociedades, pero o que che gusta e de quen te enamoras está condicionado pola sociedade", di."O que pensamos e cremos non é aleatorio, o bulo que che aparece no móbil está planificado, por partidos políticos con asesores que saben facer isto", engade, e considera "que teñamos xente máis racista, máis conservadora, non é aleatorio, é un proxecto político deseñado polas consultorías políticas tecnolóxicas".
Ante o debate sobre se os mesmos medos que hai agora os había no pasado coa televisión ou outros medios, Jiménez Lastra tamén contrapuxo a rapidez e fugacidade dos novos contidos: "A tele é un contido de longa duración, e hoxe os pequenos non soportan ver unha película enteira, a neurociencia ten certificado como o tipo de medio muda a nosa percepción".
Prado Rúa, polas súa banda, considera que "se tes unha ideoloxía e tentas documentarte e estás sensibilizada, podes evitar algúns perigos", pero admite que ela mesma acepta as cookies sen saber moi ben no que está clicando.
O debate tamén se produciu arredor do adecuado ou non de participar en redes ou contornas dominadas pola extrema dereita. Prado Rúa defendeu que "se nos retiramos os de esquerdas, ou os que falamos en galego, pérdese un contrapunto". Porén, Veiga apelaba a "non perder o tempo" en sitios que non teñen solución. E Jiménez Lastra amosaba o lado positivo de que "hai un internet que si é bonito, que é o que axudou ás primaveras árabes, ao movemento feminista, a que unha persoa non se sinta soa".
"Reivindicamos a praza, a ágora, porque cremos fundamental o intercambio de ideas cara a cara, queriamos parar o ruído dos algoritmos das pantallas", salientou a responsable de Dereitos Civís da Deputación da Coruña, Sol Agra
O foro deste venres, celebrado no Centro Socio Cultural Maruxa e Coralia, rematou cunha actuación musical do grupo muradán de punk rock Lisdexia e comezou a media mañá cunha apertura institucional por parte da deputada responsable de Dereitos Civís da Deputación da Coruña, Sol Agra, e do presidente da Fundación Praza Pública, Carlos Amoedo. "Reivindicamos a praza, a ágora, porque cremos fundamental o intercambio de ideas cara a cara, queriamos parar o ruído dos algoritmos das pantallas", dixo Agra, que salientou que "temos moita xente na sociedade civil que comenta ás veces timidamente nas redes, que fala ás veces timidamente nas prazas, pero cuxa voz é arrastrada polas masas". Por iso, Praza na ágora quixo analizar "por que tanta mocidade se achega aos discursos agresivos" pero "tamén que hai unha mocidade que se compromete e actúa".
Amoedo, pola súa banda, salientou que a Fundación Praza Pública non se conforma con editar o xornal Praza.gal desde hai catorce anos. "Os partidos son necesarios, pero tamén temos un papel que cumprir desde a sociedade civil, tanto interpelar aos políticos como á propia sociedade", dixo o responsable da fundación, que apostou por poñer a mocidade no foco deste primeiro foro porque "está sometida a moitas tensións vitais".
Amoedo tamén agradeceu ao Comisionado para a Celebración dos 50 anos de España en Liberdade pola súa colaboración co espazo multiplataforma Mocidade, democracia e memoria no que Praza.gal está a amosar a ollada da cidadanía máis moza sobre a política, a participación e a memoria democrática, en liña co foro celebrado este venres coa Deputación da Coruña.