
A segunda convidada na serie 'Mocidade e democracia' é Aida Estévez, empresaria e coordinadora de CIJE
Existe a percepción de que unha parte relevante da mocidade vive con desencanto o momento histórico actual e que sectores da xente nova, segundo diversos estudos, se aproximan á extrema dereita como nunca antes fixeran.
Neste panorama xeral a Fundación Praza Pública, editora de Praza.gal, ten en marcha o proxecto multimedia Mocidade, democracia e memoria, unha iniciativa que procura fuxir de tópicos e ideas preconcibidas para rastrexar o papel da xuventude neste contexto. Quer con citas presenciais, caso do foro O papel da mocidade na crise democrática, que organiza canda a Deputación da Coruña o vindeiro 25 de setembro en Santiago, quer con contidos xornalísticos pausados para profundar na cuestión.
Nesta vontade encádrase a serie de entrevistas Mocidade e democracia, que conta coa colaboración do Comisionado para a Celebración dos 50 anos de España en Liberdade. A segunda convidada é Aida Estévez, coordinadora do Círculo de Jóvenes Emprendedores (CIJE) e fundadora da consultoría viguesa 'Como Darwin'.
Ao longo da conversa ofrece a súa visión da transformación dos valores da xente moza cara ao traballo e a relación do empresariado máis novo coas inquedanzas políticas
Ao longo da conversa analiza como se están a transformar os valores laborais da mocidade actual en comparación con xeracións anteriores. Segundo explica, mentres que antes existía unha forte tendencia a "vivir para traballar", as novas xeracións prefiren "traballar para vivir", priorizando cumprir coa súa xornada laboral para despois gozar plenamente do seu tempo e da súa vida persoal.
Nesta transición, Estévez sinala que percibe unha mocidade máis acomodada que comeza a traballar sen a mesma disposición inicial para asumir certas responsabilidades profesionais. Así mesmo, no ámbito dos mozos empresarios cos que se relaciona de forma directa, apunta que non observa inquedanzas políticas definidas.
No foro 'O papel da mocidade na crise democrática'
Aida Estévez é tamén unha das convidadas ao I Foro Praza na Ágora que, baixo o título 'O papel da mocidade na crise democrática', se celebra o 25 de setembro no CSC Maruxa e Coralia, en Santiago, organizado pola Deputación da Coruña coa colaboración da Fundación Praza Pública. Participará, concretamente, no coloquio titulado Eu que pinto aquí? canda Martín Salvado, investigador en economía social; e Ana Baneira, con ampla bagaxe no activismo e voluntariado en ONGd, moderado por David Lombao, director de Praza.gal.