A socióloga, politóloga e influencer Miriam Jiménez Lastra analizou no foro Praza na ágora o efecto que as redes sociais teñen na sociedade e na democracia e como a extrema dereita ofrece respostas sinxelas a unha mocidade que non ve tan de extrema dereita
Miriam Jiménez Lastra, socióloga, politóloga e influencer, participou o pasado venres no foro Praza na ágora organizado en Santiago pola Deputación da Coruña en colaboración coa Fundación Praza Pública. Madrileña de 1997, de orixe zamorana e con diversas relacións persoais con Galicia, analizou o efecto que as redes sociais teñen na sociedade e na democracia e como a extrema dereita ofrece respostas sinxelas a unha mocidade que non ve tan de extrema dereita.
Hai unha crise da democracia? E se a hai, como se explican foros como este de defensa da democracia e do debate público?
É unha pregunta moi complexa á que nunca pode darse unha resposta de si ou non. Temos que aprender do que nos din os datos, e hai un punto que si é preocupante, a ultradereitización que ten a mocidade hoxe. Cando vemos a súa intención de voto, claramente nos homes moveuse moi á extrema dereita. Teñen unha desconfianza moi alta polas institucións democráticas. Isto o que nos di é que pode haber unha crise da democracia na mocidade. Perderon a confianza en institucións como o Parlamento, os partidos políticos. Pero casualmente aumentou a súa confianza en institucións como a monarquía ou o exército, probablemente do menos democrático que temos no noso país. Isto débenos preocupar. Despois, tampouco creo que teñamos que ser alarmistas. Os mozos, aínda que teñan unha intención de voto de ultradereita e perdesen a confianza en institucións, os seus valores non son tan de extrema dereita. Cando observamos actitude vemos que aínda que non estean a favor do feminismo, si están a favor da igualdade. Probablemente iso sexa unha resposta contra as institucións, contra o Ministerio de Igualdade, contra os partidos que levaron por bandeira o feminismo, etcétera. Ao fin eles teñen uha resposta que consideran antisistema, despois de oito anos dun goberno progresista que non conseguiu cubrir as necesidades materiais que ten a mocidade hoxe, como é vivenda, salarios dignos, pensar que hai esperanza no futuro, porque esta é unha cousa importante que se lle roubou á mocidade. Ante esta situación teñen unha resposta antisistema.
E aínda que é verdade que as mulleres mozas amosaron nas últimas enquisas unha repunta cara á dereita, non é un xiro tan dramático como o dos homes mozos. Igual tamén nos di que o tema de xénero aí é importante e que os movementos feministas non incluíron os homes, homes que crearan novas masculinidades onde se puideran desenvolver. Os únicos espazos para homes que quedaron foron os de extrema dereita, onde eles podían seguir sendo os homes como foran educados sen ter que formularse nada, sen ter que sentirse incómodos. Dicíanlles 'ven aquí, podes ser ti mesmo'. Fronte a sentirte incómodo e cuestionarte e non ter referentes de nova masculinidade, si había referentes dunha masculinidade hexemónica e espazos seguros para eles na extrema dereita. Iso pode axudar a entender que teñen un baleiro de representación, de outro xeito de facer as cousas.
Pero hai esperanza?
Si, sempre hai que ser esperanzador. Os marcos nos que falamos afectan a como visualizamos o noso futuro. Sempre hai que ir coa esperanza por medio, pero tamén é algo non só hai que pensala, hai que traballala. Na esperanza milítase. E este foro creo [Praza na ágora] milita a esperanza.
Como podemos contribuír cada un de nós á democracia e a un debate san en redes sobre a democracia?
"Non temos que informarnos por redes sociais, temos que ver máis o telediario, escoitar a radio, abrir xornais, e comparar"
Aínda que pareza mentira, creo que hai que empezar a ver máis o telediario, a escoitar máis a radio, a informarse por medios minimamente neutrais aínda que poidan estar posicionados, pero que contan todos, unha diversidade de noticias alta. E creo que hai que escoitar diversas cadeas e saír das redes sociais. Non temos que informarnos por redes sociais, temos que volver a ler xornais, abrir El mundo e abrir El País e comparar. Por outra banda, hai que dotar á sociedade de ferramentas para saber diferenciar que é unha noticia, unha fake news, un bulo, que a xente poida ter criterio propio. A xente deixou de poder identificar que está feito con intelixencia artificial. Unha falta de alfabetización dixital non só da mocidade. O problema teno toda a sociedade e temos que empezar a adoptar toda a sociedade ferramentas de alfabetización dixital para saber movernos en internet con criterio propio e mentalidade crítica.
As redes sociais en Galicia e en galego teñen por definición menos alcance que noutros ámbitos e idiomas, a nivel estatal ou internacional. Hai algunha peculiaridade do debate público en función do tamaño dos foros de debate? Quero dicir, ao veciño do edificio non adoitamos agredilo... ou si, hai de todo. Hai menos agresividade en espazos máis pequenos?
Depende do medio e do enfoque do medio. Hai medios moi pequenos, cadeas locais, que teñen un posicionamento moi pechado. E se a posición do medio é nesgar, estigmatizar, vai estigmatizar tamén ao veciño. Se a posición é que queren que odies ao teu veciño e non ao fondo voitre, vas odiar ao teu veciño e non ao fondo voitre. Agora mesmo, en todos os lugares, independentemente da nación, o problema da vivenda está facendo baleirar os barrios, e iso xa nos di moito de que vas odiar o teu veciño porque non vas saber quen é. Daquela eu creo que hai problemas estruturais que superan e pasan por riba das comunidades máis pequenas.
As redes uniformizan, pluralizan, ou fan as dúas cousas á vez? Os algoritmos amosan o que queren, pero tamén se poden atopar grupos de apoio a diversas peculiaridades.
"Internet non é o problema, é o que as grandes corporacións fan con internet"
Os algoritmos das redes agora mesmo son ou de cámara de eco, de que vas ver só a quen pensa coma ti, ou ao revés. De engagement, que che gusta, ou enragement, que odias. Así que polarizan moito, non son espazos de debate san, non axudan a ver cousas diferentes. Creo que non hai nada mellor que debater no cara a cara e baixarse a falar con xente diferente. Ademais, creo que as redes sociais hoxe promoven estilos de vida que non son ideais, o modelo das influencers coas mesmas operacións estéticas non creo que axude a ver modelos diferentes. Iso non é realista e está xerando uns problemas inmensos na mocidade coas súas expectativas de vida. Pero tampouco todo é malo. Tamén hai xeito de atopar nas redes sociais comunidades que non se dan en persoa, que non son maioritarias. Hai xente que atopa lugares aos que non pode acceder en persoa. O movemento LGTBI é exemplo diso, o movemento vegano ofrecendo ideas. Internet non é o problema, é o que as grandes corporacións fan con internet.