"Democracia era coñecer outras ideas e non as do algoritmo": a mocidade quere escoitarse o venres en Santiago

Presentación este luns de 'Praza na ágora', que se celebra en Santiago o vindeiro venres, 25 de setembro CC-BY-SA Praza Pública

O primeiro foro Praza na ágora, organizado pola Deputación da Coruña en colaboración coa Fundación Praza Pública, quere ser un espazo de debate participativo sobre o papel da mocidade na crise democrática 

"O bo da democracia era que se puidese argumentar e que puideran cambiar a túa opinión en función dos argumentos do outro, e agora parece que xa non se fai, o algoritmo nos leva a escoitar só os argumentos cos que estamos de acordo". Quen así se pronuncia é Sol Agra, responsable de Dereitos Civís da Deputación da Coruña, que organiza este venres 25 de setembro (11.30) en Santiago, en colaboración coa Fundación Praza Pública, no Centro Socio Cultural Maruxa e Coralia, o primeiro foro Praza na ágora baixo o título O papel da mocidade na crise democrática

O encontro, cun formato "aberto", "horizontal" ou "participativo", como salientaron este luns os organizadores na presentación, contará con voces procedentes da universidade, o asociacionismo, o emprendemento ou a comunicación. 

Como se espallan os discursos de odio nas redes sociais? Está a medrar o pensamento de extrema dereita entre parte da mocidade? Que papel ten a xente nova no fortalecemento do sistema democrático? Esas e outras preguntas serán formuladas ou tentarán ser respostas nun foro que foi presentado este luns en Santiago por Sol Agra como responsable provincial de Dereitos Civís, acompañada polo presidente da Fundación Praza Pública, o tamén profesor de Dereito Administrativo Carlos Amoedo, así como por dúas das persoas que participarán no encontro, o economista e investigador en economía política Martín Salvado e a representante estudantil Xela Rodríguez

Na súa intervención, Agra considerou importante organizar un encontro presencial entre a mocidade que permita "saír das pantallas e dos algoritmos e vernos, debater de xeito amplo, porque nas redes é moi difícil contrastar ideas". A deputada provincial tamén salientou que o foro se celebre nun centro social porque, como recoñeceu Xela Rodríguez, "hai moita xente moza que vivindo en Compostela non coñece os espazos que democraticamente son de todos". Agra rematou salientando que "apoiar estas propostas é un posicionamento político sobre o que queremos facer". 

"Praza Pública tiña que dar un paso adiante para cumprir un dos seus obxectos fundacionais que é favorecer a calidade da cidadanía galega e a democracia no país", di o presidente da fundación, Carlos Amoedo

Pola súa banda o presidente da Fundación Praza Pública, Carlos Amoedo, salientou que "depois de 14 anos de impulsar o xornal Praza.gal, pensabamos que a fundación tiña que dar un paso adiante para cumprir un dos seus obxectos fundacionais que é favorecer a calidade da cidadanía galega e a democracia no país". "A medida que a xente nova avanza na súa biografía constátase que atopa dificultades para participar", considera Amoedo "como pai e como profesor universitario", polo que crear lugares de encontro axuda a mellorar esa participación. 

Presentación este luns de 'Praza na ágora', que se celebra en Santiago o vindeiro venres, 25 de setembro CC-BY-SA Praza Pública

Ademais de á Deputación, Amoedo tamén amosou o agradecemento da Fundación Praza Pública ao Comisionado para a Celebración dos 50 anos de España en Liberdade pola súa colaboración co espazo multiplataforma Mocidade, democracia e memoria no que Praza.gal está a amosar a ollada da cidadanía máis moza sobre a política, a participación e a memoria democrática, en liña co foro a celebrar este venres coa Deputación da Coruña.

Na presentación deste venres tamén interveu un dos participantes no foro do venres, o economista e investigador Martín Salvado, quen salientou "a idea de que sexa horizontal para incluír diferentes visións, non vai ser unha clase maxistral". "Quero escoitar que pensa a xente, que moitas veces di que non se sinte escoitada", asegura Salvado. 

Xela Rodríguez e Martín Salvado animan a participar no encontro 'O papel da mocidade a crise democrática' o vindeiro venres 25 durante a presentación do foro, celebrada este luns CC BY-NC-SA Praza.gal

Na mesma liña pronunciouse Xela Rodríguez, estudante do Grao en Xestión Cultural na USC, activista e representante do alumnado na Comisión de Igualdade da Facultade de Humanidades de Lugo. "O propio feito de que se me invitara xa me fai reflexionar sobre a palabra democracia, o que implica, así que ten sentido que falando de democracia e coa mocidade, o acto sexa en círculo, horizontal".

Programa

A programación deste primeiro Praza na ágora estrutúrase arredor de tres coloquios, denominados beefs, en referencia á linguaxe empregada habitualmente pola mocidade para definir os enfrontamentos dialécticos. A mañá comezará cunha apertura institucional e continuará con A visión desde a academia, moderado por Llerena Perozo, traballadora cultural, escritora e membro do padroado da Fundación Praza Pública, no que participarán a antropóloga e activista Luzía Oca, o profesor de Ciencias Políticas Serxio María Rodríguez e a estudante de Xestión Cultural e representante estudantil Xela Rodríguez Domínguez.

O programa completo do foro 'O papel da mocidade na crise democrática', o 25 de setembro en Santiago CC-BY-NC-SA Praza.gal

A continuación, Eu que pinto aquí?, moderado polo xornalista e director de Praza.gal David Lombao, abordará diferentes formas de compromiso xuvenil, desde a economía social e o emprendemento ata o activismo cidadán, coa participación do investigador Martín Salvado, Aida Estévez, integrante do Círculo de Xóvenes Emprendedores, e Ana Baneira, voluntaria en ONG.

Xa pola tarde, Todo pasa nas redes partirá da proxección do documental The Social Dilemma para abrir un coloquio moderado pola enxeñeira informática, profesora na UDC e fundadora de Imaxin Software Luz Castro. Miriam J. Lastra, Marta Veiga Izaguirre e Prado Rúa analizarán a influencia das plataformas dixitais na formación da opinión pública, a desinformación e os novos modelos de comunicación política e social.

A xornada completarase cun peche musical a cargo do grupo muradán de punk rock Lisdexia.

CC-BY-NC-SA Praza.gal

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.