"Falta falar na casa sobre o que foi o franquismo e o que significou a República"

Luzia Oca, nun intre da entrevista para a serie 'Mocidade e democracia CC-BY-NC-SA Praza.gal
https://api.praza.gal/storage/uploads/cintino-eel-1cc60d8.jpg

Luzia Oca reflexiona sobre a necesidade de abordar a memoria histórica sen paternalismos e a respecto das preocupacións políticas e sociais da xente moza dende as súas facetas de antropóloga, activista e docente na serie 'Mocidade e Democracia'

A crecente distancia entre a xente nova e o compromiso co sistema democrático puxo no centro da discusión o papel da educación e a transmisión interxeneracional de valores. Ante este escenario, xorden preguntas clave: que se percibe hoxe nas aulas universitarias e ata que punto o descoñecemento do pasado franquista inflúe no desencanto político da mocidade? 

Para profundar nestas cuestións sen caer en clixés, a Fundación Praza Pública desenvolve o proxecto multimedia Mocidade, democracia e memoria. A iniciativa combina contidos xornalísticos de análise con citas presenciais como o foro O papel da mocidade na crise democrática, organizado canda a Deputación da Coruña o vindeiro 25 de setembro no CSC Maruxa e Coralia de Santiago.

Entrevista completa con Luzia Oca na serie 'Mocidade e democracia' CC BY-NC-SA Praza.gal | Vídeo: Xarda, cooperativa galega de comunicación | Entrevista: Paula Cermeño / Pablo Vázquez

Neste marco inscríbese a serie de entrevistas Mocidade e democracia, que conta coa colaboración do Comisionado para a Celebración dos 50 anos de España en Liberdade. A protagonista desta entrega é Luzia Oca González, doutora en Antropoloxía, profesora na Universidade de Santiago de Compostela e histórica activista nos movementos sociais e feministas.

Na conversa, Oca reflexiona sobre a necesidade de abordar a memoria histórica sen paternalismos, advertindo da falta de coñecemento profundo entre o estudantado arredor do que significou a represión franquista e o salto en dereitos que supuxo a República. A través da súa experiencia docente e da súa relación directa e cotiá co alumnado, a antropóloga aborda tamén as preocupacións reais da xente nova, a fenda de xénero e a urxencia de construír espazos de escoita e empatía no ámbito académico. 

O foro 'O papel da mocidade na crise democrática' celébrase o 25 de setembro en Santiago CC-BY-NC-SA Praza.gal

Luzía Oca é tamén unha das convidadas ao I Foro Praza na Ágora sobre O papel da mocidade na crise democrática. Neste encontro, o vindeiro 25 de setembro no CSC Maruxa e Coralia de Santiago (dende as 11h30) participará na mesa 'A visión desde a academia' para debater sobre o papel da universidade, a memoria e o estudantado na crise democrática actual canda a Xela Rodríguez, estudante de Xestión Cultural e representante estudantil, e mais co politicólogo e profesor Serxio María Rodríguez nun coloquio moderado por Llerena Perozo Porteiro.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.